Mediante a Orde do 4 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 134, do 13 de xullo), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou as axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia.
Tendo en conta a complexidade técnica que implica a avaliación das solicitudes presentadas e o escaso espazo temporal que terían as entidades beneficiarias para facer efectivo o gasto, faise necesario para facer máis racional e factible a concesión destas axudas ampliar o prazo de xustificación do gasto no ano 2018 ata o 17 de decembro.
En consecuencia, e no uso das atribucións que teño conferidas,
ACORDO:
Artigo único. Modificación do artigo 13 da Orde de 4 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2018, que queda redactado como segue:
No artigo 13, modifícase o parágrafo primeiro do punto 2, de tal modo que onde di:
«2. Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:»
Debe dicir:
«2. Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 17 de decembro para a anualidade do 2018 e do 30 de novembro para as anualidades de 2019 e 2020, a seguinte documentación:»
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2018
Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional