Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 5 de setembro de 2018 Páx. 40059

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 20 de agosto de 2018 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2018/19.

BDNS (Identif.): 413260.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Centros privados concertados interesados en participar nalgunha das seguintes liñas de axuda:

a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados (continuación das axudas á actualización das bibliotecas escolares iniciadas en 2016 e incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares).

b) Clubs de lectura-concertados (vinculados á biblioteca escolar, para realizar fóra das aulas, é dicir, do tempo das materias) e destinados a alumnado de ensino secundario obrigatorio.

c) Radio na biblio-concertados (laboratorio de radio, vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2017/18).

d) Biblioteca inclusiva-concertados (melloras para a accesibilidade concretadas no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros ordinarios que contan con unidades concertadas de educación especial).

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 20 de agosto de 2018 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2018/19.

Terceiro. Obxectos e importes

A través desta orde preténdese seleccionar novos centros para a súa incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias (sempre que a través do seguimento que se realiza desde a coordinación do programa, e moi especialmente a través da memoria correspondente ao curso 2017/18, acaden unha valoración positiva. No caso dos centros concertados integrados en convocatorias anteriores que soliciten a súa continuidade, ademais deste requisito terase en conta a correcta xustificación da axuda recibida). Da mesma forma búscase seleccionar centros que desexen poñer en marcha o programa de Clubs de lectura (ensino secundario obrigatorio) ou Radio na biblio (co requisito de ser un centro incluído no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2017/18). Así mesmo, adxudicaranse axudas a centros concertados ordinarios con aulas concertadas de educación especial, destinadas a melloras na biblioteca para lograr avances como biblioteca inclusiva.

A convocatoria recolle as especificacións para cada unha das liñas de axuda:

1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.

a) As axudas concedidas a través desta convocatoria teñen como finalidade incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

1) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

2) O deseño de espazos, recursos e actividades cun enfoque inclusivo.

3) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.

4) A súa contribución á mellora dos procesos de ensino e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.

5) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

6) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.

7) A imprescindible integración da cultura impresa e da cultura dixital.

8) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.

9) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto lector de centro.

10) O fomento da lectura e da escritura.

11) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

12) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.

13) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

b) A dotación global das axudas ascende a un máximo de 116.400 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1) 10.60.423A.780.2, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte, por unha contía máxima de 27.600 € para o período setembro-decembro de 2018 e de 55.200 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

2) 10.60.423A.780.1, para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, por unha contía máxima de 9.600 € para o período setembro-decembro de 2018 e de 19.200 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

3) 10.60.423A.482.0, para gastos de funcionamento da biblioteca, por unha contía máxima de 1.600 € para o período setembro-decembro de 2018 e de 3.200 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

2. Clubs de lectura-concertados:

a) Esta modalidade de axudas ten como obxectivo o de apoiar a creación de clubs de lectura en centros privados concertados que acollan alumnado de ensino secundario obrigatorio, mediante a asignación dunha contía para a posta en marcha desta actividade. O club de lectura deberá ter funcionamento ao longo de todo o curso 2018/19 e a súa finalidade será a de fomentar hábitos de lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.

b) O importe global máximo é de 21.000 €, que se tramitará a través da seguinte partida orzamentaria: 10.60.423A.780.5, por un máximo de 7.000 € para o período setembro-decembro de 2018, e de 14.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

3. Radio na biblio-concertados:

a) Ten como obxectivo o de estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a «centros creativos de aprendizaxes» e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto das bibliotecas escolares de centros concertados integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

b) O importe global máximo é de 9.600 €, que se tramitarán a través das seguintes partidas orzamentarias:

1) Aplicación 10.60.423A.780.4, destinada á adquisición de equipamentos necesarios para a posta en marcha de Radio na biblio-concertados, por un máximo de 2.000 € para o período setembro-decembro de 2018, e de 4.000 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

2) Aplicación 10.60.423A.482.1, destinada a contratación de servizos puntuais de formación para o programa Radio na biblio-concertados, por un máximo de 1.200 € para o período setembro-decembro de 2018, e de 2.400 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

4. Biblioteca inclusiva-concertados:

a) A finalidade deste liña de axudas é a de estimular a mellora dos equipamentos e dos recursos presentes na biblioteca escolar que poidan facilitar o achegamento á lectura, ao mundo de ficción e de información e outras actividades propias da biblioteca escolar, a aquel alumnado que poida presentar dificultades de aprendizaxe recollidas no denominado alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ANEAE).

b) Para esta modalidade de axudas establécese un importe máximo de 92.460 €, que se tramitarán a través da partida orzamentaria 10.60.423A.780.6, destinada á adquisición de equipamento, mobiliario e fondos para o programa Biblioteca inclusiva-concertados, por un máximo de 30.820 € para o período setembro-decembro de 2018, e de 61.640 € para o período xaneiro-10 de xuño de 2019.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria