Os artigos 89 e 90 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establecen que o concurso ordinario constitúe o sistema normal de provisión de postos polo persoal funcionario de carreira.
Na actualidade, existen na relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade postos de traballo vacantes para ser desenvolvidos por funcionarios/as pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria, sendo a súa provisión necesaria para o bo funcionamento dos servizos.
Por Resolución do 13 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de decembro de 2013 que aproba o Plan de ordenación de recursos humanos dos laboratorios de saúde pública desta consellería. Como consecuencia deste plan, produciuse a centralización dos laboratorios de saúde pública no laboratorio de Lugo. Esta reestruturación fixo necesaria unha reordenación dos recursos humanos e dos postos de traballo, coa adopción das medidas e previsións necesarias para axustar as situacións dos postos de traballo dos extintos servizos de laboratorio de saúde pública territoriais á nova estrutura e co compromiso de convocar un concurso de traslados das categorías de persoal funcionario das escalas sanitarias afectado polo citado plan.
Por outra parte, a base sétima da Resolución do 27 de xullo de 2010 pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, materializa o mandato contido na disposición transitoria quinta da citada lei, e obriga os/as aspirantes seleccionados/as no dito proceso a ter que participar no concurso de traslados que se convoque con posterioridade ao seu ingreso, atendendo á orde de puntuación final que obtivesen no devandito concurso-oposición.
En virtude do anteriormente exposto, esta consellería, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, modificado polo Decreto 33/2014, do 6 de marzo, logo da negociación coa representación do persoal na Mesa Xeral de Empregados Públicos na súa reunión do 20 de xuño de 2018,
DISPÓN:
Primeiro.
Convocar concurso de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes que se relacionan no anexo III desta resolución, así como aprobar as bases e o baremo de méritos que rexerán a convocatoria contidos no anexo I e II desta.
Segundo.
1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan á Administración e aos que participen nela.
2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan ditados na tramitación deste procedemento poderán ser impugnados polas persoas interesadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Os recursos contencioso-administrativos que se interpoñan contra esta convocatoria ou calquera acto integrante do concurso de traslados serán anunciados no Diario Oficial de Galicia ou, segundo o caso, notificados individualmente a cantos aparezan como interesados, para os efectos do seu emprazamento.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2018
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO I
Bases
Primeira. Convócanse para a súa provisión, con carácter definitivo, os postos de traballo vacantes que se especifican no anexo III desta resolución.
O concurso rexerase por estas bases así como polo disposto con carácter xeral na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.
Segunda. O proceso de provisión, para as clases de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, inspector/a farmacéutico/a, inspector/a médico/a, e subinspector/a sanitario/a, constará de dúas fases que se desenvolverán consonte estas bases. Os/as concursantes só poderán participar nunha delas.
Para as restantes clases obxecto de convocatoria, a provisión constará unicamente da primeira fase.
I. Primeira fase.
Terceira. Requisitos de participación
1. Poderán participar nesta fase do concurso:
a) O persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que pertenza á escala de saúde pública e administración sanitaria na respectiva clase, que no último día do prazo de presentación de instancias reúna os requisitos exixidos para desempeñar os postos aos que opta conforme o especificado en cada caso no anexo III desta convocatoria, agás aqueles que leven menos de dous anos desempeñando un posto definitivo obtido por concurso.
b) Os funcionarios da escala de saúde pública e administración sanitaria en situación de excedencia voluntaria por interese particular, unha vez transcorrido o período mínimo de permanencia nesta situación.
c) Os funcionarios da escala de saúde pública e administración sanitaria en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público.
d) Os funcionarios da escala de saúde pública e administración sanitaria en situación de excedencia por violencia de xénero.
2. Están obrigados a participar nesta fase do concurso:
a) Os/as funcionarios/as da escala de saúde pública e administración sanitaria das clases convocadas, agás os de novo ingreso, que reúnan os requisitos exixibles nesta convocatoria e anexos correspondentes con adscrición provisional nun posto de traballo como consecuencia do reingreso ao servizo activo procedente da situación de excedencia ou rehabilitación da condición de funcionario.
b) Os/as funcionarios/as da escala de saúde pública e administración sanitaria das clases convocadas, agás os de novo ingreso, que reúnan os requisitos exixibles nesta convocatoria e anexos correspondentes que se encontren á disposición do órgano competente ou adscritos provisionalmente por cese nun posto de traballo provisto por libre designación ou por supresión do posto que ocupase con carácter definitivo ou por alteración do contido del na relación de postos de traballo, ou por ter sido removido dun posto obtido por concurso, de conformidade co previsto no artigo 97 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
De conformidade co artigo 97.5 e disposición transitoria quinta.3) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o persoal funcionario de carreira que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a solicitar todos os postos situados en localidades que se atopen a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto a que está adscrito provisionalmente. O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular.
Para estes efectos, tomarase como data de referencia da situación administrativa da persoa concursante a do día da publicación da convocatoria de concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.
Ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga establecida no artigo 97.5 da LEPG, non obteña praza consecuencia da resolución do concurso seralle adxudicado de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente á súa escala de entre aqueles que queden vacantes.
c) O persoal funcionario de carreira que se encontre adscrito por motivo de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e debe solicitar todos os postos situados na mesma localidade do posto a que figure adscrito provisionalmente.
O incumprimento desta obriga determinará o cesamento no posto no que figure adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación.
d) Os excedentes forzosos.
Os funcionarios de carreira en situación de excedencia forzosa deberán solicitar, por orde de preferencia, todos os postos aos que poidan acceder pertencentes ao seu corpo, escala e clase que se oferten neste concurso. O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular, nos termos do artigo 179 da Lei 2/2015, do 29 de abril.
Igualmente, poderán participar nesta fase da convocatoria e optar a postos reservados ao subgrupo A1, o persoal da Administración da Seguridade Social pertencentes á escala de inspectores médicos do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión, inspectores médicos do corpo especial do Instituto Social da Mariña, e escala de farmacéuticos inspectores do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión.
Poderán participar nesta fase da convocatoria e optar a postos reservados ao subgrupo A2, o persoal da Administración da Seguridade Social pertencente á escala de ATS/visitadores do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión.
3. Non poderán participar nesta fase do concurso os/as funcionarios/as de novo ingreso que accederon a dita condición mediante o proceso selectivo convocado pola Resolución do 27 de xullo de 2010 (DOG núm. 149, do 5 de agosto), pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, calquera que sexa a situación administrativa na que se encontren.
4. Non poderán participar no concurso, os/as funcionarios/as da escala de saúde pública e administración sanitaria suspensos en firme, mentres dure a suspensión.
5. Os/as interesados/as en participar na convocatoria deberán posuír os requisitos especificados no anexo III desta orde para desempeñar a vacante á cal pretenden acceder.
Cuarta. Solicitudes de participación
1. As persoas que desexen tomar parte no concurso de traslados poderán solicitar por orde de preferencia os postos relacionados no anexo III, sempre que reúnan as condicións exixidas nel e deberán cubrir unha solicitude de participación, que estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Cada aspirante só poderá presentar unha única instancia de participación.
2. No suposto de estaren interesados/as en participar neste concurso dous/dúas funcionarios/as poderán condicionar a súa solicitude de participación, por razóns de convivencia familiar, ao feito de que ambos/as os/as dous/dúas obteñan destino na mesma localidade, entendéndose, en caso contrario, anulada a petición efectuada por ambos os/as dous/dúas. Os/as funcionarios/as que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa solicitude e achegar fotocopia da solicitude do outro/a funcionario/a.
3. Serán inadmitidas, constituíndo causa de exclusión, as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura que a faga ilexible, tanto na instancia como en calquera documentación, que non se encontren salvadas baixo sinatura.
Quinta. Lugar de presentación
1. As solicitudes de participación así como a documentación acreditativa dos requisitos e méritos dirixiranse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, e deberán presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ao organismo competente.
Sexta. Prazo de presentación
1. O prazo para a presentación das solicitudes de participación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
2. No prazo de presentación de solicitudes, os/as concursantes poderán retirar ou modificar a súa solicitude mediante a presentación dunha nova instancia, que anulará totalmente a anterior. Transcorrido o dito prazo, non se admitirá nin a modificación de solicitudes nin a retirada do concurso, tendo, en consecuencia a dita solicitude carácter vinculante para o/a peticionario/a, e os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de rematar o prazo de toma de posesión, consonte o disposto no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna de persoal funcionario.
Sétima. Selección de prazas ofertadas
1. Os/as concursantes deberán indicar, por orde de preferencia, as vacantes polas que opten que se inclúen como anexo III.1 desta resolución.
2. Así mesmo, os/as funcionarios/as que o desexen poderán solicitar os postos de traballo que puidesen resultar vacantes como consecuencia da adxudicación dos postos ofertados no anexo III.1, e que se detallan como destinos a resultas no anexo III.2.
Estes postos de traballo unicamente poderán ser adxudicados no caso de que o/a titular que os desempeñe con carácter definitivo obteña outro neste concurso. Consecuentemente, se o/a citado/a titular non participa nel ou, participando, non obtén destino, entenderase que o dito posto non foi convocado.
3. Os/as funcionarios/as só poderán ser adxudicatarios/as dos postos para cuxo desempeño reúnan os requisitos establecidos na correspondente relación de postos de traballo.
A adxudicación dun posto a resultas está condicionada a que o/a solicitante non obteña ningún dos postos convocados no anexo III.1 e a que dito posto sexa de necesaria cobertura. A adxudicación efectuarase segundo a orde de prelación que resulte da aplicación do baremo do concurso.
Oitava. Acreditación de requisitos e méritos
1. Os requisitos de participación neste concurso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante a tramitación do procedemento ata a toma de posesión do destino adxudicado.
2. Os méritos a ter en conta valoraranse con referencia ao último día do prazo de presentación de instancias, este incluído.
3. Os requisitos de participación e méritos deberán ser acreditados pola persoa interesada, dentro do prazo de presentación de solicitudes.
4. Os méritos relativos a antigüidade, grao persoal recoñecido, traballo desenvolvido e permanencia acreditaranse mediante certificación orixinal, que se axustará ao modelo que consta no anexo IV que será expedido polas unidades seguintes, de acordo co destino definitivo de cada funcionario:
– Servizos centrais da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde: Subdirección Xeral de Persoal e Réxime Retributivo da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.
– Servizos periféricos: xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.
Co obxecto de simplificar tal trámite, o persoal funcionario interesado en participar no concurso deberá solicitar a expedición de tal certificado, ao enderezo de correo electrónico, en función do destino definitivo do/da profesional, que se indica no anexo VI. Os certificados serán expedidos pola unidade administrativa competente cos datos que consten o último día do prazo de presentación de instancias e serán remitidos ao profesional, para os efectos informativos, ao mesmo enderezo de correo electrónico da solicitude. Non será necesario que o/a profesional achegue o dito certificado xunto coa solicitude de participación no concurso.
No suposto de que se trate dun/dunha funcionario/a da escala de saúde pública e administración sanitaria que non preste actualmente servizos na Consellería de Sanidade ou no Servizo Galego de Saúde, tal certificación será expedida polo órgano responsable da xestión do persoal da Administración de pertenza do/da funcionario/a.
5. O/a profesional que participe no concurso deberá relacionar todos e cada un dos restantes méritos que posúa e que desexe achegar no concurso no modelo que para o efecto estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde, acompañando esta relación orixinal ou copia compulsada da documentación acreditativa de cada un deles.
Novena. Valoración de méritos
A valoración de méritos alegados polos/as concursantes para a adxudicación de destinos no concurso será efectuada, conforme o baremo que figura como anexo II desta resolución, de forma que a prioridade para a adxudicación de postos de traballo estará determinada pola puntuación total obtida por aplicación do mencionado baremo. En caso de empate na puntuación final, acudirase, para dirimilo, á maior puntuación obtida en cada epígrafe do baremo pola súa orde e, se este continúa, resolverase pola orde do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o 17 de xaneiro de 2018 (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro). En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os profesionais empatados.
Para tales efectos, constituirase unha comisión de valoración en cuxa composición terá participación a representación legal dos/das traballadores/as. O seu funcionamento axustarase aos principios de imparcialidade e obxectividade.
Décima. Relación de persoas admitidas e excluídas e resolución da primeira fase do concurso
1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e de concorrer algún suposto de exclusión, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola cal se declaran con carácter provisional os/as concursantes admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo da exclusión.
2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante escrito dirixido ao mencionado órgano, que poden presentar no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as para participar neste concurso e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e destinos provisionalmente asignados, con indicación dos lugares de exposición.
4. Os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para formular reclamación contra a dita resolución.
5. As citadas reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará na mesma forma en que foi publicada a convocatoria do concurso. Esta publicación servirá de notificación aos/ás interesados/as. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.
Décimo primeira. Prazos de cesamento e toma de posesión
Os prazos de cesamento no actual destino e de toma de posesión nos destinos adxudicados na primeira fase do concurso serán os establecidos no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, segundo a redacción efectuada polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.
A toma de posesión dos postos de traballo de farmacéuticos inspectores de saúde pública, inspectores farmacéuticos, inspectores médicos e subinspectores sanitarios adxudicados como consecuencia da primeira fase do concurso, non se producirá mentres non sexan adxudicados os destinos definitivos aos funcionarios de novo ingreso seleccionados mediante o concurso-oposición convocado pola Resolución do 27 de xullo do 2010, na segunda fase deste concurso.
II. Segunda fase.
(De aplicación exclusiva ás clases de inspector médico, inspector farmacéutico, farmacéutico inspector de saúde pública e subinspector sanitario).
Décimo segunda
1. Unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva da primeira fase do concurso, o órgano convocante ditará resolución, que se publicará neste mesmo periódico oficial, mediante a que se dará a oportuna publicidade aos postos vacantes que se ofertarán na segunda fase do proceso, e convocará a todos os aspirantes que superaron o concurso-oposición convocado por Resolución do 27 de xullo de 2010 (DOG núm. 149, do 5 de agosto), para que en único chamamento e acto, elixan obrigatoriamente destino definitivo entre os que se indiquen na citada resolución, pola orde de puntuación final obtida no concurso-oposición na clase correspondente, con preferencia a favor dos/das aspirantes que, de ser o caso, accedesen pola quenda de promoción interna.
2. A solicitude será vinculante e irrenunciable. Os/as aspirantes deberán ir provistos/as de documento nacional de identidade ou documento que acredite de modo fidedigno a súa identidade.
Os/as aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder notarial suficiente.
3. Non obstante o disposto nos parágrafos anteriores, non estarán obrigados a elixir destino definitivo nesta fase do concurso, os funcionarios de novo ingreso que se atopen desempeñando un posto de traballo de libre designación a través da correspondente convocatoria pública, nin os que sendo tamén de novo ingreso, se atopen na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 174 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
4. A correspondente resolución cos destinos definitivos da segunda fase do concurso será publicada no Diario Oficial de Galicia, indicando nela os prazos de cesamento no actual destino, independentemente da Administración onde se atope o/a concursante, se é o caso, e toma de posesión, tanto dos funcionarios aos que se lles adxudicou un novo posto no concurso de traslados, como dos funcionarios de novo ingreso.
III. Efectos derivados do concurso.
Décimo terceira.
1. Os destinos adxudicados no concurso serán irrenunciables, agás que, con anterioridade ao remate do prazo de toma de posesión, se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a comunicar por escrito, nos tres días seguintes, a opción realizada á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.
2. O/a funcionario/a ao/á que por algún dos sistemas previstos nesta resolución se lle adxudique destino e non tome posesión dentro do prazo posesorio que para o efecto se estableza perderá os seus dereitos, pasando á situación administrativa que lle corresponda no seu corpo, escala e clase, con excepción daqueles que, no acto de toma de posesión soliciten e lles corresponda a pasaxe a outra situación administrativa.
3. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios e, en consecuencia, non xerarán dereito a ningunha indemnización.
Décimo cuarta
1. O persoal interino que non superou o concurso-oposición convocado pola Resolución do 27 de xullo de 2010 (DOG núm. 149, do 5 de agosto), ao que lle sexa de aplicación o disposto na disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, seralle adxudicado un posto de traballo dos que queden vacantes entre os que se ofertasen no concurso de traslados ou con posterioridade a este, logo da adxudicación dos destinos definitivos aos funcionarios nas dúas fases do concurso. A dita adxudicación será efectuada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde en atención á maior antigüidade na prestación de servizos en postos de traballo da clase correspondente.
2. O resto do persoal interino ao que non lle sexa de aplicación o disposto na dita disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, cesará automaticamente nos postos de traballo que viñesen desenvolvendo cando se incorporen a eles os funcionarios de carreira que obtivesen destino definitivo en ambas as dúas fases do concurso, ou o persoal interino ao que se refire o punto anterior.
ANEXO II
(Baremo)
A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:
I. Antigüidade (máximo 7 puntos).
Servizos prestados nas administracións públicas:
Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servizos prestados como funcionario/a: 0,175 puntos.
Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.
II. Grao persoal consolidado (máximo 3 puntos).
Polo nivel 18 de grao consolidado: 1,20 puntos.
Por cada unidade de nivel que exceda o 18: 0,15 puntos.
Nos supostos en que os/as funcionarios/as non teñan consolidado grao persoal ningún computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do grupo de cada corpo ou da escala a que pertenza o/a funcionario/a.
Se durante o tempo no que o funcionario desempeña un posto de traballo se modifica o nivel deste, o tempo de desempeño computarase no nivel máis alto con que tal posto estivese clasificado.
III. Traballo desenvolvido, permanencia e medidas de conciliación (máximo 6 puntos).
III.1. Traballo desenvolvido.
Soamente se computarán os servizos prestados como funcionario/a da escala de saúde pública e administración sanitaria en postos de traballo da citada escala.
En todo caso, queda excluído da valoración calquera outro tipo de posto de traballo desempeñado, incluídos os sanitarios que teñan como contido esencial o clínico-asistencial.
• Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desempeñado, sempre que o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,40 puntos.
• Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desempeñado, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado ata dous niveis: 0,30 puntos.
• Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desempeñado, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ao desempeñado: 0,20 puntos.
Para os efectos do traballo desenvolvido, os servizos prestados en comisión de servizos puntuaranse como prestados no posto de orixe do/da funcionario/a.
Ao persoal funcionario ao dispor do órgano competente ou en adscrición provisional resultaralle de aplicación o disposto na disposición transitoria quinta.2) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
III.2. Permanencia.
Polo tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo da escala desde a que se participa: 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses.
Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.
Norma específica: ao persoal que, en execución do Plan de ordenación de recursos humanos dos laboratorios de saúde pública da Consellería de Sanidade (DOG núm. 241, do 18 de decembro de 2013), pasou voluntariamente a prestar servizos, tanto noutras unidades da Consellería de Sanidade como noutros departamentos das consellerías da Xunta de Galicia, computaráselle o tempo de servizos prestados desde a data en que tivese ocupado con carácter definitivo o posto de traballo de orixe.
III.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero.
III.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.
Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos seguintes termos:
a) Certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito.
b.1) Administracións públicas:
Certificado expedido polo/a xefe/a de persoal do centro directivo onde o cónxuxe ou parella de feito preste servizos no cal conste que este/a é empregado/a público/a, o posto que ocupa e a localidade onde o posto radique (anexo V).
b.2) Empresas privadas:
Certificado de vida laboral e contrato de traballo por conta allea en vigor cun mínimo de tres meses de antelación á data de finalización do prazo de presentación de instancias.
b.3) Autónomos:
Certificado de vida laboral e documento de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social con efectos dun mínimo de tres meses de antelación á data de finalización do prazo de presentación de instancias.
III.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos ou escola infantil en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.
Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos seguintes termos:
a) Certificado de nacemento do/da fillo/a menor de 12 anos ou fotocopia compulsada do libro de familia.
b) Certificado acreditativo da matrícula durante o curso escolar 2018/19.
A puntuación das alíneas III.3.1 e III.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.
III.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes aos/ás funcionarios/as que estean gozando ou gozasen nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares.
A puntuación da alínea III.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos.
Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso cunha copia compulsada da resolución de concesión da excedencia.
IV. Cursos de formación e perfeccionamento e titulación académica (máximo 4 puntos).
IV.1. Cursos de formación e perfeccionamento (máximo 2,5 puntos).
Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, colexios profesionais, Servizo Público Estatal de Emprego, sindicatos, sociedades científicas, Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento e Saúde, Instituto Nacional de Administración Pública, Academia Galega de Seguridade Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, sempre que o seu contido estea relacionado coas funcións propias da escala de saúde pública e administración sanitaria, segundo a seguinte valoración:
• Por cada crédito: 0,1 puntos.
• Por cada hora: 0,01 puntos.
Os cursos valoraranse polos créditos que consten nos seus certificados. De non constar os créditos, os cursos valoraranse polas horas que se especifiquen no certificado.
En todo caso, quedan excluídos do cómputo os cursos que non estean suficientemente acreditados, así como aqueles en que non conste o número de créditos ou de horas, a data de impartición, o contido do curso, así como o órgano convocante e impartidor.
No suposto de cursos acreditados pola comisión nacional ou autonómica de formación continuada deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.
Non se valorarán os diplomas relativos á realización de xornadas, congresos, seminarios, simposios ou similares, sempre que non estean debidamente acreditados pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde ou pola Comisión Autonómica. Así mesmo, non serán obxecto de valoración as materias/créditos que formen parte dunha titulación académica, os cursos de doutoramento nin os módulos ou partes integrantes dun curso.
Para todos os postos do concurso, os cursos de procedemento administrativo común, seguridade e saúde laboral, igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero, atención ao cidadán, protección de datos persoais, arquivo de documentación e informática a nivel de usuario: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos e deseño de presentacións serán valorados sempre que estean convocados e impartidos por algunha das administracións ou entidades anteriormente indicadas.
Así mesmo, valoraranse en calquera posto do concurso, os cursos de idiomas oficiais da Unión Europea, organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas.
Valoraranse os cursos de perfeccionamento de xefes de sección para os postos solicitados de xefes de sección.
IV.2. Titulación académica (máximo 1,5 puntos).
– Profesións sanitarias de nivel diplomado (artigo 7 LOPS): 0,25 puntos.
– Profesións sanitarias de nivel licenciado (artigo 6 LOPS): 0,50 puntos.
– Pola realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou pola realización do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA): 1 punto.
– Título de doutor: 1,50 puntos.
– Título de especialista en ciencias da saúde: 1 punto.
– Máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario no ámbito das ciencias da saúde:
– En caso de estar computado en créditos ECT:
– Título oficial: 0,05 puntos/crédito.
– Título propio: 0,025 puntos/crédito.
– En caso de estar computado só en horas:
– Título oficial: 0,005 puntos/hora.
– Título propio: 0,0025 puntos/hora.
Valorarase só unha titulación académica, sempre que sexa distinta á requirida para o acceso ao corpo, escala e clase desde o cal se concurse e de igual ou superior nivel académico. Non se terán en conta as titulacións que sirvan de base para a obtención doutra superior.
V. Grao de coñecemento do idioma galego (máximo 3 puntos).
– Curso de Celga 3 ou equivalente: 0,75 puntos.
– Curso de Celga 4 ou equivalente: 1,50 puntos.
– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior do estudo de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.
– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.
No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.
Soamente se lles concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística.
O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.
VI. Polo grupo a que pertence o/a funcionario/a desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:
Subgrupo A1: 3 puntos.
Subgrupo A2: 2 puntos.
VII. Puntuación adicional Plan de ordenación dos laboratorios de saúde pública.
O persoal funcionario de carreira afectado polo Plan de ordenación de recursos humanos dos laboratorios de saúde pública da Consellería de Sanidade (DOG núm. 241, do 18 de decembro de 2013) que teña pasado a prestar servizos voluntariamente en unidades doutras consellerías e aqueloutro que non tivese oferta noutra consellería así como o que quede a dispor, gozará dunha puntuación adicional de 2 puntos cando o/s posto/s solicitado/s estea/n situado/s na mesma localidade que o destino de orixe afectado por este plan.