Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2018 Páx. 50884

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 145/2018, do 15 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar o proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo (fase 1) e terminal de autobuses, aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

O 3 de marzo de 2006 asinouse un acordo entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo en relación co acceso norte do Eixe Atlántico de Alta Velocidade á cidade de Vigo. No devandito documento, as tres administracións consideraban do maior interese dotar das máximas posibilidades de intermodalidade á futura estación de Vigo, e moi especialmente facilitar unhas adecuadas conexións co transporte público urbano, metropolitano e rexional.

O 2 de febreiro de 2017, Adif-Alta Velocidad solicita que se proceda ao inicio da tramitación do proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo e terminal de autobuses segundo o procedemento previsto na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de acordar o inicio da tramitación do proxecto integrado polo procedemento previsto na Lei 3/2016, pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Concello de Vigo someteu a información pública o proxecto mediante anuncio no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra o 3 de marzo de 2017. Posteriormente, o Concello de Vigo, como Administración expropiante, someteu a información pública a relación de bens e dereitos afectados polo dito proxecto no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 8 de marzo de 2017.

O 5 de outubro de 2018, tras considerar os informes emitidos e as observacións presentadas nos distintos trámites de información pública realizados, o Consello da Xunta de Galicia acordou aprobar o proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo (fase 1) e terminal de autobuses, como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

O 30 de outubro de 2018, o Concello de Vigo solicita que o Consello da Xunta de Galicia acorde a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar o proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo (fase 1) e terminal de autobuses, aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

Considérase a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a realización do proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo (fase 1) e terminal de autobuses, polo seu carácter de proxecto de urxencia ou excepcional interese, polos seus especiais beneficios sociais e económicos, permitindo a transformación da actual estación de ferrocarril de Vigo nunha estación intermodal que acolla tanto servizos ferroviarios como a nova estación de autobuses para o transporte público por estrada, e garantir, deste xeito, a viabilidade da obra nun prazo que posibilite o seu financiamento con cargo ao programa operativo Feder 2014-2020.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de novembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a urxente ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente do proxecto integrado Centro Vialia estación de Vigo (fase 1) e terminal de autobuses, aprobado como proxecto público de urxencia ou excepcional interese.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade