Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 5 de setembro de 2018 Páx. 40002

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 30 de agosto de 2018 pola que se modifica a Orde do 5 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional e de reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui, o 23 de maio de 2018, con carácter plurianual.

Mediante a Orde do 5 de xuño de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 108, do 7 de xuño, establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional e de reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico derivados da explosión de material pirotécnico producida en Tui o 23 de maio de 2018, con carácter plurianual.

No seu artigo 15 convócanse as axudas destinadas a sufragar a reparación dos danos ocasionados como consecuencia da explosión nas vivendas e no seu enxoval doméstico. A súa base quinta dispón que: «O prazo de presentación de solicitudes será de tres (3) meses, contados a partir do mesmo día da data de publicación da orde no DOG, rematando, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS».

Doutra banda, o punto primeiro do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, permite a ampliación dos prazos non vencidos por un tempo que non exceda a súa metade, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican os dereitos de terceiro. Pois ben, tendo en conta o elevado número de persoas afectadas e para favorecer que todas elas poidan solicitar axudas, considérase procedente ampliar nun mes o prazo de presentación de solicitudes de axudas destinadas a sufragar a reparación dos danos ocasionados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, de modo que remate o 6 de outubro de 2018.

ACORDO:

Artigo único

Modifícase a base quinta do artigo 15 da Orde do 5 de xuño de 2018, que queda redactada nos seguintes termos:

«Base quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro (4) meses, contados a partir do mesmo día da data de publicación desta orde no DOG, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda