Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2018 Páx. 51932

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 156/2018, do 22 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria no contorno de tramos de concentración de accidentes na estrada PO-549, puntos quilométricos 8+000 a 9+800, de clave PO/17/143.06, nos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa.

Antecedentes:

Primeiro. O día 27 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 244 o Anuncio do 29 de novembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria no contorno de tramos de concentración de accidentes na estrada PO-549, puntos quilométricos 8+000 a 9+800, de clave PO/17/143.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 30 de outubro de 2018 apróbase expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria no contorno de tramos de concentración de accidentes na estrada PO-549, puntos quilométricos 8+000 a 9+800, de clave PO/17/143.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para levar a cabo unha serie de actuacións que permitan evitar ou mitigar a accidentalidade que se vén producindo nos últimos anos no treito considerado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de novembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria no contorno de tramos de concentración de accidentes na estrada PO-549, pp.qq. 8+000 a 9+800, de clave PO/17/143.06.

Santiago de Compostela, vinte e dous de novembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade