O Decreto 85/2012, do 16 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 138/2008, do 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia e se aproba o Manual de sinalización turística de Galicia, establece na súa disposición derradeira primeira a facultade do titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto e, en concreto, para realizar as modificacións necesarias no Manual de sinalización turística de Galicia.
O citado Manual de sinalización turística de Galicia non conta cos pictogramas que sinalicen destino especializado no turismo de surf, nin para indicar recurso etnográfico dun xeito xenérico, no cal poidan caber todos aqueles recursos para os cales non se establece pictograma concreto. Para estes efectos é precisa a súa modificación para incluír a dita sinalización.
Consecuentemente con todo o anterior, vista a proposta formulada pola Axencia Turismo de Galicia, e logo do informe da Asesoría Xurídica, esta consellería, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPÓN:
Artigo único
Modifícase o Manual de sinalización turística de Galicia aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro, engadindo os pictogramas relativos a turismo de surf e recurso etnográfico, así como as súas equivalencias verbais, que se insiren como anexo da presente orde, respectando o código cromático utilizado na sinalización direccional.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no ámbito das súas competencias, para ditar as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO