Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 6 de setembro de 2018 Páx. 40108

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 9 de xullo de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vedra, en aliñacións e espazos públicos asociados a dotacións e equipamentos nos núcleos de San Fins de Sales, Santa Cruz de Ribadulla, Tomonde, O Coto e San Pedro de Sarandón.

O Concello remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación, conforme o artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vedra dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da CPTOPT do 8.5.2007.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre esta modificación o 9.12.2016, e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

3. O secretario-interventor municipal emitiu informe o 29.12.2016, e o arquitecto emitiu informe o 6.2.2017, previos á aprobación inicial.

4. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación o 22.2.2017 e publicou anuncios no xornal La Voz de Galicia do 22.3.2017 e no DOG do 11.4.2017.

5. Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos preceptivos e constan informes:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 2.5.2017, que non considera necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Informes sectorial e de afeccións acústicas da Axencia Galega de Infraestruturas do 29.6.2017 favorable, e do 15.6.2017 con condicións.

– Instituto de Estudos do Territorio do Territorio do 3.7.2017, sen obxeccións.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 3.7.2017 e do 1.3.2018 (favorable condicionado).

Non consta a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia. Tendo rematado o prazo previsto no artigo 60.7 da LSG, enténdese emitido favorable.

6. Deuse a preceptiva audiencia aos concellos limítrofes da Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela e Teo, e recibiuse resposta favorable de Boqueixón.

7. O Concello solicitou os informes sectoriais non autonómicos preceptivos, e constan:

– Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 14.3.2017 e do 27.2.2018.

– Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións (Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital) do 30.3.2017.

– Deputación da Coruña, do 21.4.2017.

– Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento) do 29.6.2017.

8. O secretario-interventor municipal emitiu informe o 13.3.2018 e o arquitecto emitiu informe o 9.3.2018, previos á aprobación provisional, favorables.

9. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación o 21.3.2018.

10. Con data do 19.6.2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe sobre o cumprimento das condicións do informe favorable condicionado do 1.3.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten como finalidades:

a) En San Fins de Sales, nas proximidades da autoestrada AP-53, axustar os límites da parcela de uso dotacional SX-I-2 á realidade catastral, para o cal se reduce a superficie de solo de núcleo rural común e de solo rústico de protección forestal, ampliando o solo rústico de protección ordinaria. Ademais, amplíase o equipamento no solo de núcleo rural común, incrementando a superficie da dotación AS-1 (gardaría municipal) e creando unha nova denominada SU-1 (servizos urbanos). Por último, redúcese a zona verde existente de 7.627 m2 lindeira á autoestrada sobre terreos clasificados como solo rústico de protección forestal (SX-ZV-3), que perde 2.351 m2 que pasan a clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas e cualifícanse dous ámbitos como zonas verdes de sistema xeral (SX-ZV-3a duns 588 m2 e SX-ZV-3b duns 864 m2) en terreos limítrofes co núcleo rural común, en que a clasificación pasa de solo rústico de protección forestal a ordinaria.

b) En Santa Cruz de Ribadulla, axústase a delimitación do equipamento de sistema xeral DOC-2 (colexio CEIP de Ortigueira) ao ámbito ocupado polas súas instalacións, reducindo a sección da vía (CP-8902) respectando o cerramento orixinal do colexio, e recollendo como uso escolar o espazo situado fronte á casa do mestre.

c) En Tomonde, amplíase o ámbito do espazo libre ZL-15 para adaptalo á realidade.

d) No Coto, axústase a aliñación da vía ao norte dos equipamentos deportivos DEP-4 (pista deportiva) e DEP-5 (campo de fútbol), respectando estas instalacións.

e) En San Pedro de Sarandón, amplíase o cemiterio reducindo a zona verde V-8; recualificando como zona verde (ZL-37) o ámbito descontinuo do cemiterio actual destinado no PXOM a novo cemiterio (equipamento CM-14) limitado nas súas posibilidades edificatorias pola súa contigüidade coa estrada autonómica AC-241. A nova superficie de zona verde ZL-37 ten dimensión claramente superior á V-8.

f) Elimínase a exixencia de aprobación dun plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural como condición para permitir segregacións ou divisións de parcelas nas áreas de ordenanza N-2 de expansión de núcleos rurais.

III. Análise e consideracións.

Analizado o documento remitido, o seu propio contido e a súa adecuación á normativa que lle resulta de aplicación, non se observa obxección ningunha no eido urbanístico.

Porén, no que se refire ao cumprimento do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de 1.3.2018 canto á delimitación do contorno de protección do elemento catalogado Escola de infantil do CEIP de Ortigueira; e solicitado novo informe desa dirección xeral, o 19.6.2018 emitiuse informe favorable condicionado a que «deberá considerarse o ben como o edificio e o espazo comprendido entre el e o muro perimetral, cos distintos niveis de protección a que se fai referencia na ficha. Canto ao seu contorno de protección, este será, cando menos, a parcela completa do ben e, como sinala o artigo 38.5 da LPG, cando varios elementos singulares se articulen nun conxunto, o contorno de protección trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto e abranguerá a súa totalidade (...)».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual de aliñacións e espazos públicos asociados a dotacións e equipamentos nos núcleos de San Fins de Sales, Santa Cruz de Ribadulla, Tomonde, O Coto e San Pedro de Sarandón, do PXOM do concello de Vedra, condicionada a que se dea cumprimento á condición sinalada no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.6.2018.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio