Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2018 Páx. 47787

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO do acordo de suspensión de licenzas no ámbito do Plan especial da Maestranza e na área do Plan especial de protección e reforma interior (631/2018/239, EXC-34/18).

A Xunta de Goberno local, na sesión extraordinaria que tivo lugar o 11 de outubro de 2018, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Suspender durante o prazo dun ano as licenzas de parcelación, nova edificación e demolición no ámbito do Plan especial da Maestranza, aprobado definitivamente o 12 de abril de 1994, e na área do PEPRI, aprobado definitivamente o 26 de xaneiro de 2015, sinalada no plano de delimitación e suspensión, na área sinalada no informe do arquéologo municipal do 3 de agosto de 2018: Porta Real, Paseo da Dársena, Explanada do Parrote, Paseo do Parrote, Ánimas, Castelo de San Antón, Paseo Francisco Vázquez ata a altura da rúa Beiramar, avenida de Metrosidero e rúa Campo da Estrada, para os efectos de estudar a modificación puntual do dito planeamento.

A suspensión non afectará as actividades sinaladas no artigo 86.3 do Regulamento da Lei do solo sen que afecte tampouco as obras de rehabilitación integral que estarán permitidas consonte o previsto no PEPRI e na Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia.

Xúntase ao presente acordo o resumo executivo co contido previsto no artigo 86.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que foi aprobado o regulamento da Lei do solo.

Segundo. Incoar o expediente de modificación puntual do PERI da Maestranza, do 12 de abril de 1994 e do PEPRI aprobado definitivamente o 26 de xaneiro de 2015, para os efectos de pór en valor o sistema amurallado defensivo da Cidade Vella da Coruña e os usos compatibles e deficitarios dela.

Terceiro. Publicar o presente acordo no Diario Oficial de Galicia nun dos maiores diarios de difusión da provincia, así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica deste concello.

Cuarto. Comunicar o presente acordo á Consellería de Cultura e Turismo».

Contra este acordo cabe interpor, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso potestativo de reposición ante o órgano que o ditou, no prazo máximo dun mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

O plano e o resumo executivo a que fai referencia o acordo pódense descargar da páxina web de Urbanismo www.coruna.es/urbanismo, na epígrafe Documentos en exposición pública.

O que se publica para xeral coñecemento.

A Coruña, 22 de outubro de 2018

O alcalde
P.D. (Decreto do 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente de alcalde da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda