Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 11 de decembro de 2018 Páx. 51878

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

CORRECCIÓN DE ERROS. Anuncio do 10 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán, a favor dos veciños do lugar de Farán, na parroquia de Arnego, do concello de Rodeiro (Pontevedra).

Advertidos erros na Resolución do 10 de outubro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 205, do 26 de outubro, desde a páxina 47252 á 47256, cómpre realizar as correccións oportunas, referidas unicamente á súa estrutura formal.

Deste xeito, a resolución queda redactada tal e como se desenvolve a seguir:

«En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán a favor dos veciños do lugar de Farán, na parroquia de Arnego, concello de Rodeiro (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 4.1.2017 os veciños do lugar de Farán, parroquia de Arnego, concello de Rodeiro, solicitan a clasificación como monte veciñal en man común (en diante MVMC) do monte e pasteiro do Coto de Farán dunha superficie de 56,25 ha (retoman unha solicitude anterior do 3.8.2009 paralizada polos promotores da clasificación). Coa solicitude xuntan:

– Sentenza núm. 34/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín, firmeza deste procedemento e a do procedemento de menor contía 160/1985.

– Copia dixitalizada do informe pericial elaborado por dúas doutoras en historia e unha licenciada en historia, arqueoloxía e especialista en arqueoloxía da paisaxe.

– Levantamento topográfico do monte e pasteiro do Coto de Farán asinado por un enxeñeiro técnico agrícola.

– Declaración do uso e aproveitamento consuetudinario en man común dende tempos inmemoriais polo conxunto dos veciños do lugar de Farán: o aproveitamento dos esquilmos para o gando, o estrume, leñas para combustible de cociñas, lareiras e fornos. Así mesmo, a plantación de piñeiros actual e unha anterior vendida por 200.000 pesetas segundo recordan os veciños do lugar.

Segundo. Á vista da documentación achegada polos solicitantes e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Rodeiro.

Parroquia: Arnego.

Nome: monte e pasteiro do Coto de Farán.

Cabida: 285.400 m² (superficie alegada na solicitude na provincia de Pontevedra).

Estremas:

Norte: monte comunal dos veciños de Pereira.

Sur: monte comunal dos veciños da Cabana.

Leste: monte comunal dos veciños de Pobadura e herdanzas privadas dalgúns destes veciños.

Oeste: monte comunal dos veciños de Casar de Seta, herdanzas privadas dalgúns destes veciños, Mercedes Gil Sucasas, Eulogio Ledo Freijedo e Manuel Ledo Lamas.

Terceiro. O 22.2.2017 o xefe da sección de Topografía informa que a planimetría achegada permite identificar o monte e pasteiro do Coto de Farán dunha cabida de 56,25 ha, das que 27,67 ha, están na provincia de Pontevedra e as 28,58 ha restantes na provincia de Ourense. O informe é exclusivo da parte da solicitude localizada na provincia de Pontevedra, da non afección a montes de utilidade pública nin patrimoniais e que non se atopa clasificado. Xunta montaxe fotográfica do monte en cuestión sobre esbozo do estudo previo da CMVMC de Pereira (lindeira polo noroeste), ortofoto e catastro.

Cuarto. O 14.6.2017 o Xurado Provincial de MVMC acorda non incoar a clasificación da parcela de 28,58 ha, da provincia de Ourense, a iniciación do expediente de clasificación da parcela de 27,67 ha, da provincia de Pontevedra e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notificase o 22.6.2017 ao Concello de Rodeiro e o 26.6.2017 ao promotor da clasificación.

Quinto. O 28.11.2017 a xefa de Área de MVMC emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

A parcela obxecto de solicitude na provincia de Pontevedra corresponde coa totalidade da parcela catastral 36047A13600325 de 165.288 m² e máis da metade da parcela 36047A13512413 de 148.245 m² a nome de “comunal de veciños” no Catastro.

Que a parcela solicitada linda na provincia de Pontevedra co monte clasificado a favor da CMVMC de Pereira.

Que segundo consta na sentenza 34/2016 achegada polos solicitantes, existe un litixio polo monte entre os veciños de Cabana e Pobadura (provincia de Ourense) e os veciños de Farán (provincia de Pontevedra), que non queda resolto nesta sentenza e só queda claro o uso de ambos “...do feito indiscutible, de que a zona e a propiedade controvertida foi utilizada polos séculos tanto polos veciños de Farán, Casar de Seta, Pobadura e Cabana, feito recoñecido historicamente e nas declaracións das partes tanto no preito de 1980 como no de 1985, aínda que, á vista dos múltiples incidentes, o dito uso no ten sido pacífico nin indiscutido para ningunha das partes”.

Da inspección no campo: na parte de Pontevedra a metade noroeste está poboada con bastío de piñeiro silvestre procedente de plantación acompañado de toxos, fentos, xestas, urces, carqueixas e algunhas frondosas.

Sexto. O 19.12.2017 o Rexistro da Propiedade de Lalín certifica que o predio do que se insta a clasificación, coa información facilitada, non figura inscrito nese rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Lalín, notifícase o trámite de audiencia, publícase o edicto no Concello de Rodeiro e no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 16 de xaneiro de 2018 polo que se inicia a clasificación do monte e pasteiro do Coto de Farán a favor dos veciños do lugar de Farán, parroquia de Arnego, Concello de Rodeiro (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro).

Sétimo. Durante o período do trámite de audiencia recíbense alegacións dos veciños do lugar de Farán (Pontevedra), dos veciños de Cabana e Pobadura e da CMVMC de Miotos (Ourense).

As alegacións de ambas as partes do predio obxecto de clasificación xa se recollen nos fundamentos de dereito da sentenza 35/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín:

“Os veciños de Farán defenden o Foro de Farán feito por Fernando de Camba a Rui de Farán e Aldoza de Agrosanto do ano 1426 e escritura de redención outorgada a fe do notario de Chantada, José Mendoza e Ortega de 1923.

Os veciños de Cabana e Pobadura e da CMVMC de Miotos defenden o aforamento por parte de Oseira da Granxa de Pobadura e Cabana a Juan de Borraxeiros no ano 1541 e un documento privado de deslindamento de 1945”.

Oitavo. O 5.6.2018 o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra solicita á instrutora que se proceda ao estudo do expediente de clasificación e se emita proposta de resolución de clasificación do monte e pasteiro do Coto de Farán.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: “son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Deste xeito para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989, e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán non queda suficientemente acreditado polos promotores por canto unicamente presentan como proba unhas simples declaracións xuradas dos veciños do lugar de Farán que resultan insuficientes e máis cando existe un profundo litixio cos veciños de Cabana e Pobadura, da provincia de Ourense. Os veciños de Cabana e Pobadura tamén reclaman a parcela de 27,67 ha, situada no actual Concello de Rodeiro como propia, segundo as súas alegacións no trámite de audiencia.

Ningunha das partes achega proba fidedigna do actual uso ou aproveitamento do monte e pasteiro do Coto de Farán, limitándose ambas a reclamar o monte en calidade de propietarios e a confrontar títulos de propiedade; cómpre lembrar que o acto de clasificación se limita a declarar a constatación da existencia do aproveitamento consuetudinario do monte polo grupo social e a recoñecer a conseguinte titularidade dese aproveitamento a favor do grupo que o vén desfrutando, ben que ese recoñecemento de titularidade poderá ser revisado pola xurisdición ordinaria no tocante a cuestións de dominio e demais dereitos reais sobre os montes, segundo resulta do artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e á xurisprudencia do Tribunal Supremo.

A maior abastanza, non existe un aproveitamento público, pacífico e continuado por parte dos veciños do lugar de Farán como se constata nos continuos procedementos xudiciais: sentenza número 34/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número1 de Lalín. Dilixencia de constancia de firmeza da sentenza do procedemento de maior contía 154/1980 e do procedemento de menor contía 160/1985.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte e pasteiro do Coto de Farán, a favor dos veciños do lugar de Farán, parroquia de Arnego, Concello de Rodeiro (Pontevedra), ao non considerar cumpridos os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989 e a nova Lei de montes de Galicia 7/2012.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».