Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2018 Páx. 51312

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de outubro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Neda como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 25 de outubro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado proxecto sectorial parque eólico Neda. Outubro 2018, promovido por Norvento Estelo, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Abadín e A Pastoriza queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Neda.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Relación co planeamento urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico Neda sitúase en dous termos municipais: Abadín e A Pastoriza. A continuación, analízase a relación coa normativa urbanística vixente.

En virtude do disposto na Lei 2/2016, do solo de Galicia, a nova categoría de solo rústico proposta no presente documento superpoñerase, sen desprazala, sobre a que posúan os terreos nos plans para o solo rústico de especial protección, prevalecendo a que outorgue maior protección.

1.1. Relación co planeamento muncipal de Abadín.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal de Abadín.

A infraestrutura asociada ao parque eólico conta cos elementos relacionados a continuación no municipio de Abadín, segundo os límites establecidos pola cartografía 1:5.000 da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda: parte dun aeroxerador, viais e gabias de canalizacións.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada dos distintos elementos do parque eólico situados no municipio de Abadín é de 15,3 ha, o que supón o 12,2 % da área de afección total urbanístico-territorial, de 125,2 ha.

O municipio de Abadín non dispón de instrumento de planeamento xeral. Conta coa delimitación de solo urbano (DSU), con data de aprobación do 24 de xaneiro de 1992, e coas delimitacións de varios núcleos rurais sen incidencia no ámbito do proxecto sectorial.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento (desenvolvida pola disposición transitoria segunda do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016) para os municipios sen planeamento xeral (caso de Abadín) aplicarase o réxime de solo rústico establecido na devandita lei.

Polas súas características de uso, o solo afectado polo proxecto no municipio de Abadín, segundo o artigo 34, solo rústico de especial protección da Lei 2/2016, cabe cualificarse como: solo rústico ordinario e solo rústico de especial protección agropecuario (concentracións parcelarias de Quende e Lagoa), forestal (MVMC de Corda de Neda), de infraestruturas (zona de afección da estrada LU-P0103 e centro de transformación), de augas (zona de policía do Rego Freixeira) e de patrimonio (contorno dos elementos catalogados GA27044R02 e GA27044R03).

A Lei 2/2016, no seu artigo 35, regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre estes inclúense os recollidos no punto:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, encóntrase entre os usos relacionados no citado punto.

Os devanditos usos, segundo o artigo 36 da Lei 2/2016, son admisibles en calquera categoría de solo rústico, sen prexuízo dos dispostos nos instrumentos de ordenación do territorio e, no seu caso, previa obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística.

1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal de Abadín.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio de Abadín para compatibilizar o parque eólico Neda cos usos de solo previstos nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o planeamento do termo municipal de Abadín ou se adapte á Lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas na documentación gráfica do presente proxecto, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas.

En atención ao disposto no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito no cal se considerará o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

Deste modo, os terreos afectados no municipio de Abadín, segundo o artigo 34 da Lei 2/2016, cabe cualificar o solo rústico afectado neste municipio como solo rústico de protección ordinaria, solo rústico de protección de infraestruturas, solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección das augas, solo rútico de protección de patrimonio.

Resultará de aplicación a seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída na documentación gráfica deste proxecto destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

A zona de afección urbanístico-territorial do parque eólico Neda, no municipio de Abadín é de 15,3 ha.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitida a localización das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas establecida nas zonas de afección.

3. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que tras a construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polos aeroxeradores, polas antenas meteorolóxicas e polas súas correspondentes plataformas.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes aos viais, ao voo dos aeroxeradores (entendido este como a zona comprendida dentro do diámetro de cada un dos aeroxeradores), e ás gabias de cableado, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar acto algún que puidese danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

Na zona de protección eólica (terreo protexido para permitir a libre circulación do aire nas proximidades do aeroxerador), poderanse realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non actividades forestais sempre e cando o arboredo supere unha altura equivalente ao 20 % da altura da buxa. Prohíbese calquera outra actividade que impida a circulación do vento nesa zona, nin situar obstáculos de altura superior ao 20 % da altura da buxa.

No resto dos terreos poderán manterse os usos actuais.

1.2. Relación co planeamento muncipal da Pastoriza.

1.2.1. Adecuación ao planeamento municipal da Pastoriza.

A infraestrutura asociada ao parque eólico conta cos elementos relacionados a continuación sitos no municipio da Pastoriza: nove aeroxeradores, viais e gabias de canalización e dúas torres meteorolóxicas.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada dos elementos do parque eólico situados no termo municipal da Pastoriza é de 109,9 ha, o que supón o 87,8 % da área de afección total urbanístico-territorial.

