Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2018 Páx. 47289

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 19 de outubro pola que se modifica a Orde do 18 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2018.

O día 6 de xuño de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2018.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2018, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (MT821A). De acordo coa Lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

O artigo 27 establece que o prazo de execución das accións para xustificar remata o 1 de novembro do 2018. Fíxase como data máxima de presentación da documentación xustificativa e finalización do período de xustificación o 30 de novembro do 2018.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros; ademais da obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previa á proposta de resolución de concesión das axudas, xeraron unha demora na resolución da convocatoria que dificulta o cumprimento polos beneficiarios dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación das axudas.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 27 da Orde do 18 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2018, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 27 que queda redactado como segue: «O prazo de execución das accións para xustificar remata o 28 de decembro de 2018. Fíxase como data máxima de presentación da documentación xustificativa e finalización do período de xustificación o 28 de decembro de 2018».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda