Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 13 de decembro de 2018 Páx. 52187

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2018, da Xefatura Territorial de Ourense, de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da rede de alimentación de gas natural, en MOP 16 bar, a Financiera Maderera, S.A. e Cogeneración del Noroeste, S.L., no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (expediente IN627A 2018/05-3).

Vista a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de referencia, que foi presentada por Nedgia Redes de Distribución de Gas, S.A., CIF A-66560152, con domicilio para efectos de notificacións en Área Central, rúa Lisboa, s/n, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela, esta xefatura territorial ten en conta os seguintes:

Feitos.

Primeiro. Situación e características

A solicitude ven acompañada do preceptivo proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López, colexiado nº 489 do ICOIIG, o cal inclúe as instalacións necesarias para a realización da subministración de gas natural, con MOP= 16 bar, ás empresas Financiera Maderera, S.A. e Cogeneración del Noroeste, S.L., no polígono industrial de San Cibrao da Viñas (Ourense).

Datos básicos das instalacións: o trazado da rede soterrada será pola rúa Ricardo Martín Esperanza do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e consiste en:

• Conexión co gasoduto existente Amoeiro-Sarreaus mediante tubaxe de aceiro Ø6” MOP 16 bar.

• Antena distribución de gas natural de 16 m ata o punto de entrega de Financiera Maderera, S.A. e de Cogeneración del Noroeste, S.L. en tubaxe de aceiro Ac 6”.

• 2 acometidas de 6 m a Financiera Maderera, S.A. e Cogeneración del Noroeste, S.L. en tubaxe de aceiro Ac 4” con dúas válvulas de corte Ac 4” PN16.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de San Cibrao das Viñas.

Orzamento: 16.631,72 €.

Segundo. Trámites de condicionados e de información pública do proxecto

Dentro do trámite de condicionados foron trasladadas separatas técnicas do proxecto aos seguintes organismos/empresas: Deputación Provincial de Ourense, Concello de San Cibrao das Viñas, R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A., Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica de España, S.A., pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ao fixaren o seu condicionamento técnico, do cal se deu traslado á empresa promotora da instalación proxectada, quen presentou a súa conformidade.

As empresas Telefónica de España, S.A. e Unión Fenosa Distribución, S.A., non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración e, en consecuencia, entendeuse a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lle corresponda outorgar.

O 12 de xullo de 2018 esta xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto, a cal foi publicada no DOG do 6 de setembro de 2018 e no BOP de Ourense do 11 de agosto. Durante o período de información pública nesta xefatura territorial e nos indicados medios, polo tempo regulamentario, non se presentaron alegacións relativas a este proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver a solicitude presentada, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes, e a Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites regulamentarios, sendo o proxecto conforme coa normativa de aplicación na materia e, en especial, co Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Xa que logo, vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

Conceder á empresa Nedgia Redes de Distribución, S.A., a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de construción da rede de alimentación de gas natural, en MOP 16 bar, a Financiera Maderera, S.A. e Cogeneración del Noroeste, S.L., no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, conforme o definido no proxecto presentado, coas seguintes condicións:

Primeira. Antes de entrar en funcionamento a instalación, a empresa autorizada deberá presentar diante deste organismo a correspondente solicitude de acta de posta en marcha acompañada do certificado de dirección de obra, das probas efectuadas e do resto da documentación segundo os requirimentos que establece o citado Regulamento técnico de distribución e as súas instrucións técnicas e a Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999.

Segunda. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. No tocante aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Quinta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A Administración resérvase para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Ourense, 30 de outubro de 2018

Santiago Álvarez González
Xefe territorial de Ourense