Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 22 de agosto de 2018 Páx. 38895

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2018 pola que se establecen os formularios de presentación de documentación do procedemento para os plans de produción e comercialización e informes anuais de organizacións de produtores pesqueiros e de asociacións de organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura, con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, regula, no seu artigo 1, que á dita consellería lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, das confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/as profesionais do sector, entre outros, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española. Así mesmo, segundo o artigo 8, á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer a dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura; das industrias de transformación e comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, entre outros.

Conforme o establecido no artigo 3.6 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura (OPP), o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas en caso de que ésta sexa de ámbito autonómico.

O artigo 2 do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, define a administración competente, no caso dunha comunidade autónoma.

Conforme o establecido no artigo 14.2 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, o PPEC recollerá as medidas establecidas no artigo 8 do Regulamento da OCM, de maneira que acaden os obxectivos dos seus artigos 3 e 7 e o contido mínimo do seu artigo 28.2. Para iso, estarase ao disposto no Regulamento de execución (UE) nº 1418/2013, da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) nº 1379/2013, do 11 de decembro, e a Recomendación (2014/117/UE) da Comisión Europea, ou as súas actualizacións. O informe anual terá a mesma estrutura que os plans e incluirá en cada sección as variacións e grao de execución das medidas indicadas no plan aprobado.

Con esta resolución dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e obriga de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é establecer o procedemento co código PE211A para a presentación da documentación requirida na tramitación e aprobación de plans de produción e comercialización e informes anuais das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece a sección IV do capítulo II do Regulamento (UE) nº 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, o artigo 66 do Regulamento (UE) nº 508/2014, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Artigo 2. Prazo de presentación

1. Segundo o artigo 14 do citado Real decreto 277/2016, as OPP recoñecidas presentarán un plan de produción e comercialización (PPEC) anual ou plurianual ante a súa Administración competente antes do 31 de outubro do ano en que finalice a vixencia do seu plan aprobado. Así mesmo, as OPP de novo recoñecemento presentarán un plan no prazo de dous meses a partir do día seguinte á resolución de recoñecemento, cun prazo de aplicación deste ata o 31 de decembro do ano seguinte ao seu recoñecemento. Posteriormente, poderán presentar un plan anual ou plurianual.

2. O artigo 15.1 regula que as OPP e as asociacións de organizacións de produtores da pesca e da acuicultura (AOP), de ser o caso, presentarán á Administración competente un informe anual sobre a aplicación dos plans de produción e comercialización aprobados, xa sexan anuais ou plurianuais, antes do 28 de febreiro de cada ano.

Artigo 3. Requisitos dos/das solicitantes

Os/as solicitantes deberán figurar inscritos no Rexistro Xeral de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros, de acordo co establecido no artigo 8.1 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, cuxo ámbito de actuación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Plan de produción e comercialización, se é o caso.

b) Ou informe anual, adaptado á normativa aplicable, se é o caso.

c) Poder ou outra documentación acreditativa das facultades representativas da persoa física que actúe como representante da persoa xurídica.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. En caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI o NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante, se é o caso.

2. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Resolución

Segundo o artigo 14 do Real decreto 277/2016, a Administración competente procederá ao estudo e de ser o caso, aprobación, dos plans de produción e comercialización nos prazos establecidos nos artigos 2 e 3 do Regulamento de execución (UE) nº 1418/2013, da Comisión, do 17 de decembro, transcorridos os cales, entenderase concedida.

1. Se a autoridade competente considera que un plan presentado por unha OPP permite alcanzar os obxectivos contemplados nos artigos 3 e 7 do Regulamento (UE) nº 1379/2013, aprobará o devandito plan no prazo de seis semanas a partir da súa recepción.

2. Cando a autoridade competente considere que un plan, nos termos en que se presentou, non permite acadar os obxectivos contemplados nos artigos 3 e 7 do Regulamento (UE) nº 1379/2013, informará diso á organización de produtores dentro do prazo de seis semanas. A organización de produtores deberá presentar un plan modificado nun prazo de dúas semanas. O prazo para a aprobación do plan modificado será de catro semanas a partir da súa recepción.

3. Se a autoridade competente non aproba ou non rexeita o plan, este considerarase aprobado.

4. Se a autoridade competente considera que un plan revisado, presentado con arranxo ao artigo 28.4, do Regulamento (UE) nº 1379/2013, permite lograr os obxectivos, aprobará devandito plan no prazo de catro semanas a partir da súa recepción.

5. Cando a autoridade competente considere que o plan revisado, non permite obter os obxectivos, informará diso á organización de produtores dentro do prazo de catro semanas. A organización de produtores deberá presentar un plan modificado nun prazo de dúas semanas. O prazo para a aprobación do plan modificado será de catro semanas a partir da súa recepción.

6. Se a autoridade competente non aproba ou non rexeita o plan revisado, o plan considerarase aprobado.

7. A Administración competente procederá á revisión e, de ser o caso, aprobación dos informes anuais da mesma maneira que para os plans de produción e comercialización.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Mar coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos, ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file