Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2018 Páx. 42922

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante Resolución do 21 de decembro de 2017 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 245, do 28 de decembro).

No artigo 5.b) das bases reguladoras establécense as tipoloxías de proxectos subvencionables para as pemes individuais:

«b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Implementación de sistemas especificamente no ámbito da produción e loxística encamiñados á dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados mediante sensórica.

3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos».

Na resolución de convocatoria establecíanse dous prazos para a presentación das solicitudes de axuda. O primeiro deles (IG240.1) rematou o 15.3.2018. Da avaliación dos expedientes desa primeira concorrencia despréndese que a categoría de proxectos b).2º é demasiado exixente para as demandas das empresas galegas, polo que se considera oportuno a súa modificación de cara ao segundo prazo de solicitudes da convocatoria, abrindo a tipoloxía de proxectos ás demandas de dixitalización de procesos detectadas nas solicitudes avaliadas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 2 de agosto de 2018, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, no seguinte sentido:

O artigo 5.b).2º queda redactado do seguinte xeito:

«2º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos (ERP, CRM e similares), interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares)».

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será aplicable ás solicitudes que xa se presentasen dentro do segundo prazo da convocatoria que abriu o 1.6.2018.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica