Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2018 Páx. 45546

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).

De conformidade coas competencias previstas nas normas I.6.1 e II.7 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal asinado o 13 de xuño de 2016, no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, en reunións mantidas o 15 de marzo e 22 de xuño de 2018, adoptáronse os acordos que se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

I.1. Inclusión na categoría de enfermeiro/a da área especial de citostáticos.

De conformidade coa habilitación conferida pola norma II.7.4 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, por razóns asistenciais debidamente xustificadas, a Comisión Central de Seguimento do Pacto acorda a inclusión da área especial de citostáticos para a cobertura das necesidades de vinculación de duración non superior a 60 días na categoría de enfermeiro/a.

Tal área estará visible en Fides/expedient-e, para os efectos da posible selección polos/as aspirantes interesados/as a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

I.2. Inclusión automática nas listas da área especial das persoas aspirantes que solicitan e superan a formación práctica específica.

As persoas aspirantes que, no formulario electrónico de inscrición nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios de carácter temporal, teñan solicitado a formación en áreas especiais prevista no apartado II.7 do vixente pacto, logo de recibida e superada esta incluiranse de oficio como aspirantes admitidos dispoñibles para a formalización de nomeamentos da concreta área especial en que recibiron a formación, na seguinte actualización de listas que se efectúe na respectiva categoría.