Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 19 de setembro de 2018 Páx. 42783

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Sasdónigas fase II, sito nos concellos de Mondoñedo e de Abadín e promovido por Norvento, S.L. (LU-11/125-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Sasdónigas fase II (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Sasdónigas fase II, cunha potencia de 9 MW e promovido por Norvento, S.L. (en diante, o promotor).

Segundo. O 30.12.2010, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico.

Terceiro. O 22.2.2011, o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

Cuarto. Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Sasdónigas fase II.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6 de febreiro de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 19 de xaneiro e no xornal La Voz de Galicia do 20 de xaneiro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mondoñedo e Abadín), da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade dos predios afectados e cos tipos de cultivos.

– A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) expón que o parque eólico se localiza na área de influencia de espazos da Rede Natura, a menos de 500 metros da ampliación do LIC Serra do Xistral, que afecta hábitats prioritarios, fundamentalmente breixeiras húmidas atlánticas, que as instalacións están a menos de 500 metros do Camiño de Santiago, que teñen dúbidas sobre a validez do estudo de impacto ambiental, que a lagarta da braña (Zootoca vivipara) e o voitre negro (Aegypius monachus) están presentes na área de estudo, e que a clasificación do solo vixente non é compatible coa instalación do parque eólico.

Quinto. O 9.11.2011, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto do parque eólico.

Sexto. O 19.12.2011, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Concello de Abadín e Concello de Mondoñedo.

Sétimo. O 6.3.2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Abadín.

Oitavo. O 6.3.2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Mondoñedo.

Noveno. A xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico ás seguintes empresas de servizo público: Retegal e Retevisión I, S.A.

Décimo. O 12.3.2012, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 12.4.2012, o promotor deu resposta ao citado condicionado.

Décimo primeiro. O 19.3.2012 e o 2.4.2012, Retevisión I, S.A. emitiu os correspondentes condicionados. O 17.4.2012 e o 27.4.2012, o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo segundo. O 29.4.2013, o promotor solicitou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas modificacións do proxecto consistentes, de forma xeral, nas variacións das posicións da torre meteorolóxica e do aeroxerador denominado SD03, debido aos requirimentos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Décimo terceiro. O 13.5.2013, a xefatura territorial reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico, feita o 22.3.2013, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Décimo cuarto. O 26.11.2013, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo quinto. Mediante a Resolución do 4 de agosto de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas aceptou ás modificacións a que se fai referencia no antecedente de feito décimo segundo.

Décimo sexto. O 24.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo sétimo. O 7.12.2017, o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Décimo oitavo. O 19.6.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom, S.A., Concello de Abadín, Concello de Mondoñedo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Retegal.

Décimo noveno. O 28.6.2018, Cellnex Telecom, S.A. emitiu o correspondente condicionado. O 18.7.2018 o promotor manifestou a súa conformidade.

Vixésimo. O 16.7.2018, a dirección xeral reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Abadín.

Vixésimo primeiro. O 16.7.2018, a dirección xeral reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Mondoñedo.

Vixésimo segundo. O 16.7.2018, a dirección xeral reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Vixésimo terceiro. O 20.7.2018, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 1.8.2018, o promotor manifestou a súa conformidade.

Vixésimo cuarto. O 13.7.2018, Ramón José Candia Díaz, presentou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Vilalba, un escrito en relación coa titularidade de predios afectados.

Vixésimo quinto. O 23.7.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe ao que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

Vixésimo sexto. O 31.7.2018, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación coa addenda ao proxecto de execución. Parque eólico Sasdónigas fase II. Xullo 2018, presentada polo promotor o 12.7.2018.

Vixésimo sétimo. O 1.8.2018, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 2 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Vixésimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 9,9 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. Co obxecto de aclarar as alegacións de carácter ambiental presentadas, cabe indicar que este proxecto foi sometido a trámite de avaliación de impacto ambiental, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático formulou o 1.8.2018 a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Sasdónigas fase II, sito nos concellos de Abadín e de Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L., para unha potencia de 9 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico composto polos seguintes documentos, todos eles asinados polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI:

– Proxecto de execución. Parque eólico Sasdónigas fase II. Decembro 2010.

– Addenda ao proxecto de execución. Parque eólico Sasdónigas fase II. Xullo 2018.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio: rúa Ramón María Aller Ulloa. Polígono Industrial As Gándaras, nº 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Sasdónigas fase II.

Potencia admitida a trámite: 9 MW.

Potencia que se vai evacuar: 9 MW.

Concellos afectados: Mondoñedo e Abadín (Lugo).

Produción media anual neta estimada: 33.167 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 5.846.115,05 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. Sasdónigas fase II

Vértices poligonal

Coordenadas UTM

(ETRS 89, fuso 29)

X

Y

1

626.275,19

4.808.786,45

2

627.875,20

4.808.786,46

3

629.375,21

4.807.236,47

4

630.875,22

4.807.436,49

5

630.875,22

4.807.036,48

6

628.875,22

4.805.786,46

7

627.225,21

4.806.236,45

8

627.725,20

4.808.186,46

9

626.275,19

4.808.586,45

Localización dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS 89, fuso 29)

Nº aeroxerador

X

Y

SD01

628.010,20

4.808.347,46

SD02

628.184,20

4.808.162,46

SD03

627.768,20

4.808.452,46

Localización da torre meteorolóxica:

Coordenadas UTM (ETRS 89, fuso 29)

Torre

X

Y

TM_SD01

627.755,20

4.808.676,46

Características técnicas das instalacións:

– 3 aeroxeradores V-Vestas 112 de 3 MW de potencia máxima unitaria con xerador asíncrono, montados sobre fuste tubular metálico, cunha altura ata a buxa de 94 metros e un diámetro de rotor de 112 metros.

– 3 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, Dyn5, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador coa súa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 94 metros de altura, equipada con anemómetros, cataventos, medidores de temperatura e de presión e logger rexistrador.

– Liñas eléctricas soterradas de 20 kV de tensión nominal en canalización entubada para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,65/20 kV e subestación transformadora 20/132 kV.

– Sistema 20 kV con celas de liña, seccionamento, remonte, medida e protección, e aparellaxe de medición e telecontrol que se instalará na subestación eléctrica transformadora 20/132 kV do parque eólico Sasdónigas, pertencente ao mesmo promotor (expediente 113-EOL).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 63.134 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

7. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 1.8.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Norvento, S.L. deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o preceptivo acordo favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea con anterioridade e previamente ao inicio das obras de construción do parque eólico Sasdónigas fase II.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito cuarto:

María Consolación Cabanas Díaz, o 29.12.2011; Alejo Oseira Cabanas, o 13.1.2012; Mª Lourdes Rodríguez Maseda, o 13.1.2012, o 16.1.2012 e o 15.4.2013; Eugenio Cabanas Basanta, o 20.1.2012; Saturnino Méndez Oseira, o 20.1.2012; Feliciano García Carreiras, o 27.1.2012; José Chao Vega, en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), o 10.3.2012.