O municipio da Pastoriza dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado o 9 de agosto de 2013, o cal cualifica a zona afectada pola implantación do parque eólico como solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección forestal produtivo, solo rústico de protección de augas, solo rústico de protección de patrimonio e solo rústico de protección de infraestruturas.

De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento (desenvolvida pola disposición transitoria segunda do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016) para os municipios con planeamento urbanístico aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da presente lei e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (que é o caso da Pastoriza), ao solo rústico, aplicaráselle o disposto na Lei 2/2016 para solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contempladas no planeamento respectivo.

A Lei 2/2016, no seu artigo 35, regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre estes inclúense os recollidos no punto:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, encóntrase entre os usos relacionados no citado punto.

Os devanditos usos, segundo o artigo 36 da Lei 2/2016, son admisibles en calquera categoría de solo rústico, sen prexuízo do disposto nos instrumentos de ordenación do territorio e, no seu caso, previa obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística.

1.2.2. Relación coas zonas de protección arqueolóxica establecidas no planeamento municipal da Pastoriza.

Segundo o Plan xeral de ordenación municipal da Pastoriza coas infraestruturas do parque eólico Neda aféctase a zona de respecto de dúas referencias arqueolóxicas recollidas no inventario desta nova normativa, GA27044R02 e GA27044R03.

No punto 2.3.1. Condicións xerais (patrimonio arqueolóxico catalogado) do PXOM da Pastoriza indícase:

«Calquera uso ou actividade susceptible de licenza que se pretenda executar nas zonas de protección integral ou de respecto dos bens catalogados no plan xeral, independentemente do grao de protección asignado, precisará informe favorable da Consellería de Cultura».

No punto 2.3.2.4. Grao IV (grao de protección asignado ás referencias sinaladas) indícase que son usos e actividades permitidos ou autorizables:

«Os usos e actividades que estableza a ordenanza de clasificación de solo que determine o plan xeral nos terreos integrados nas zonas de protección, cumprindo en calquera caso, e de xeito estrito, o así disposto nos puntos 2.3.1 e 2.3.3 do presente documento».

Ambas as dúas referencias están sobre solo rústico de protección agropecuaria no cal a produción de enerxía é un uso permitido por licenza municipal directa.

As conclusións e valoracións respecto a este patrimonio arqueolóxico e a afección sobre el recóllense no anexo IV do presente proxecto sectorial «Anexo I. Á avaliación do impacto: revisión da avaliación de dúas novas referencias arqueolóxicas», no cal se conclúe que non se encontran indicadores que fagan pensar na existencia de restos arqueolóxicos relacionados coas devanditas referencias.

No mesmo sentido conclúe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no seu informe de data 6 de abril de 2016 no cal informa favorablemente o «Proxecto sectorial do parque eólico Neda. Xaneiro de 2015».

1.2.3. Proposta de modificacións do planeamento municipal da Pastoriza.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio da Pastoriza para compatibilizar o parque eólico Neda cos usos de solo previstos nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o planeamento do termo municipal da Pastoriza, ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas na documentación gráfica deste proxecto, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas.

En atención ao disposto no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito no cal se considerará o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

Deste modo, atendendo á cualificación actual do solo segundo o planeamento da Pastoriza, e tendo en conta as características e uso actual dos terreos afectados, segundo o artigo 34 da Lei 2/2016, cabe cualificar o solo rústico afectado neste municipio como solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección de patrimonio, solo rústico de protección das augas e solo rústico de protección de infraestruturas.

A devandita cualificación recóllese na documentación gráfica do presente proxecto.

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída na documentación gráfica deste proxecto destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

A zona de afección urbanístico-territorial do parque eólico Neda, no municipio da Pastoriza é de 109,9 ha.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitida a localización das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas establecida nas zonas de afección.

3. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que tras a construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polos aeroxeradores, polas antenas meteorolóxicas e polas súas correspondentes plataformas.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes aos viais, ao voo dos aeroxeradores (entendido este como a zona comprendida dentro do diámetro de cada un dos aeroxeradores), e ás gabias de cableado teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou de efectuar acto algún que puidese danar ou prexudicar ao bo funcionamento das instalacións.

3. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

Na zona de protección eólica (terreo protexido para permitir a libre circulación do aire nas proximidades do aeroxerador), poderanse realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non actividades forestais sempre e cando o arboredo supere unha altura equivalente ao 20 % da altura da buxa. Prohíbese calquera outra actividade que impida a circulación do vento nesa zona, nin situar obstáculos de altura superior ao 20 % da altura da buxa.

No resto dos terreos poderán manterse os usos actuais.

1.3. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse con:

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A adaptación do planeamento á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

1.4. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecúe o planeamento municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 1.10.1997 (DOG do 15 de novembro), e na súa modificación aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 5.12.2002 (DOG do 3.1.2003) e de conformidade co establecido no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e as súas modificacións, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico Neda.