Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2018 Páx. 48316

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Grobas, solicitado a favor dos veciños da parroquia de Millarada, do concello de Forcarei (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Grobas a favor dos veciños da parroquia de Millarada, do concello de Forcarei, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra do 14 de xuño de 2017. Por medio desta resolución, o Xurado acordou clasificar o monte Grobas a favor dos veciños da parroquia de Millarada (Forcarei).

Segundo. Fronte á citada resolución, unha vez notificada a todos os interesados no procedemento segundo consta no expediente e publicada no DOG núm. 148, do 4 de agosto de 2017, presentan recurso de reposición: Antonio Rey Soto, Manuel Barcala Rodríguez, Eligio Manuel Bernárdez Troitiño, Alfredo Martínez Neira, María Paz Fiestras Villaverde, Juan Carlos Valiñas Fiestras, Manuel Arceo Romero e dous máis, Manuel Aurelio Colmenero Guzmán, Alberto Gago Torrado, José Antonio Gago Torrado, José María Fonseca Moretón, José Calvo García, María Elena Moreno González, Clara Pereiro Toubes e outro, Ana Barreiro García e outro, Ricardo Coto Pichel, María del Carmen Guzmán Pichel, Silvia Colmenero Guzmán e José María Cumbraos Dapena, expoñendo o que consideraron conveniente na defensa dos seus dereitos e intereses e que, en esencia, son unha reiteración dos argumentos esgrimidos durante o procedemento de clasificación e que xa foron tidos en conta á hora de ditar a resolución.

Nas datas do 29.9.2017 e do 14.5.2018 dáse traslado das alegacións presentadas polas persoas antes indicadas aos promotores do expediente de clasificación e que foron contestadas segundo consta no expediente mediante os escritos de datas 23.10.2017 e 1.6.2018, nos cales, en síntese, solicitan que se desestimen integramente os referidos recursos e se confirme a resolución impugnada. Non obstante, puntualizan ao respecto da planimetría o seguinte: “... a estrema leste do monte Grobas debidamente clasificado está conformado pola liña de termos municipais entre Forcarei e Lalín, tal e como se recolle na resolución: -Leste: termo municipal de Lalín-. Dito isto, a superposición entre o monte e os terreos do concello veciño que alegan moitos dos recorrentes é totalmente inexistente, ao entender por límite leste a liña debidamente fixada polo Instituto Xeográfico Nacional no seu día...”.

Tomando en consideración os datos e documentos que constan no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, emítese a seguinte resolución do recurso de reposición, con base nas seguintes:

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 123.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos de contrario por concorreren os requisitos fixados nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceiro. Os escritos de alegacións que serven de sustento aos recursos de reposición presentados de contrario deben ser rexeitados dado que as cuestións alegadas xa foron debidamente contestadas na resolución impugnada; ademais, non se achega ningún documento ou proba que sirva de apoio ás manifestacións realizadas polos recorrentes ao respecto da clasificación do monte Grobas.

Porén, convén precisar que a planimetría que acompaña a resolución presentada polos promotores do expediente de clasificación, elaborada e asinada por técnico competente, ten que ser suficiente para identificar o monte que se pretende clasificar e debe responder á descrición que do monte se fai na solicitude e durante o procedemento, e que, no caso de prosperar a pretensión de clasificación, servirá de base para ditar a resolución do Xurado.

Con todo, de existir un erro ou imprecisión na planimetría, de por si non invalida ou anula a resolución, dado que o monte quedou perfectamente descrito nesta coas súas estremas e cunha cabida aproximada, que quedarán fixadas de xeito definitivo a través do procedemento de deslindamento -función que non corresponde ao Xurado-, que deberá atender aos lindes concretos expresados na resolución (tanto da descrición que do monte se fai como no fundamento terceiro da resolución quedou posto de manifesto que o monte Grobas non invade o termo municipal de Lalín).

Vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

A desestimación dos recursos de reposición presentados de contrario e a ratificación íntegra da Resolución do 14 de xuño de 2017 do monte Grobas a favor dos veciños da parroquia de Millarada (Forcarei) coa corrección da estrema leste no que á liña entre concellos se refire segundo o Instituto Xeográfico Nacional e tendo en conta a variación na superficie, que deberá fixarse de xeito definitivo no deslindamento.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 25 de outubro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra