Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 10 de outubro de 2018 Páx. 45424

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2018 pola que se adscriben órganos e unidades da Consellería do Medio Rural correspondentes á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e ao Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Subdirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 102, do 30 de maio) entrou en vigor o 30 de maio de 2018.

A disposición adicional primeira do citado decreto establece que a constitución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria se producirá coa celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, data a partir da cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

A disposición adicional quinta do citado decreto establece a adscrición de órganos e unidades administrativas da Consellería do Medio Rural no momento da súa constitución.

Na súa virtude e logo de convocatoria pola conselleira do Medio Rural, o Consello Reitor da Axencia Galega da Calidade Alimentaria celebrou a súa sesión constitutiva o día 29 de agosto de 2018,

RESOLVO:

Adscribir á axencia pública Agacal as unidades administrativas de nivel orgánico inferior a servizo, previstas na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural correspondentes á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

Adscribir as unidades administrativas con nivel orgánico inferior a servizo previstas na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural correspondentes ao Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Subdirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

A adscrición efectúase aos órganos da estrutura orgánica prevista nos estatutos da Axencia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria