Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 3 de outubro de 2018 Páx. 44665

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do cruceiro sito na Finca Simeón, no parque de Vista Alegre, na parroquia de San Xoán de Vista Alegre do concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, primeiramente, no seu artigo 8.1 (clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia), establece que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e a seguir, no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o artigo 91.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación, presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens, sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade:

a) Os hórreos, os cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas.

O 12 de febreiro de 2018, un particular solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dun cruceiro, atribuído a Francisco Hipólito Asorey González, sito na Finca Simeón, no parque de Vista Alegre, na parroquia de San Xoán de Vista Alegre de Santiago de Compostela. Este ben foi realizado en 1952 polo mencionado escultor por encargo dun dos fillos de Isabel García Blanco, ─filla de Simeón García de Olalla de la Riva, fundador da empresa téxtil Almacenes Simeón e máis tarde do Banco Simeón─. Como obra atribuída a Francisco Asorey, estímase a súa importancia artística.

Cómpre ter en conta que Simeón García Olalla de la Riva e a súa filla foron grandes benfeitores da cidade de Santiago de Compostela; a eles debeuse a fundación da Escola da Inmaculada, o Hospital da Esperanza e o Cottolengo, entre outras institucións emblemáticas da cidade compostelá, o que determina o seu interese histórico e antropolóxico.

Por tanto, en virtude do manifestado e á vista do informe elaborado polos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no cal se manifesta o notable valor cultural previsto para os bens catalogados no artigo 8.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, así como un especial valor cultural, principalmente etnolóxico, determinado no artigo 92.2 do citado precepto legal, e a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, é polo que, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o cruceiro sito na finca de Simeón, no parque de Vista Alegre, na parroquia de San Xoán de Vista Alegre, no concello de Santiago de Compostela (A Coruña), segundo a descrición do ben que consta no anexo I e a fotografía deste ben contida no anexo II.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramita o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito (18) meses a partir da data desta resolución. Pasado ese prazo sen que se emita resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que ache oportunas. O expediente poderá examinarse nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela).

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición

Denominación: cruceiro de Isabel García Blanco.

Descrición: elevado sobre unha plataforma gradada de tres chanzos cuadrangulares, presenta unha base monolítica sen inscrición e un fuste de sección cuadrangular de arestas vivas na base, onde aparece a data 1952, no reverso, e a inscrición conmemorativa no anverso («Dedicado por las casas Simeón García a Isabel García Blanco en el LXXX aniversario de su nacimiento»). Un sinxelo capitel corintio serve de apoio para a cruz con Xesús Cristo crucificado con catro cravos no anverso e a escena da Visitación de María a Isabel. O tema iconográfico, tamén chamado «o abrazo», da Virxe María visitando a súa prima Isabel, ambas en estado de boa esperanza de forma milagrosa, é absolutamente excepcional nos cruceiros galegos e debe relacionarse co nome da muller que se conmemora no cruceiro.

Localización: parque de Vista Alegre (antes finca de Simeón, parroquia de San Xoán de Vista Alegre. Concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Coordenadas ETRS 89 Fuso UTM 29: X: 537.007 Y: 4.742.244.

Ben cultural específico: patrimonio artístico.

Valor cultural: artístico, histórico e antropolóxico.

Contorno de protección: ao tratarse dun elemento situado dentro dun predio protexido no Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica PE-1, aprobado o 24 de marzo de 1997, que inclúe a finca de Vista Alegre no catálogo de xardíns e elementos naturais, non resulta necesario establecer un contorno de protección específico e estímanse suficientes as determinacións urbanísticas vixentes.

ANEXO II

Fotografía

missing image file