Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2018 Páx. 48973

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2018 pola que se somete a información pública o anteproxecto da obra de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas residuais (EDAR) dos Praceres (Pontevedra), de clave OH.336.1163.

missing image file

A obra hidráulica correspondente ao anteproxecto da obra de mellora do proceso de depuración da EDAR dos Praceres (Pontevedra), de clave OH.336.1163, forma parte das actuacións de mellora de saneamento e depuración no sistema de Pontevedra, declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete-Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

O anteproxecto, aprobado tecnicamente o 2 de novembro de 2018 tras a tramitación previa correspondente, define e valora as actuacións necesarias para mellorar o tratamento da EDAR dos Praceres, que permitan para os caudais de carga e deseño cumprir os límites de vertedura da Directiva 91/271/CEE. Proxéctase a modificación do tratamento secundario existente nun tratamento biolóxico de leito móbil e unha posterior decantación lastrada así como a ampliación da liña de lamas para o tratamento das lamas secundarias xeradas. Todas as actuacións proxéctanse no recinto da parcela da EDAR actual.

A actuación hidráulica está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A actuación enmárcase dentro do programa operativo no obxecto temático 6 (conservar e protexer o ambiente e promover a eficiencia dos recursos), prioridade de investimento 6.2 (o investimento no sector da auga para cumprir os requisitos do acervo da Unión en materia de ambiente e para abordar as necesidades, determinadas polos Estados membros, dun investimento que vaia máis alá dos ditos requisitos), obxectivo específico 6.2.1 (culminar os requisitos da Directiva marco da auga a través do investimento en infraestruturas de saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, e mellora da calidade da auga), actuación 6.2.1.3 (ampliación e mellora da EDAR e do sistema de saneamento dos Praceres), operación (mellora do saneamento e depuración do sistema dos Praceres na ría de Pontevedra). Una maneira de facer Europa.

Tendo en conta o procedemento aplicable ás obras declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e de acordo co disposto no artigo 12 c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas,

RESOLVO:

Someter a información pública o anteproxecto da obra de mellora do proceso de depuración da EDAR dos Praceres (Pontevedra), de clave OH.336.1163, polo prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O documento técnico pode consultarse no prazo sinalado anteriormente nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, Santiago de Compostela, e na páxina web https://augasdegalicia.xunta.gal/

As persoas e/ou entidades que o consideren oportuno poderán formular, no prazo indicado, cantas alegacións e observacións consideren oportunas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/) empregando para o efecto o procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A). De optarse pola presentación en papel, os escritos de alegacións poderán ser presentados nos lugares previstos na normativa xeral de procedemento administrativo, dirixidos á Dirección de Augas de Galicia, sita na rúa Camilo Díaz Baliño, nº 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia