Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2018 Páx. 43939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de setembro de 2018 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción itinerario peonil e ciclista na PO-307, treito: Deiro-Ponte da Illa de Arousa (punto quilométrico 0+000 - 1+650) e PO-549, treito: Tarrío-Cores (punto quilométrico 6+200 - 7+200) (clave PO/16/101.06).

Con data do 12 de setembro de 2018, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da Conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2013), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 21 de abril de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 77) o Anuncio do 11 de abril de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-307, treito: Deiro-Ponte da Illa de Arousa (p.q. 0+000 - 1+650) e PO-549, treito: Tarrío-Cores (p.q. 6+200 - 7+200), de clave: PO/16/101.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións, certificados e informes, procedéndose á súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que, simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados, alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-307, treito: Deiro-Ponte da Illa de Arousa (p.q. 0+000 - 1+650) e PO-549, treito: Tarrío-Cores (p.q. 6+200 - 7+200), de clave: PO/16/101.06, coas seguintes modificacións:

1. Na PO-307, punto quilométrico 0+060 a 0+120, marxe esquerda (predio 73): suprímese a cuneta revestida na fronte da parcela, e redúcese o largo da franxa verde, interpoñendo esta entre a pista-bici e a parcela, para posibilitar o aparcamento en liña na parcela. Cámbiase no anexo 12 “Necesidade de ocupación e bens e dereitos afectados” o titular do predio 73, figurando agora como titular Autos Arousa, S.L.

2. Na PO-549, punto quilométrico 6+900, marxe esquerda: modifícase o aparcadoiro en liña proxectado, definíndoo cun longo de 3,0 metros, o que posibilita o aparcamento de camións.

3. Na PO-307, punto quilométrico 1+200 a 1+240, marxe esquerda (predio 123): redúcese puntualmente o largo da actuación para non afectar o peche existente, unha vez comprobada a desproporción do custo da expropiación para conseguir un incremento na anchura dispoñible moi pequeno.

4. As alegacións presentadas en relación cos bens e dereitos afectados serán tidas en conta nas fases posteriores do procedemento expropiatorio.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vilanova de Arousa deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas