Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2018 Páx. 50163

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa

EDICTO de notificación de sentenza (678/2016).

Procedemento: nulidade matrimonial núm. 678/2016.

Sentenza.

Vilagarcía de Arousa, catorce de xuño de dous mil dezaoito.

Vistos por min, Mario S. Martínez Álvarez, xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa, os presentes autos do xuízo de nulidade matrimonial núm. 678/2016, en que é parte demandante o Ministerio Fiscal, e parte demandada Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez, ambos en situación de rebeldía procesual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O Ministerio Fiscal presentou demanda de declaración de nulidade matrimonial do matrimonio contraído entre Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez en cuxo pedimento solicitaba que se ditase sentenza pola que se declarase a nulidade do matrimonio celebrado entre Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez no 16 de xaneiro de 2004 en Vilanova de Arousa, e a conseguinte cancelación da inscrición do matrimonio practicada na páxina 126, tomo 35, sección 2ª do Rexistro Civil de Vilanova de Arousa.

Segundo. Admitida a trámite a demanda por decreto do 31.1.2017, deuse traslado dela á parte demandada.

Non tendo comparecido os demandados no procedemento, mediante dilixencia de ordenación do 15.5.2018 decláronse os demandados en situación de rebeldía procesual.

Terceiro. No 12.6.2018 celebrouse a vista coa asistencia do Ministerio Fiscal e do codemandado Salustiano Castro Martínez e practicouse como proba o seu interrogatorio e a documental que consta en actuacións. No trámite de conclusións o Ministerio Fiscal pediu que se estimase a demanda formulada e que se acordase a nulidade do matrimonio celebrado o 16.1.2004. Unha vez cumpridos todos os trámites, quedou concluso o xuízo e visto para ditar sentenza.

Cuarto. No presente procedemento observáronse todos os trámites e prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Ministerio Fiscal interpón demanda de nulidade matrimonial contra Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez en que pide que se declare a nulidade matrimonial do matrimonio contraído entre ambos no 16.1.2004. En síntese, expón no seu escrito de demanda que o demandado Salustiano Castro Martínez casou o 23.1.1988 con Lucía Fernández Villalustre no Xulgado de Paz de Vilanova de Arousa (inscrito no correspondente Rexistro Civil). Posteriormente, o 16.1.2004, Salustiano Castro Martínez contraeu novo matrimonio con Blanca Rocío Giraldo Loaiza no mesmo lugar, pero sen obter previamente a disolución do anterior vínculo matrimonial (novo matrimonio inscrito no Rexistro Civil de Vilanova de Arousa na páxina 126, tomo 35, sección 2ª). Esa disolución obtívose o 14 de decembro de 2006 cando foi ditada sentenza polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa polo que se declaraba a disolución do matrimonio por divorcio entre Salustiano Castro Martínez e Lucía Fernández Villalustre. É por iso que o Ministerio Fiscal considera que o segundo matrimonio celebrado é nulo por canto se celebrou sen obter a disolución do primeiro vínculo matrimonial (art. 73.2 en relación co art. 46.2 do Código civil).

Segundo. Os demandados non compareceron no procedemento, polo que foron declarados en situación de rebeldía procesual. Unicamente o Sr. Castro Martínez acudiu ao acto da vista. A situación de rebeldía procesual non supón nin achantamento nin conformidade cos feitos da parte demandante, polo que esta situación non leva consigo a condena inmediata, senón que supón a perda ou imposibilidade de levar a cabo determinados comportamentos procesuais como son a preclusión na contestación, a alegación de excepcións procesuais ou a impugnación de documentos, entre outros, e sen que se produza un reflexo na carga da proba que ao demandante corresponde, segundo determina o artigo 217 LAC. Pero aínda que non se alteren as obrigas probatorias que a cada parte atinxen, no suposto da rebeldía procesual débense matizar cos principios complementarios de normalidade, facilidade probatoria e flexibilidade na interpretación das normas da proba, dado que coa rebeldía procesual se reduce a actividade probatoria que o demandante pode despregar, como pode ser co interrogatorio do demandado ou co recoñecemento de sinaturas e, do mesmo modo, a inactividade probatoria do demandado pode dificultar a previa do demandante. Todo isto obriga, como sinala reiterada xurisprudencia, a non ser excesivamente rigoroso na valoración das probas que este achega, pois a falta de proba que no caso da rebeldía se produce débese á incomparecencia e/ou inactividade do demandado. Exixir o contrario, suporía converter a rebeldía non só nunha cómoda defensa senón tamén nunha situación de privilexio do litigante rebelde, con flagrante infracción do principio de igualdade, ao quedar a eficacia da proba en mans do rebelde, con notoria indefensión do demandante.

Terceiro. Principalmente, e á vista da documental que consta en autos, procede admitir integramente a demanda formulada polo Ministerio Fiscal. Con carácter previo cómpre sinalar que o Ministerio se encontra lexitimado para exercer a acción de nulidade matrimonial (art. 74 do Código civil).

O art. 46.2 do CC establece que «non poden casar: (...) 2º. Os que estean ligados con vínculo matrimonial». E en relación con el e as súas consecuencias en caso de contravención, o punto segundo do art. 73 do CC indica que «é nulo calquera que for a forma da súa celebración (2º) o matrimonio celebrado entre as persoas a que se refiren os artigos 46 e 47, salvo os casos de dispensa conforme o artigo 48». Disto extráese que o matrimonio ulterior celebrado sen a previa disolución do anterior vínculo matrimonial fai que ese segundo matrimonio sexa nulo.

Tal como aparece na documental adxunta á demanda, o demandante casou con Lucía Fernández Villalustre o 23.1.1988, matrimonio que foi inscrito no Rexistro Civil de Vilanova de Arousa (achégase copia da certificación).

Consta achegada a copia da certificación de inscrición do matrimonio celebrado entre Salustiano Castro Martínez e Blanca Rocío Giraldo Loaiza o 16.1.2004 e inscrito no Rexistro Civil de Vilanova de Arousa. Ademais, achégase a comparecencia que os contraentes realizaron o 10.7.2003 ante o propio xulgado de paz en que manifestaban ambos que non existía impedimento legal para casar, xunto coa restante tramitación do expediente matrimonial.

Non obstante, o demandado contraeu este segundo matrimonio en xaneiro de 2004 sen estar previamente disolto o vínculo matrimonial que tiña con Lucía Fernández Villalustre. Así se desprende da sentenza ditada polo Xulgado número 1 desta localidade (proced. disolución matrimonial por divorcio núm. 374/2006) en data 14.12.2006, que acordaba a disolución por divorcio do matrimonio formado polos cónxuxes Salustiano Castro Martínez e Lucía Fernández Villalustre. Ademais, foi recoñecido polo propio demandado Salustiano no acto da vista, que afirmou que o divorcio foi posterior a casar con Lucía.

En consecuencia e á vista de que non se obtivera a disolución do vínculo matrimonial con Lucía Fernández Villalustre antes de contraer novo matrimonio con Blanca Rocío Giraldo Loaiza, o matrimonio celebrado o 16.1.2004 é nulo por infracción do art. 73.2 en relación co art. 46.2 do CC. A consecuencia desta nulidade matrimonial implica que se deba cancelar a correspondente inscrición rexistral que no seu día se realizou inscribindo o matrimonio no Rexistro Civil de Vilanova de Arousa. Por tanto, unha vez firme esta sentenza, e sobre a base da nulidade declarada, procede tamén declarar a cancelación da inscrición do matrimonio entre Salustiano Castro Martínez e Blanca Rocío Giraldo Loaiza practicada na páxina 126, tomo 35, sección 2ª do Rexistro Civil de Vilanova de Arousa, tal e como insta tamén o Ministerio Fiscal.

Vistos os artigos e preceptos aplicables ao caso e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Que debo estimar e estimo integramente a demanda formulada polo Ministerio Fiscal contra Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez, e, en consecuencia:

Declaro a nulidade matrimonial do matrimonio celebrado entre Blanca Rocío Giraldo Loaiza e Salustiano Castro Martínez no 16 de xaneiro de 2004 no Xulgado de Paz de Vilanova de Arousa (Pontevedra), e inscrito na páxina 126, tomo 35, sección 2ª do Rexistro Civil de Vilanova de Arousa.

Acordo a cancelación da inscrición do matrimonio antes referido practicada na páxina 126, tomo 35, sección 2ª do Rexistro Civil de Vilanova de Arousa.

Unha vez firme a presente sentenza, expídanse os mandados e oficios oportunos.

Notifíquese esta sentenza ás partes, facéndolles saber que non é firme e que se pode impugnar mediante recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra (artigo 455 LAC). O recurso interporase por medio de escrito presentado neste xulgado no prazo de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación, expondo as alegacións en que se basee a impugnación, ademais de citar a resolución apelada e os pronunciamentos impugnados (artigo 458.2 LAC).

Lévese o orixinal desta resolución ao libro de sentenzas deste xulgado, deixando testemuño nos autos da súa razón.

Así o acorda, manda e asina, por esta miña sentenza, Mario S. Martínez Álvarez, xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa.

Publicación. A anterior sentenza foi dada, lida e publicada polo xuíz que a subscribe, estando a celebrar audiencia pública no día da súa data. Líbrase o testemuño ordenado, que queda unido aos autos. Dou fe.