Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 11 de decembro de 2018 Páx. 51901

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de novembro de 2018 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o Plan de acción contra a contaminación acústica xerada polas infraestruturas viarias, de clave GA/15/117.09.

Con data do 8 de novembro de 2018, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 27 de xuño de 2018 aprobouse provisionalmente o Plan de acción contra a contaminación acústica xerada polas infraestruturas viarias, de clave GA/15/117.09.

Segundo. Con data do 9 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 130) o Anuncio do 28 de xuño de 2018, polo que se somete ao trámite de información pública o Plan de acción contra a contaminación acústica xerada polas infraestruturas viarias, de clave GA/15/117.09, nas estradas e concellos que se relacionan neste anuncio.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e certificados, procedéndose á súa valoración.

Fundamentos de dereito:

De acordo co establecido na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, polo que se desenvolve a citada lei, e no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, o mencionado Plan de acción someteuse ao trámite de información pública, durante un período dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados e alegacións presentadas por particulares e organismos oficiais competentes

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o Plan de acción contra a contaminación acústica xerada polas infraestruturas viarias, de clave GA/15/117.09, coas seguintes modificacións:

1ª. Corrixiuse o erro detectado na ficha do punto crítico 30 que se localiza no concello de Neda e non no de Narón.

2ª. Eliminouse de entre as actuacións planificadas no punto crítico 1 localizado
na AC-115, a sobreelevación do paso de peóns e a creación de mediana central.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas