Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38074

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 28 de xuño de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal de Lalín.

O Concello de Lalín remite a documentación relativa á modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e nos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polo arquitecto-asesor urbanístico municipal e asinada o día 10.4.2018, e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Lalín conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 5.2.1999 (BOP do 8.3.1999 e DOG do 18.2.1999).

I.2. Mediante a Resolución do 11.4.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decide non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 19.5.2017, expediente 2017AAE1997 e código web 1896/2017). Xunto coa resolución achéganse os informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; do Instituto de Estudos do Territorio; da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e os comentarios particulares.

I.3. Constan informes municipais técnicos, do 9.5.2017 e 11.8.2017, e informe xurídico do 28.8.2017.

I.4. Foron solicitados informes ao administrador de Infraestruturas Ferroviarias ADIF (informe favorable do 29.5.2017); á Axencia Galega de Infraestruturas AXI (informe do 18.5.2017 sobre servidumes acústicas, con limitacións, e informe favorable do 4.8.2017 sobre a Rede autonómica de estradas de Galicia); a Augas de Galicia; á Unidade de Estradas do Estado (informe favorable do 24.5.2017); ao Ministerio de Fomento e á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (informe favorable do 20.6.2017).

I.5. A modificación puntual é aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación Municipal o 6.9.2017 e exponse ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 27.10.2017 e no xornal Faro de Vigo, cunha única alegación.

I.6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais ao Instituto de Estudos do Territorio (consta informe favorable do 5.3.2018); á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe favorable do 15.1.2018); á Axencia Galega de Infraestruturas (informe favorable do 13.3.2018) e á Deputación de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 2.2.2018, favorable condicionado); á Dirección Xeral de Patrimonio Natural (informe favorable do 10.4.2018), e á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (informe do 2.5.2018). Consta remisión á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Agolada, Beariz, Dozón, Forcarei, O Irixo, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e contestou favorablemente o Concello de Forcarei o 31.1.2018.

I.7. O Concello de Lalín solicita informes sectoriais, de acordo co artigo 60.8 da LSG, ao Ministerio de Fomento, Demarcación de Estradas en Galicia (consta informe do 12.12.2017 favorable, pero solicitando a incorporación á normativa dalgunhas determinacións respecto á zonificación e medios de protección acústica); administrador de Infraestruturas Ferroviarias ADIF, Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (consta informe favorable do 14.11.2017) e á Delegación do Goberno en Galicia (que remite contestación da Demarcación de Estradas do 22.11.2017 e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do 14.12.2017).

I.8. Constan informes técnicos do 9.4.2018 e do 16.4.2018, con referencia ás modificacións introducidas á vista dos requirimentos establecidos pola AXI e a Deputación de Pontevedra, e informe xurídico do 9.4.2018.

I.9. O Pleno da Corporación aproba provisionalmente a MP o 13.4.2018.

I.10. O Concello de Lalín achega, o día 24.4.2018, o documento de aprobación provisional da modificación puntual número 15 do PXOM de Lalín, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG. O 11.5.2018 requírese a emenda documental, que se achega o 28.5.2018 e o 30.5.2018.

II. Obxecto da modificación puntual.

Segundo o establecido na memoria da MP, a modificación propón unha serie de cambios na normativa co fin de adecuala ao novo marco lexislativo, nomeadamente:

a) Regulación das distancias das novas explotacións gandeiras en solo rústico, adaptando estas á lexislación urbanística vixente (artigo 39.g) da LSG) e ao Real decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das explotacións porcinas.

b) Reaxuste parcial das condicións de volume e posición nas edificacións existentes no grao 2º da ordenanza 6. Industrial en áreas consolidadas do solo urbano, de forma que estas non sexan de aplicación nos cambios de actividades das edificacións existentes.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para as modificacións puntuais veñen xustificadas canto a favorecer a implantación de novas explotacións gandeiras con actividades compatibles cos núcleos de poboación e favorecer a implantación de novas actividades produtivas en construcións existentes que non cumpren os parámetros edificatorios actuais.

III.2. Respecto ao réxime de aplicación no solo rústico do PXOM de Lalín, reitérase que, de conformidade co disposto na disposición transitoria 1ª.2 da LSG, resulta de aplicación o disposto na LSG para o solo rústico, aínda que leve a cabo a modificación puntual.

III.3. Comprobouse a integridade documental da MP, así como a súa tramitación regulamentaria.

III.4. O documento da MP tomou en consideración as alegacións formuladas e incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais da AXI e da Deputación de Pontevedra. Porén, non se incorporaron os condicionantes derivados do informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do día 12.12.2017.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual núm. 15 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Lalín, condicionada á inclusión na normativa das determinacións respecto á zonificación e medios de protección acústica, indicadas no informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 12.12.2017.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio