Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44795

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural de Penalba, parroquia de Mañufe, do concello de Gondomar (Pontevedra).

O Concello de Gondomar remite documentación da delimitación de solo de núcleo rural (DSNR) de Penalba, para resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e no artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Logo de analizar o proxecto da delimitación de solo de núcleo rural (DSNR) de Penalba, redactado pola arquitecta Delia Prado Figueroa en maio 2017, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Gondomar non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral. O ordenamento xurídico vixente deriva da providencia da Alcaldía do día 8.3.2012, na cal se remite á dilixencia da secretaria municipal, que remite aos informes xurídicos da técnica da Administración xeral dos días 15.9.2011 e 20.2.2012 e aos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dos días 6.9.2012 e 5.7.2013.

2. O 5.2.2016 o Concello inicia o período de información pública da DSNR conforme a disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 12.2.2016 e nos xornais Atlántico e Faro de Vigo do 13.2.2016.

3. O 27.7.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicia o período de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada (exp. núm.: 2016AAE1922).

4. O 27.9.2016 formúlase o informe ambiental estratéxico da delimitación (DOG do 25 de outubro) no que se resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria esta delimitación, á cal se lle achegan informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 20.9.2016; Instituto de Estudos do Territorio do 12.9.2016; Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 22.8.2016; e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 11.8.2016.

5. O Concello realiza un novo trámite de información pública, polo prazo de dous meses, mediante anuncio no DOG do 17.11.2016, e nos xornais Atlántico e Faro de Vigo do 18.11.2016. Achégase copia da notificación individualizada aos titulares catastrais dos terreos afectados e publicación no Boletín Oficial del Estado do 28.4.2017 e no Boletín Oficial de Pontevedra do 15.5.2017 nos casos en que non foi posible a notificación persoal. Segundo dilixencia do 18.5.2017, non se presentaron alegacións.

6. O Concello solicitou informe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (recibida o 22.11.2016 e o 19.12.2016 a rectificación de erro).

7. Constan informes municipais, técnicos do 10.5.2017, 11.5.2017 e 16.5.2017; xurídicos do 11.5.2017, 18.5.2017 e 23.5.2017; e do secretario, do 23.5.2017.

8. O proxecto de delimitación de solo de núcleo rural foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello do 21.6.2017.

9. O 4.10.2017 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou requirimento sobre a aprobación definitiva solicitando os informes sectoriais preceptivos.

10. O 16.3.2018 recíbese oficio do concelleiro de Urbanismo, Patrimonio, Vivenda e Medio Ambiente a que xunta copia dos seguintes informes:

– Instituto de Estudos do Territorio do 4.10.2017.

– Dirección Xeral de Emerxencias do 28.9.2017.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 20.10.2017.

– Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 7.11.2017.

– Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital do 14.11.2017.

– Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Aviación Civil do 3.12.2017, informe favorable condicionado á inclusión das cuestións indicadas nel.

– Certificado do 7.3.2018, do secretario municipal, en relación a que transcorreron 3 meses desde a solicitude de informes á Delegación do Goberno, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e Confederación Hidrográfica Galicia Norte-Augas de Galicia, sen que conste recibida contestación.

II. Análise e consideracións.

A proposta achegada ten por obxecto o recoñecemento e a delimitación do asentamento de Penalba, como solo de núcleo rural, no tipo básico de núcleo rural tradicional, cunha superficie de 10.553,00 m2, ao norte da parroquia de Mañufe.

O proxecto de DSNR aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello do 21.6.2017, responde aos requirimentos realizados e dá cumprimento ás cuestións sinaladas no informe emitido no período de consultas pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 20.9.2016.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural, corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural de Penalba, parroquia de Mañufe, do concello de Gondomar, condicionada á inclusión na documentación das indicacións do informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 3.12.2017.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file