Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2018 Páx. 45606

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica e da súa liña de evacuación, promovida por Raiola Future, S.L. no concello de Vilardevós, Ourense (expediente IN408A 2018/2-3).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Raiola Future, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción dunha planta solar fotovoltaica e da súa liña de evacuación, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 5 de febreiro de 2018 Raiola Future, S.L. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica e da súa liña de evacuación, situadas no concello de Vilardevós (Ourense).

Segundo. Con data do 8 de febreiro de 2018, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense remitiu ao concello de Vilardevós e á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Ourense unha copia do proxecto da planta solar fotovoltaica e da súa liña de evacuación de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, co fin de que establecesen un condicionado técnico se o estimaban oportuno, petición que se reiterou no 9 de marzo de 2018 sen que se presentase finalmente ningún condicionado ao proxecto remitido.

Terceiro. Mediante Resolución do 9 de febreiro de 2018 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense someteu a información pública a petición das autorizacións administrativas previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica en Vilardevós, Ourense (IN408A 2018/2-3), que se publicou no 6 de marzo de 2018 no Boletín Oficial da provincia de Ourense núm. 53, e no 9 de marzo de 2018 no Diario Oficial de Galicia núm. 49. As características técnicas da instalación son as seguintes:

– Instalación solar fotovoltaica para evacuación á rede de distribución, tipo II (Real decreto 1578/2008, do 26 de setembro) de 1.500 kW de potencia nominal (1.498,5 kWp), dotada de 5.550 módulos fotovoltaicos de silicio policristalino de 270 Wp/u, marca SHARP, modelo ND-RJ270; 41 seguidores solares a dous eixes de BRAUX, modelo ONLINE; 2 inversores SMA Sunny Central SC 760 CP, de potencia nominal 750 kW/ud.

– Transformador de potencia de 1.600 kVA, con R/T 340/20.000 V, cos seus elementos de corte, protección e servizos auxiliares, en edificación (Power Station), que tamén integra os citados inversores.

– Centro de protección, control e medida (CPCM) anexo á Power Station.

– Liña eléctrica enterrada de evacuación, a 20 kV, en condutor tipo RHZ1 12/20 3×(1×95) mm2 Al 2OL, de 77 m de lonxitude con orixe no CPCM e final no centro de seccionamento (CS) proxectado.

– CS situado ao pé do poste no lugar de entroncamento na LMT VII807, apoio C3D3913L/67-8-19, con tres celas de liña+cela de SSAA, con illamento e corte en SF6, e telecontrol.

– Orzamento total: 896.700 €.

Cuarto. Con data do 5 de xullo de 2018, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense emitiu informe favorable á autorización administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica de referencia e da súa liña de evacuación.

Quinto. Con data do 19 de xullo de 2018 o Consello da Xunta de Galicia acordou autorizar o cambio de uso das parcelas 1681, 1682 e 1684 do polígono 68 do monte Outeiro das Minas e Valgrande pertencente á CMVMC de Vilar de Cervos, no concello de Vilardevós (Ourense), co propósito de instalar un parque solar.

Sexto. Con datas do 24 de xullo de 2018 e 7 de agosto de 2018 requírese a Raiola Future, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa presentou a documentación requirida con datas do 3 de agosto de 2018, 7 de agosto de 2018 e 9 agosto de 2018.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no artigo 19 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguranza industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas contidas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e cuxo outorgamento corresponde á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Raiola Future, S.L. para unha planta solar fotovoltaica e a súa liña de evacuación, promovida no concello de Vilardevós (Ourense) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción da devandita planta solar fotovoltaica e da súa liña de evacuación, promovida no concello de Vilardevós (Ourense) segundo o proxecto de execución denominado Proxecto para instalación de parque solar fotovoltaico e liña de evacuación, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Fernando Pereira García, colexiado nº 298 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Instalación solar fotovoltaica para evacuación á rede de distribución, tipo II (Real decreto 1578/2008, do 26 de setembro) de 1.500 kW de potencia nominal (1.498,5 kWp), dotada de 5.550 módulos fotovoltaicos de silicio policristalino de 270 Wp/u, marca SHARP, modelo ND-RJ270; 41 seguidores solares a dous eixes de BRAUX, modelo ONLINE; 2 inversores SMA Sunny Central SC 760 CP, de potencia nominal 750 kW/ud.

– Transformador de potencia de 1.600 kVA, con R/T 340/20.000 V, cos seus elementos de corte, protección e servizos auxiliares, en edificación (Power Station), que tamén integra os citados inversores.

– Centro de protección, control e medida (CPCM), anexo á Power Station.

– Liña eléctrica enterrada de evacuación, a 20 kV, en condutor tipo RHZ1 12/20 3×(1×95) mm2 Al 2OL, de 77 m de lonxitude con orixe no CPCM e final no centro de seccionamento (CS) proxectado.

– CS situado ao pé do poste no lugar de entroncamento na LMT VII807, apoio C3D3913L/67-8-19, con tres celas de liña+cela de SSAA, con illamento e corte en SF6, e telecontrol.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos proxectos de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse en todo momento canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Reglamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicando a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Raiola Future, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución.

5. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de seis meses contados a partir da data de notificación das presentes resolucións. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade destas autorizacións.

6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

7. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas