Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2018 Páx. 47287

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se modifica a Resolución do 29 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

Con data do 11 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 132, a Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A).

A base 21ª da citada resolución regula a xustificación da subvención, establecendo que o prazo máximo de xustificación rematará o 30 de outubro de cada ano.

Ante as numerosas solicitudes de axudas presentadas e a necesidade de que algunha delas subsane a documentación e co fin de garantir o cumprimento da finalidade das axudas, é necesario modificar a base 21.3.

A presente modificación determina a necesidade da ampliación do prazo de xustificación da subvención concedida, de tal xeito que as entidades beneficiarias das axudas disporán dun mes, desde o día seguinte á publicación da resolución de concesión da axuda no Diario Oficial de Galicia, para xustificar a subvención concedida.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A)

Modifícase o punto 3 da base 21º, da Resolución do 29 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento PR949A), como se indica:

«3º. O prazo máximo de xustificación polas entidades beneficiarias rematará o 30 de novembro de cada ano».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte