Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2018 Páx. 40443

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Verín (Ourense), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/22-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 22 de maio de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Verín (expediente IN627A 2008/14-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 13 de xullo e no Boletín Oficial da provincia do 5 de setembro de 2012.

Segundo. O 13 de novembro de 2015 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. comunicoulle á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a subscrición dun contrato marco con Repsol Butano, S.A. no cal se acordou que o Grupo Gas Natural ía proceder á compravenda dunha serie de instalacións de GLP en Galicia, propiedade de Repsol Butano, S.A.; entre as cales se atopaban as instalacións de distribución de GLP canalizado en Verín (Ourense). A este respecto hai que indicar o seguinte:

– O 20 de outubro de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. ten en varios núcleos de poboación da provincia de Ourense, entre os cales se encontra Verín, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa conseguinte subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

– O 14 de xuño de 2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Verín (Ourense) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 19 de xullo de 2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL para subministración a Verín (Ourense).

Posteriormente, o 1 de marzo de 2018 presentou, en substitución do proxecto inicial, un novo proxecto denominado Modificado de proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL para subministración a Verín (Ourense), co obxecto de ampliar a capacidade de almacenamento (pasa de 60 a 80 m3) e de adaptar o deseño da planta a unha nova especificación interna do grupo Gas Natural. Segundo consta neste novo proxecto:

– A planta de GNL instalarase na parcela de referencia catastral 7433908PG2473S0001SO, situada no Polígono Empresarial de Pazos (Verín) e conectarase coa rede de GLP existente, cuxa transformación a gas natural é obxecto doutro expedinte (IN627A 2017/30-0).

– A planta de GNL disporá dun tanque de almacenamento horizontal de 80 m3 de capacidade, unidade de descarga de cisternas, módulos de regasificación, regulación, medida, odorización e sistemas auxiliares, con saída do gas natural a 3,5 bar de presión.

– A conexión da planta de GNL coa rede de distribución existente de GLP realizarase mediante unha canalización de 3 m de lonxitude, en tubaxe de polietileno tipo PE-100 e SDR 17’6/SDR 17 e diámetro DN200.

Este proxecto someteuse, baixo o número de expediente IN627A 2017/22-0, aos procedementos de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución.

Cuarto. O 8 de marzo de 2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Modificado de proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL para subministración a Verín (Ourense), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/22-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3 de abril, no Boletín Oficial da provincia do 3 de abril e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 20 de marzo de 2018, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Verín.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Quinto. O 1 de setembro de 2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (Modificado de proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL para subministración a Verín), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por el: Concello de Verín, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica de España.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Nedgia Galicia, S.A., quen presentou a súa conformidade con eles.

A respecto das entidades que non contestaron (Concello de Verín), enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada porque outorgou a preceptiva licenza municipal con data do 19 de marzo de 2018, da que Nedgia Galicia, S.A. achegou unha copia para a súa constancia no expediente.

Sexto. O 2 de maio de 2018 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiron informe favorable sobre o citado proxecto de execución (Modificado de proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL para subministración a Verín).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Verín (Ourense), promovida por Nedgia Galicia, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., titulado Modificado de proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL para subministración a Verín, datado en xaneiro de 2018, con referencia GDO415151100015905, asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado nº 489 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), e no que figura un orzamento de 220.280,97 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas