Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2018 Páx. 43794

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 24 de setembro de 2018 pola que se establecen condicións de xustificación e pagamento das axudas destinadas á reparación dos danos en establecementos comerciais, mercantís e industriais afectados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017 no ámbito da competencia desta consellería.

O día 30 de outubro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia, núm. 206 a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Dado que a Orde conxunta deriva do Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro de 2017, e que a disposición derradeira primeira do decreto habilita os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto adoptando as medidas para a súa aplicación, corresponde á Consellería de Economía, Emprego e Industria a aprobación de condicións de xustificación e pagamento das axudas concedidas ao abeiro do capítulo VI da citada Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, establecendo medidas coherentes co resto da orde conxunta.

Á vista do anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7, 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

Xustificación e pagamento das axudas concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

As axudas concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017 xustificaranse de conformidade co establecido no capítulo VI da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

O fin do prazo de execución establecido nas bases terceira e novena do capítulo VI da devandita Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, prorrógase ata o 1 de abril de 2019 e o do prazo para presentar a documentación xustificativa establecido na base novena ata o 30 de abril de 2019.

O crédito dispoñible terá a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2018

Ano 2019

09.A1-741A-7706

2.000.000 €

1.000.000 €

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria