Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38078

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 3 de xullo de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Allariz en Casnadagaia.

O Concello de Allariz remite o expediente da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal en Casnadagaia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG).

Unha vez analizado o documento da modificación e vista a proposta subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

I.1. O Concello de Allariz dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 9.4.2003, que tivo tres modificacións puntuais.

I.2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico por Resolución do 11 de xullo de 2016, en que se resolve non someter, sinalando que deberán terse en conta as consideracións establecidas pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Constan informes de:

a) Instituto de Estudos do Territorio: 14.6.2016, sen efectos paisaxísticos.

b) Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal: 2.5.2016 sen obxeccións.

c) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: 20.5.2016, sen xerar impacto sobre as súas competencias.

d) Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 21.6.2016, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, indicando, entre outros:

Non está suficientemente xustificado o interese xeral do reaxuste de aliñacións que afecta as parcelas con referencias catastrais 4444316NG9744S, 4444317NG9744S e 4444318NG9744S que implica o cambio de solo destinado actualmente a sistema viario a solo de núcleo rural consolidado.

Non está xustificado o interese xeral da supresión da maior parte dunha vía prevista polo plan xeral situado ao norte da parcela con referencia catastral 4444319NG9744S, que toma como referencia un camiño existente (posiblemente de servidume), que implica o cambio de solo destinado actualmente a sistema viario a solo de núcleo rural consolidado e impide o acceso a parcelas interiores.

Sería máis axeitado o reaxuste de aliñacións da citada vía para axustar o seu trazado ao parcelario existente.

I.3. O Concello de Allariz, atendendo ao informe ambiental estratéxico, elabora nova proposta de modificación puntual e, no relativo ao primeiro punto, non se limita a xustificar adecuadamente estes reaxustes nas aliñacións, se non que reformula o obxectivo da modificación puntual, como se indicará no contido deste informe.

I.4. Constan os informes dos servizos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade da modificación coa lexislación vixente, requiridos polo artigo 60.6 da LSG, emitidos respectivamente no 21.7.2016 e 26.7.2016; e ditame da Comisión de Urbanismo do 26.7.2016.

I.5. O Concello pleno de Allariz aprobou inicialmente a modificación no 29.7.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (DOG do 22.8.2016 e no xornal La Región de Ourense do 11.8.2016). Presentáronse catro escritos de alegacións, un deles asinado por 27 persoas. Consta informe da arquitecta municipal do 16.1.2017 respecto ás alegacións presentadas durante o período de exposición pública e sobre o axuste da modificación ás determinacións legais.

I.6. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos (artigo 60.7 da LSG) resulta:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais preceptivos:

• Axencia Galega de Infraestruturas do 22.2.2017 que conclúe que non procede emitir informe xa que non existe afección sobre estradas autonómicas.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 20.2.2017.

• Deputación Provincial de Ourense do 7.3.2017, que indica que non é titular da vía que discorre polo lugar de Casnadagaia.

• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 22.2.2017, que non é necesario o sometemento a informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 3.10.2017, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio do 4.5.2017, que sinala que o documento de aprobación inicial corrixido non produce efectos negativos na paisaxe.

b) Non consta contestación da Dirección Xeral de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, con prazo ata o 15.5.2017.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Taboadela, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e A Merca, cun prazo que finalizaba o 15.5.2017 e sen que conste ningunha resposta.

I.7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, constan Informes da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 14.7.2017, favorable; Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Magrama do 8.9.2017, desfavorable, e do 20.10.2017, favorable.

I.8. Constan os informes dos servizos técnicos e xurídicos municipais requiridos polo artigo 60.13 da LSG, emitidos respectivamente no 23.11.2017 e 24.11.2017. E o ditame da Comisión de Urbanismo do 28.11.2017.

I.9. O Pleno municipal, en sesión do 1.12.2017, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 5 do PXOM de Allariz coas modificacións requiridas nos informes sectoriais emitidos e desestimando as alegacións presentadas.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

II.1. O ámbito da modificación puntual afecta tres parcelas particulares, situadas en solo de núcleo rural consolidado segundo o PXOM, e a espazo destinado a sistema viario, no núcleo rural de Casnadagaia, da parroquia de San Mamede de Urrós.

II.2. As aliñacións actuais do PXOM incorporan ao dominio público os resíos ou espazos privativos das parcelas catastrais 4444316NG9744S e 4444317NG9744S e o espazo correspondente a unha ruína da referencia catastral 4444318NG9744S, sen unha clara xustificación segundo se explica na memoria do proxecto. Actualmente as edificacións correspondentes ás parcelas das dúas últimas referencias catastrais están rehabilitadas sen axustarse á aliñación proposta polo PXOM.

II.3. O obxectivo da modificación puntual no borrador que foi obxecto de consulta no trámite ambiental era rectificar as aliñacións destas tres parcelas, recollendo dentro da aliñación proposta os espazos privativos destas e suprimir parte dunha vía prevista no PXOM segundo o plano 4, folla 16 de clasificación do solo dos núcleos rurais correspondente á parroquia de San Mamede. Porén, nese trámite informouse de que non estaba suficientemente xustificado o interese xeral do reaxuste de aliñacións ao invadir o novo trazado espazo público non privativo, cuestión que se deducía ao superpoñer as aliñacións propostas ao plano de catastro actual.

II.4. No documento aprobado provisionalmente, o Concello non se limita a xustificar esta invasión do espazo público a través dos planos históricos de catastro, onde entende que orixinariamente esta ruína podía invadir xa ese espazo, senon que reformula o obxectivo da modificación, volvendo en parte ás determinacións do PXOM actual, mantendo a aliñación polo interior do patio da parcela 4444317NG9744S co fin de non eliminar o acceso á propiedade situada por detrás deste espazo (segundo o informe técnico municipal). Así, establécense como regulamentarias as aliñacións consolidadas das dúas edificacións anovadas das parcelas 4444317NG9744S e 4444318NG9744S e unicamente se incorpora o espazo privativo ou resío da referencia catastral 4444316NG9744.

Ademais, exclúe da modificación a parte referente á supresión da vía ao sur que tomaba como referencia un camiño existente e impediría o acceso a parcelas interiores, tal como se indicaba no punto II.4 do informe da SXOTU do 22.6.2016.

III. Análise e consideracións.

III.1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): os fins expostos na memoria, canto a solucionar os desaxustes ou incoherencias das aliñacións fixadas polo PXOM debido á ausencia de planos topográficos axustados ao parcelario actual e a imprecisión documental dos lindes das parcelas no momento da súa redacción poden entenderse compatibles co interese público para os efectos da formulación da modificación xa que se regularizan as dúas edificacións xa rehabilitadas reconducindo a aliñación polo seu perímetro; e se reaxusta a aliñación que parte o patio da edificación existente contigua axustándoa ao peche construído.

III.2. Dada a escasa entidade das alteracións que afectan a ordenación de solo de núcleo rural, enténdese que a valoración da súa oportunidade e conveniencia desde o punto de vista urbanístico corresponde ao concello de Allariz, á vista do cal e canto ás competencias urbanísticas desta consellería en aplicación do artigo 60.16.b), en relación co 60.15, segundo o PXOM, non cómpre formular obxeccións.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal de Allariz en Casnadagaia.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación del Territorio