Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2018 Páx. 50881

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 144/2018, do 15 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa intensidade media diaria (IMD) mellorada da PO-234, puntos quilométricos 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), clave PO/16/139.10, no concello de Ponte Caldelas.

Antecedentes:

Primeiro. O día 17 de xullo de 2017 publicouse, no Diario Oficial de Galicia número 135, o Anuncio do 22 de xuño de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa intensidade media diaria (IMD) mellorada da PO-234, puntos quilométricos 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), de clave PO/16/139.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e certificados, procedéndose á súa valoración.

Terceiro. Tras a análise das alegacións e certificacións presentadas, o 8 de febreiro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, puntos quilométricos 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), de clave PO/16/139.10.

Este proxecto ten por obxecto a execución das actuacións necesarias para levar a cabo a adaptación da estrada PO-234 ao Plan de baixa IMD mellorada; sendo esta unha vía de titularidade autonómica, que discorre entre os termos municipais de Ponte Caldelas e Cotobade, concretamente entre os núcleos de Ponte Caldelas e Augasantas.

As obras expostas neste proxecto perseguen mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos cidadáns, cun importante efecto positivo sobre o medio socioeconómico e humano. Todo isto debido a que a estrada PO-234 presenta un trazado con curvas de radio moi pequeno e unha sección transversal reducida, o que dificulta o cruce dos vehículos.

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións:

– Aumento do largo da plataforma a 7 metros: con carrís de 3 metros de circulación e beiravías de 0,5 metros.

– Mellora das interseccións con viarios públicos.

– Mellora, limpeza e adecuación da drenaxe.

– Reposición de toda a sinalización horizontal e vertical.

– Reposición das barreiras de seguridade flexibles.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de novembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, puntos quilométricos 0+420 (Ponte Caldelas) - 2+580 (Laxoso), de clave PO/16/139.10.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade