Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 17 de outubro de 2018 Páx. 46133

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de outubro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Mouriños como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 4 de outubro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial. Parque Eólico Mouriños. Setembro 2018, promovido por Renovables Aragón, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Cabana de Bergantiños e de Zas quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Mouriños.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Obxecto.

O presente proxecto sectorial ten por obxecto regular a implantación e desenvolvemento das infraestruturas enerxéticas do parque eólico Mouriños, promovidas por Renovables Aragón, S.L.U. nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños na provincia da Coruña.

As condicións de localización e instalación destas infraestruturas, así como as súas instalacións de servizo asociadas, están recollidas no proxecto de execución que forma parte e integra o presente proxecto sectorial.

2. Natureza e alcance.

O presente proxecto sectorial é un instrumento de ordenación do territorio que desenvolve as directrices e determinacións establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, e modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial serán directamente aplicables unha vez producida a súa entrada en vigor e serán vinculantes para as administracións públicas e para os particulares, prevalecendo sobre as determinacións do plan urbanístico vixente nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños.

3. Vixencia e modificación.

O presente documento entrará en vigor coa publicación do acordo da súa aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia. A súa vixencia é indefinida e a súa modificación realizarase de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

4. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non recollidos nesta normativa e no Plan sectorial eólico de Galicia, observarase o disposto de forma subsidiaria na lexislación de ordenación do territorio e do solo vixente, así como na normativa sectorial aplicable e na normativa urbanística dos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños.

5. Carácter territorial das infraestruturas contidas no proxecto sectorial.

As construcións e instalacións incluídas no presente proxecto sectorial, así como as súas obras de reforma, modernización e ampliación dentro do ámbito delimitado, cualifícanse como obras de marcado carácter territorial.

A súa execución, unha vez aprobado o presente proxecto sectorial, non precisará da autorización urbanística autonómica a que fai referencia o artigo 38 da Lei 2/2016, do 19 de febreiro, do solo de Galicia.

No que respecta ao título habilitante municipal, observarase o disposto na lexislación vixente de aplicación.

6. Eficacia.

A aprobación definitiva do presente documento levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das infraestruturas enerxéticas reguladas no proxecto de execución que integra o presente proxecto sectorial (coas súas posibles reformas, modernizacións ou ampliacións dentro do ámbito delimitado), así como a necesidade de ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución e implantación destas infraestruturas enerxéticas, para os efectos de expropiación forzosa ou imposición de servidumes.

Esta declaración estenderase aos terreos precisos para conectar a infraestrutura enerxética coas redes xerais de servizos e accesos.

7. Réxime sancionador e de reposición da legalidade.

Os actos de edificación e uso do solo realizados no ámbito territorial deste proxecto sectorial sen axustarse ás súas determinacións quedarán suxeitos e rexeranse, canto ao seu réxime de infraccións, sancións e protección da legalidade, polo disposto na Lei 2/2016, do solo de Galicia.

8. Ámbito delimitado.

O ámbito de aplicación do presente proxecto sectorial é o ámbito delimitado na súa documentación gráfica, nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños. En todo caso, é o ocupado materialmente por aeroxeradores, edificio de interconexión, redes de conducións, novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos, resto das infraestruturas do parque, máis as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións, tal e como se definen a seguir:

Aeroxeradores

200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento

Liñas eléctricas

As resultantes da aplicación da fórmula A=1,5 + V(kV)/100, cun mínimo de 2 m

Edificio de interconexión

5 m

Redes de condución

3 m a cada lado do eixo da rede, que pode eliminarse nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo

9. Relación co plan urbanístico vixente. Condicións de uso e edificación para a súa adaptación.

9.1. Clasificación e cualificación.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial prevalecerán sobre os plans municipais de Zas e Cabana de Bergantiños, preexistentes á súa aprobación, na medida en que estes se opoñan ou contradigan aquelas determinacións.

En ambos os concellos o ámbito delimitado neste proxecto entenderase clasificado como solo rústico de protección de infraestruturas. En todo caso, a nova categoría de solo rústico proposta superpoñerase, sen desprazala, sobre aqueloutra categoría que teñan os terreos nos plans vixentes, prevalecendo a que outorgue maior protección de acordo co establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia.

O ámbito delimitado para a implantación do parque eólico Mouriños será cualificado como sistema xeral de infraestruturas enerxéticas, para os efectos previstos na lexislación do solo vixente.

O proxecto sectorial será executivo e vinculante para as administracións públicas e os administrados desde a mesma data da súa entrada en vigor, sen prexuízo do deber de adaptación daqueles plans ás determinacións deste proxecto, nos termos contidos na presente normativa.

A adaptación aludida nos puntos anteriores terá que producirse coa primeira modificación puntual do plan xeral que por calquera causa acorde o concello ou coa revisión do plan xeral.

9.2. Condicións de uso.

No ámbito delimitado no proxecto sectorial do parque eólico Mouriños permitirase, en todo caso, o uso de parque eólico e as infraestruturas e obras complementarias asociadas a el.

O uso citado destinado á instalación de infraestruturas enerxéticas, previamente á súa implantación nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Nos terreos clasificados neste proxecto como solo rústico de protección de infraestruturas permitirase o resto dos usos permitidos para esta categoría de solo, de acordo coa Lei 2/2016, do solo de Galicia, sempre que non exista afección ou desviación do funcionamento das infraestruturas enerxéticas. En todo caso, impóñense as seguintes restricións:

a) Non se permitirá a existencia de usos que afecten o funcionamento dos aeroxeradores ou calquera das infraestruturas que compoñen o parque eólico.

b) Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m de calquera aeroxerador.

9.3. Condicións de edificación.

As condicións de edificación para as obras que integran o proxecto sectorial do parque eólico de Mouriños son as definidas detalladamente no proxecto de execución que se incorpora como documentación propia deste proxecto.

Para as obras non contidas no citado proxecto, nos terreos clasificados neste documento como solo rústico de protección de infraestruturas cumpriranse as condicións de edificación determinadas pola Lei 2/2016, do solo de Galicia, coas seguintes excepcións:

a) Non se exixe superficie de parcela mínima.

b) En relación coa altura máxima determinada pola citada lei, excepcionalmente, poderá excederse a dita altura cando as características específicas das infraestruturas enerxéticas, debidamente xustificadas, o fagan imprescindible.

c) No relativo á ocupación máxima, poderá permitirse unha ocupación superior á determinada na Lei 2/2016 para as infraestruturas enerxéticas sempre que se manteña o estado natural dos terreos, polo menos, nun terzo da superficie da parcela.