Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 21 de novembro de 2018 Páx. 49700

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 140/2018, do 8 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada AC-130 entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+600, a prol do Concello de Mugardos.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada AC-130 ten o seu inicio no núcleo urbano da localidade de Mugardos e discorre por solo clasificado como urbano polo vixente PXOM do Concello de Mugardos, as súas marxes están acoutadas por edificacións e presenta un tráfico principalmente local.

O Concello de Mugardos, con data 24.11.2017, mostrou a súa conformidade ao cambio de titularidade do treito da AC-130 entre os pp.qq. 0+000 e 0+600.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada AC-130 entre os pp.qq. 0+000 e 0+600, a prol do concello de Mugardos.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de novembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Mugardos do treito da estrada AC-130, entre os pp.qq. 0+000 e 0+600.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Mugardos deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Mugardos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade