Antecedentes:
Primeiro. O día 19 de febreiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 35 o Anuncio do 12 de febreiro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) na contorna de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 1+100 a 5+600, de clave PO/17/139.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.
Segundo. Tras a análise dos certificados e do informe presentado, o 9 de novembro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) na contorna de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 1+100 a 5+600, de clave PO/17/139.06.
Este proxecto de construción ten por obxecto mellorar a seguridade viaria no treito do proxecto, mediante a execución dunha serie de actuacións encamiñadas a reducir a posibilidade de aparición de sinistros nunha zona de carácter urbano e periurbano, cunha elevada intensidade de tráfico.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de novembro de dous mil dezaoito,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) na contorna de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-552, puntos quilométricos 1+100 a 5+600, de clave PO/17/139.06.
Santiago de Compostela, vinte e dous de novembro de dous mil dezaoito
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade