Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2018 Páx. 46207

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 9 de outubro de 2018 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 18 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos de taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 84, do 2 de maio de 2018.

O día 2 de maio de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi) e se convocan para o exercicio 2018.

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establecesen para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 250.000 euros financiado con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

No artigo 5 das bases reguladoras da Orde do 18 de abril de 2018 establécese que o prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 13 de outubro de 2018, agás que se produza o suposto de esgotamento previo do crédito.

Así mesmo, no citado artigo establécese que as solicitudes que se presenten unha vez comunicado o esgotamento do crédito, de ser o caso, quedarán nunha situación de «reserva» e poderán, de ser o caso, ser subvencionadas co crédito que quede libre ao se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias, ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

Unha vez esgotado o crédito inicial destas axudas antes de rematar o prazo de presentación de solicitudes, considérase conveniente ampliar o importe inicial de 250.000 euros, de xeito que se acade un maior grao de cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de medios de transporte para persoas con discapacidade.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 18 de abril de 2018 (DOG núm. 84, do 2 de maio), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi), e se convocan para o exercicio 2018, por un importe de 150.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 400.000 euros.

Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2018

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade