Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2018 Páx. 42502

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva da modificación puntual da ordenanza especial OE-5 Galeras do Plan xeral de ordenación municipal, no ámbito do antigo hospital.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 19 de xullo de 2018, adoptou entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual da ordenanza especial OE-5 Galeras do PXOM, no ámbito do antigo hospital. O documento que se somete a aprobación definitiva incorpora os planos de ordenación reformados segundo o indicado no informe da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Segundo. En estrito cumprimento do sinalado no citado informe, en relación co emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural –que exixe adecuar a normativa do PXOM ao nivel de protección estrutural asignado ao edificio–, engádese o seguinte parágrafo no artigo 171.7 da normativa do PXOM:

O inmoble A-68 (Antigo Hospital de Galeras), catalogado co nivel de protección estrutural na modificación puntual da ordenanza especial OE-5 Galeras do PXOM, no ámbito do antigo hospital, rexerase polo disposto na citada modificación, así como polas disposicións aplicables da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia. Supletoriamente, e sempre que non se opoña ou contradiga o sinalado anteriormente, aplicarase o réxime establecido nos artigos seguintes do PXOM para os edificios de protección non integral.

O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia. Unha vez publicado o acordo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a documentación exixida polo artigo 88.3 da LSG, para os efectos de inscribir a modificación puntual do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Logo de que conste a inscrición no Rexistro, procederase a publicar a normativa no Boletín Oficial da provincia.

Así mesmo, notificarase persoalmente o acordo ás persoas que formularon alegacións, dandolles traslado do acordo de aprobación provisional, así como do informe técnico de contestación ás alegacións presentadas».

Contra o acordo da aprobación definitiva da citada modificación puntual do PXOM, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Martiño Noriega Sánchez
Alcalde