Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2018 Páx. 50727

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2018 pola que se convocan probas selectivas para acceso á escala técnica superior de administración, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como polos estatutos desta universidade, e en execución do previsto na Resolución do 20 de novembro de 2015 (DOG do 1 de decembro) pola que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2015, resolve convocar probas selectivas para acceso á escala técnica superior de administración da USC, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 3 prazas na escala técnica superior de administración da USC, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición e incluirá a realización dun curso selectivo. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I. Para realizar o curso selectivo, as persoas que superen o concurso-oposición serán nomeadas funcionarias en prácticas.

1.3. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.4. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia e as bases desta convocatoria.

1.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título universitario oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente. Os/as aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala de xestión, subgrupo A2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC.

e) Ter prestados servizos efectivos durante, polo menos, dous anos como funcionario/a da escala de xestión, subgrupo A2.

f) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto, e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala á que pretende incorporarse.

g) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.5.2 desta convocatoria para as persoas discapacitadas e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá facelo constar na solicitude que se axustará ao modelo oficial publicado como anexo IV desta convocatoria, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega).

As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Xustificante bancario do pagamento das taxas por dereitos de exame ou, de ser o caso, documentación que acredite a súa exención.

3.2. A Xerencia expedirá de oficio certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida, nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional e, de ser o caso, as situacións recollidas na fase de concurso do anexo I, relativas ao exercicio do dereito de conciliación. Esta certificación engadirase á solicitude presentada pola persoa aspirante.

Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior o 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.4. A presentación da solicitude e da documentación indicada nos apartados anteriores farase no Rexistro Xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela), no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avenida Bernardino Pardo Ouro, s/n, Polígono de Fingoi, 27002 Lugo), no rexistro electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.html ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.5. Os dereitos de exame serán de 41,56 €, que se ingresarán na conta de Abanca «oposicións» número: ES07 2080 0388 2031 1000 0646.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.5.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación do grao de discapacidade e/ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

3.5.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no espazo que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo e será nomeado por resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír a quen teña perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás que se refire o punto 3.3 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produza renuncia de persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan á persoa proposta, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «G» de conformidade co establecido na Resolución do 17 de xaneiro de 2018, da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.3. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizara o primeiro deles, así como na Reitoría da universidade, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación cunha antelación de, polo menos, 24 horas á sinalada para o seu inicio.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas aspirantes. Así mesmo, se tivera coñecemento de que algunha non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no lugar ou lugares da súa celebración, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaran o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de 3 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de 7 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A publicación indicada no punto anterior irá acompañada da cualificación final do proceso selectivo realizada de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria, mais da proposta provisional das persoas que superaron o proceso selectivo. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

7.6. O tribunal publicará a proposta de nomeamento a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no punto 5.11 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro de anuncios da Reitoría e na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

8. Presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario en prácticas.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do seguinte a aquel no que se fixese pública a proposta de nomeamento, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6, Santiago de Compostela), a documentación requirida para proceder ao nomeamento como persoal funcionario en prácticas da escala técnica superior de administración da USC, que non se atope suficientemente acreditada no expediente persoal.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeada/o funcionaria/o en prácticas e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Durante o período no que o persoal funcionario realice as prácticas, seralles de aplicación a situación xurídica prevista no artigo 16 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

9. Nomeamento de persoal funcionario de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán nomeadas funcionarias de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Ás/aos aspirantes que superaran o proceso selectivo poderá adxudicárselles con carácter definitivo o mesmo posto que veñen desempeñando como titulares, se así o solicitan cando se faga a oferta de destinos e, sempre que reúnan os requisitos establecidos na relación de postos de traballo para a súa ocupación. De non ser así, ofertaránselle postos vacantes que se adxudicarán segundo a orde de puntuación obtida no proceso selectivo.

9.3. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntárselle un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

9.4. A toma de posesión das persoas seleccionadas efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Listaxes de espera.

10.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os Campus de preferencia no punto correspondente da solicitude.

11. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2018

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: escala técnica superior de administración da USC

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar fidedignamente a súa identidade.

– Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditaran documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

• Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

• Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio, será necesario acadar o resultado de apto.

– Segundo exercicio: consistirá en desenvolver por escrito dous temas, a escoller entre catro sacados ao chou dos seguintes bloques do programa: dereito administrativo, xestión financeira, recursos humanos e organización e xestión universitaria.

Para a realización deste exercicio as persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de catro horas.

Posteriormente, o tribunal convocará as persoas aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas, así como a súa forma de presentación e exposición. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 20 puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo de 10 puntos.

– Terceiro exercicio: consistirá na preparación de dous supostos prácticos a elixir entre catro propostos polo tribunal relacionados co programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio poderase utilizar o material lexislativo sen comentar, en soporte papel que se considere necesario.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de cinco horas.

Posteriormente, o tribunal convocará aos/ás aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas, así como a súa forma de presentación e exposición. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

A valoración deste exercicio será de 0 a 35 puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo de 17,5 puntos.

– Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá na tradución por escrito, sen dicionario, para o castelán ou galego, dun documento relacionado co programa da convocatoria redactado nunha das seguintes linguas comunitarias: inglés, francés, alemán, italiano ou portugués. O texto para traducir será o mesmo en calquera destas linguas.

As persoas aspirantes deberán facer constar na epígrafe correspondente da solicitude a lingua que escollen.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora e a súa valoración será de 0 a 5 puntos.

II. Fase de concurso: consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

a) Antigüidade: máximo 9 puntos.

– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,65 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,054 puntos.

b) Nivel de complemento de destino: máximo 20 puntos.

Valorarase o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte puntuación:

Nivel

Puntos

30

20

28

19

26

18

25

17

24

16

23

15

22

14

21

13

No caso de non ter posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado atenderase ao mínimo correspondente á escala á que pertenza a persoa funcionaria.

c) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes: máximo 1 punto.

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106 da Lei de emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obtivese unha maior puntuación na fase de oposición, e se isto non fose suficiente, pola maior puntuación obtida no terceiro exercicio, no segundo exercicio e na fase de concurso, por esta orde ata que se resolva o empate.

III. Curso selectivo.

As persoas aspirantes propostas polo tribunal serán nomeadas funcionarias en prácticas e deberán realizar un curso selectivo obrigatorio, que terá como finalidade primordial, a adquisición de coñecementos e a preparación específica das/dos aspirantes para o exercicio das súas funcións.

O curso selectivo terá unha duración de 40 horas e tratará sobre as seguintes materias:

– Calidade: as axencias de avaliación da calidade (ANECA, ACSUG). O Plan nacional de avaliación da calidade das universidades. A acreditación e a certificación.

– Modelos de excelencia e xestión de calidade dos servizos públicos. Experiencias innovadoras e mellores prácticas na xestión das administracións públicas.

– Os procesos de modernización das administracións públicas. A administración ao servizo do cidadán.

– A xestión do cambio nas administracións públicas. O valor estratéxico da xestión do coñecemento. A administración electrónica.

– A función directiva: os estilos de dirección. As súas particularidades na xestión pública. O directivo público. O concepto de liderado.

– A planificación da xestión pública. A planificación estratéxica e operativa. A dirección por obxectivos. A programación de proxectos. Xestión de proxectos e xestión por obxectivos.

– Sistemas de información para a dirección e a xestión. A información como recurso para a Administración pública. A protección de datos de carácter persoal.

– O control da actuación pública. Control estratéxico e control de xestión. O control externo da xestión pública.

– A cultura administrativa. A ética pública. A xestión dos conflitos de intereses no ámbito público. O código do bo goberno.

O calendario do curso e a distribución horaria establecerase no seu momento pola Xerencia.

Para a superación deste terase en conta só a asistencia. As persoas que non asistan, perderán o dereito ao seu nomeamento como funcionarias de carreira, mediante resolución motivada da autoridade convocante.

ANEXO II

Denominación das prazas: escala técnica superior de administración da USC

Programa

Bloque I. Dereito administrativo.

1. A Administración pública española. Os principios constitucionais. As fontes do dereito administrativo: concepto e clases. A Constitución e as leis: clases. Disposicións normativas con forza de lei. O Regulamento: concepto, natureza e clases; límites á potestade regulamentaria. Outras fontes do dereito administrativo.

2. A Lei de réxime xurídico do sector público. Disposicións xerais. Os órganos das administracións públicas.

3. Os principios da potestade sancionadora na Administración pública. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

4. Organización e funcionamento do sector público institucional.

5. Principios xerais das relacións interadministrativas entre administracións públicas. A colaboración e cooperación entre administracións públicas. Relacións electrónicas entre administracións. Os convenios.

6. O procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados no procedemento: a capacidade de obrar e o concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados. Da actividade das administracións públicas: normas xerais de actuación. Termos e prazos.

7. Os actos administrativos: requisitos. Eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade.

8. As disposicións sobre o procedemento administrativo común: garantías do procedemento. Iniciación, ordenación e instrución do procedemento. Finalización do procedemento. A tramitación simplificada do procedemento administrativo común. Execución.

9. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. Os recursos administrativos.

10. A iniciativa lexislativa e a potestade para ditar regulamentos e outras disposicións.

11. Funcionamento electrónico do sector público. A Administración electrónica na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

12. A Lei orgánica de protección de datos. O regulamento da Unión Europea, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e libre circulación destes datos. Principais novidades: dereito ao esquecemento, á portabilidade, ao consentimento, á responsabilidade activa. As autoridades en materia de protección de datos. O Comité Europeo de Protección de Datos.

13. A transparencia e o bo goberno en Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación. O dereito ao acceso á información pública, exercicio e limitacións. O réxime de actividades e incompatibilidades de altos cargos. Réxime sancionador.

14. A xurisdición contencioso-administrativa. Concepto de Administración pública para efectos do recurso contencioso-administrativo. Os órganos da orde contencioso-administrativa e as súas respectivas competencias. Capacidade procesual, lexitimación, representación e defensa.

15. Procedemento contencioso-administrativo: procedemento ordinario e procedemento abreviado. Recursos de súplica, apelación, casación e revisión. Execución de sentenzas.

16. A Lei de contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Contratos do sector público. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.

17. Elementos do contrato: partes, obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles na contratación do sector público. Actuacións previas á contratación. Adxudicación dos contratos. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos. Racionalización técnica da contratación.

18. Dos distintos contratos das administracións públicas e doutros entes do sector público. Contratos de obras, de concesión de obras, de concesión de servizos e de subministracións. Organización administrativa para a xestión da contratación.

Bloque II. Xestión financeira.

1. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais. Contido da Facenda da Comunidade. Do control interno e da contabilidade. O Consello de Contas.

2. Orzamento da Comunidade Autónoma: contido e aprobación, execución e liquidación. Créditos orzamentarios e as súas modificacións. A Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

3. Orzamento: clasificación económica ingresos e gastos. Fases de execución do orzamento de gastos. Fases de execución do orzamento de ingresos. Gastos plurianuais: definición e xestión orzamentaria.

4. Réxime económico e financeiro das universidades públicas. Ingresos públicos das universidades. As taxas e prezos públicos e as súas exencións e bonificacións. Estrutura do Plan galego de financiamento universitario 2016-2020.

5. Estatutos USC: do réxime económico e da programación plurianual. Orzamentos da USC.

6. Normativa básica sobre subvencións. A regulación e xestión das subvencións na Comunidade Autónoma de Galicia.

7. Plan xeral de contabilidade pública. Marco conceptual da contabilidade pública: requisitos de información das contas anuais, principios contables, elementos das contas anuais. Contabilidade analítica, modelo CANOA para universidades: descrición básica do funcionamento do modelo.

Bloque III. Recursos humanos.

1. Texto refundido do Estatuto básico do empregado público como norma básica: obxecto e ámbito de aplicación. A Lei do emprego público de Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación.

2. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas. A planificación e estruturación dos recursos humanos nas administracións públicas: plans de ordenación de recursos humanos; ofertas de emprego público. As relacións de postos de traballo.

3. Acceso á función pública. Convocatorias e procedementos selectivos. Órganos de selección. Mobilidade do persoal funcionario das diversas administracións públicas. Modalidades da carreira profesional dos empregados públicos. Sistemas e procedementos de provisión de postos de traballo.

4. Situacións administrativas do persoal funcionario. Perda da condición de funcionario de carreira.

5. Dereitos, obrigas e código de conduta dos empregados públicos. Réxime disciplinario. Incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

6. As fontes do dereito laboral: xerarquía. O texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores. Os convenios colectivos: concepto e natureza.

7. Contrato de traballo na Administración pública. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modalidades do contrato de traballo: persoal laboral fixo, indefinido e temporal. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. O despedimento.

8. Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

9. Persoal docente e investigador funcionario. O sistema de acreditación nacional e concursos de acceso.

10. Persoal docente e investigador laboral: clases. A regulación da contratación do persoal docente universitario na Comunidade Autónoma de Galicia. O Convenio colectivo para o persoal docente e investigador das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

11. Réxime xurídico do profesorado universitario. A liberdade de cátedra. Funcións do persoal docente e investigador. Sistemas de licenzas e excedencias xerais e específicas. Participación do persoal docente na realización de contratos de investigación do artigo 83 da LOU e na creación de empresas de base tecnolóxica. O réxime de incompatibilidades do profesorado universitario.

12. A regulación dos recursos humanos de investigación na Lei da ciencia a tecnoloxía e a Innovación. Normativa da Universidade de Santiago de Compostela para a contratación de persoal con cargo a actividades de investigación, desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

13. Relacións laborais na Administración pública: órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas. O proceso de negociación colectiva. A folga.

14. A regulación da prevención de riscos laborais nas administracións públicas: a Lei de prevención de riscos laborais. Actuacións das administracións públicas: competencias. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención. Os servizos de prevención de riscos. Participación dos traballadores.

15. A Lei xeral da Seguridade Social: réxime xeral, afiliación. Altas e baixas, procedemento e efectos. Cotización: concepto e natureza xurídica da cota. Continxencias e situacións protexidas.

16. A acción protectora da Seguridade Social. Prestacións: incapacidade temporal, invalidez, xubilación, morte e supervivencia. A protección do desemprego.

17. A regulación da igualdade efectiva de mulleres e homes na lexislación estatal e autonómica. Políticas públicas para igualdade efectiva de mulleres e homes.

Bloque IV. Organización e xestión universitaria.

1. Os sistemas universitarios español e galego: configuración institucional. A Lei de universidades. Natureza xurídica das universidades públicas. A Lei do Sistema universitario de Galicia.

2. As universidades e a administración educativa: competencias do Estado e das comunidades autónomas. A coordinación universitaria: A Conferencia Xeral de Política Universitaria. O Rexistro de universidades, centros e títulos.

3. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

4. A ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento. Regulamento sobre dobres titulacións e simultaneidade de ensinanzas oficiais na USC. O sistema europeo de créditos (ECTS).

5. A regulación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficias de grao nas universidades públicas. Características, deseño e contido da avaliación do bacharelato para o acceso á Universidade.

7. Estatuto do estudantado universitario. Réxime da avaliación do rendemento académico do estudantado e da revisión de cualificacións na USC. A Normativa de permanencia na USC. Transferencia e recoñecemento de créditos.

8. A expedición de títulos. O suplemento europeo ao título (SET). A homologación e validación de títulos estranxeiros de educación superior.

9. A avaliación e a acreditación das universidades. A Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG). O ciclo de verificación, seguimento, modificación e acreditación dos títulos universitarios oficiais.

10. Os intercambios interuniversitarios de estudantes. O Servizo español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). O Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

11. A política europea no campo da educación. Programa Erasmus + da Unión Europea: estrutura, obxectivos e características. Principais subprogramas.

12. Deseño curricular de titulacións e a consideración da empregabilidade: contidos, prácticas externas, competencias transversais.

13. A Lei da ciencia a tecnoloxía e a innovación: obxecto e obxectivos xerais. O fomento e coordinación da investigación científica e técnica na Administración xeral do Estado.

14. Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela para a realización de actividades de investigación ao abeiro do establecido no artigo 83 da Lei 6/2001, de universidades.

15. Regulamento de funcionamento do catálogo de investigadores e grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

16. Regulamento de protección, explotación e participación de resultados de investigación xerados na Universidade de Santiago de Compostela.

17. Espazo Europeo de Investigación. Programa de Investigación e Innovación da Unión Europea. Horizonte H2020. Estrutura xeral. Mecanismos de participación. Modalidades de financiamento.

18. A estratexia HRS4R. A Carta Europea do Investigador. O código de conduta para a contratación de investigadores.

Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso entenderanse referidas á lexislación en vigor.

missing image file