Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2018 Páx. 44902

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

O 27 de setembro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

A Administración autonómica adaptou no ano 2015 a súa arquitectura organizativa ao contexto de recuperación económica, ao tempo que promoveu unha acción pública máis eficaz e articulada, que mantiña o nivel de calidade na prestación dos servizos públicos e que foi continuada polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro.

Porén, co fin de adaptar a estrutura orgánica á situación actual de Galicia e impulsar o crecemento económico, o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, establece unha nova estrutura reforzando aquelas áreas máis necesarias para o axeitado desenvolvemento de Galicia, creando a Consellería de Cultura e Turismo e reordenando as competencias das consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; e Infraestruturas e Mobilidade.

Cómpre agora proceder ao desenvolvemento da nova estrutura determinando nun segundo nivel organizativo os órganos superiores e de dirección e as diversas entidades do sector público en que se estrutura tanto a consellería de nova creación como as que son obxecto de reordenación.

Deste xeito, por unha banda, intégranse na nova Consellería de Cultura e Turismo, ademais da Axencia de Turismo de Galicia, os órganos con competencia en materia de patrimonio e os relacionadas coa defensa e promoción da lingua galega e, por outra, unifícanse na Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as relativas a obras públicas, incorporando as correspondentes ás infraestruturas hidráulicas, e agrupando na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xunto coas competencias de urbanismo e paisaxe, as relacionadas coa vivenda e a rehabilitación.

Apróbase así a estrutura orgánica das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade; Educación, Universidade e Formación Profesional; e Cultura e Turismo.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

Un. O inciso da letra a) do artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

«a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:».

Dous. O punto 2 da letra b) do artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

«2. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo».

Tres. O inciso da letra a) do artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

«a) A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:».

Catro. O punto 2 da letra b) do artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

«2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia».

Cinco. O inciso da letra a) do artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«a) A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:».

Seis. Elimínanse os puntos 2, 2.1 e 3 da letra a) e a letra b) do artigo 6.

Sete. Os puntos 5 e 6 da letra a) do artigo 6 renúmeranse como puntos 2 e 3, respectivamente.

Oito. Engádese un novo artigo 6 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 6 bis.

a) A Consellería de Cultura e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Políticas Culturais.

3. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. A Axencia de Turismo de Galicia, que queda adscrita orgánica e funcionalmente á Consellería de Cultura e Turismo».

Artigo 2. Modificación do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos

Modifícase a disposición transitoria primeira do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición transitoria primeira. Prestación de servizos

1. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo xestionará as competencias en materia de persoal respecto do persoal da Axencia en tanto non se dispoña outra cousa.

2. O asesoramento xurídico da Axencia corresponderá á Asesoría Xurídica da Consellería de Cultura e Turismo en tanto non se dispoña outra cousa».

Disposición adicional primeira. Referencias do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos

As referencias á Presidencia da Xunta e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contidas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, incluídas as referencias realizadas nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Consellería de Cultura e Turismo, que exercerá a Presidencia da Axencia, as competencias contidas no artigo 3 do citado decreto e as demais previstas na normativa vixente como consellería de adscrición.

Disposición adicional segunda. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíe como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

1. As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

2. Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorgasen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación polo presente decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se integre a correspondente competencia.

3. En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional cuarta. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto

Os órganos superiores e de dirección e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se desenvolva a estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira. Subsistencia da estrutura e das funcións dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica

1. Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica da Xunta de Galicia dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, regulada nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se desenvolva a estrutura contida neste decreto.

2. En particular, naqueles supostos en que as xefaturas territoriais ou outros órganos ou servizos integrados nas delegacións territoriais teñan competencias correspondentes a máis dunha das consellerías resultantes da nova organización, o seu exercicio realizarase baixo a dependencia funcional da consellería actualmente competente en cada caso, ata o desenvolvemento da nova estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria cuarta. Estrutura orzamentaria

Para os efectos da execución orzamentaria, no que resta do exercicio 2018 manterase a estrutura aprobada pola Lei de orzamentos para 2018.

Disposición transitoria quinta. Adaptación dos Estatutos da Axencia de Turismo de Galicia

A Axencia de Turismo de Galicia deberá promover, no prazo de tres meses, a modificación dos seus estatutos co fin de adaptalos ao disposto neste decreto.

Disposición transitoria sexta. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto nas cales se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular as seguintes normas:

– A letra c) do artigo único do Decreto 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

– O artigo 2 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

– O punto 3 do artigo 1 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza