Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 11 de decembro de 2018 Páx. 51892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

CORRECCIÓN DE ERROS. Anuncio do 19 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Chelo, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás, na parroquia de Mougás, do concello de Oia (Pontevedra).

Advertidos erros na Resolución do 19 de outubro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 209, do 2 de novembro, desde a páxina 47924 á 47928, cómpre realizar as correccións oportunas, todas elas relativas unicamente á súa estrutura formal.

Deste xeito, a resolución queda redactada tal e como se desenvolve deseguido:

«En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Cabezo e Chelo a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás, na parroquia de Mougás, do concello de Oia (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 10.6.2016, o presidente da comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Mougás, concello de Oia, solicita a clasificación como montes veciñais en man común, das parcelas Cabezo e Chelo a favor dos veciños da parroquia de Mougás. Coa solicitude xunta:

– Levantamento topográfico dos montes Cabezo e Chelo.

– Declaración do uso e aproveitamento consuetudinario en man común desde tempos inmemoriais polo conxunto dos veciños da parroquia de Mougás, en igualdade de dereitos e deberes e sen ningún predominio duns sobre outros, sen asignación de cotas, destacando historicamente a extracción de leñas para consumo familiar e a recollida de esquilmo de toxo, frouma e fentos para cama do gando. Na actualidade, tamén en común, o aproveitamento e a obtención de resinas dos piñeiros situados nas ditas parcelas.

Segundo. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte Chelo, obxecto deste expediente, obedece á seguinte descrición:

Concello: Oia.

Parroquia: Mougás.

Nome do monte: Chelo.

Cabida: 2.700 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Polígono

Parcela

Titulares

Norte

------------

---------

Pistas forestais

Sur

11

203

José Pombal Crespo

11

208

Maximino Salcidos Domínguez

Guadalupe Salcidos González

11

1060

Josefina Flores Trigo

Leste

4

67

Miguel González Ricoy

4

70

José Antonio González Rodríguez

4

72

Tomás Domínguez Fagúndez

4

74

Herdeiros de Filomena Domínguez Durán

4

122

Comunidade de Montes de Mougás

Oeste

11

1037

José Pombal Crespo

11

1055

Herdeiros de Ascensión Domínguez Lorenzo

11

1056

Herdeiros de Gloria González Rodríguez

11

1058

Elia Fernández González

11

1059

Herdeiros de Gloria González Rodríguez

11

1061

Herminia Pulido Álvarez

Terceiro. O 28.6.2016, o xefe da Sección de Topografía informa que a planimetría achegada permite identificar as parcelas Cabezo de 2,6721 ha, e Chelo de 0,2743 ha, da non afección a montes de utilidade pública nin patrimoniais e xunta montaxe das ditas parcelas sobre esbozo do estudo previo, antigo monte de utilidade pública número 482, ortofoto e catastro.

Cuarto. O 14.6.2017, o Xurado Provincial de MVMC acorda non incoar a clasificación da parcela Cabezo por entender que xa está clasificado dentro do monte Pousadoira (segundo estudo previo de clasificación dos montes de Mougás e a Resolución do Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra do 28.1.1983), incoar o expediente de clasificación da parcela Chelo e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 22.6.2017 ao Concello de Oia e o 26.6.2017 ao promotor da clasificación.

Quinto. O 28.11.2017, a xefa de Área de MVMC emite informe preceptivo do Servizo de Montes do predio Chelo: “a parcela Chelo corresponde coa totalidade da parcela catastral 36036A001101064 de 966 m2 e parte da parcela 36036A00400122 de 2.194 m2, ambas as dúas coa CMVMC de Mougás como titular catastral. Estas parcelas catastrais están moi preto das parcelas 509, 510 e 919 do polígono 11 a nome da CMVMC de Mougás, aínda que non son estremeiras con elas.

O monte solicitado para a súa clasificación está moi preto do límite do esbozo da carpeta ficha e do antigo monte de utilidade pública número 482 (segundo informe de topografía).

Á parcela chégase por un camiño de terra desde a estrada do Galgueiro. Está bordeada por todos os seus ventos por este camiño de terra e restos dun muro de pedra. Poboada por masa mixta de carballo, castiñeiro, sobreira e como especie principal alto fuste de piñeiro. O estrato arbustivo está formado por toxos, fentos, hedra e silva. No momento da inspección apréciase que hai aproveitamento de resina do piñeiro”.

Sexto. O 15.12.2017, o Rexistro da Propiedade de Tui certifica que o predio do que se insta a clasificación, coa información facilitada, non está inscrito no rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Tui, notifícase o trámite de audiencia, publícase o edicto no Concello de Oia, e no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 16 de xaneiro de 2018 polo que se inicia a clasificación do monte Chelo a favor da CMVMC de Mougás (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro).

Sétimo. Durante o período do trámite de audiencia non se reciben alegacións de terceiros afectados nin da CMVMC de Mougás. O 8.6.2018 o Xurado Provincial de MVMC solicita proposta de resolución de clasificación da parcela Chelo.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: “son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común da parcela Chelo queda suficientemente acreditado pola declaración de antigos usos tradicionais e o uso actual de extracción de resinas do piñeiro.

Finalmente, o feito de que na tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como monte veciñal en man común que acreditasen un uso privativo desta parcela, demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común polos veciños de Mougás, Concello de Oia.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Chelo a favor dos veciños da CMVMC de Mougás, parroquia de Mougás, concello de Oia (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito segundo e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable desta resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».