Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37270

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2018 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 30 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 30 de xullo de 2018, acordou aprobar as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2.a) do Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O citado acordo incorpórase a esta resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020

A programación para a medida Leader correspondente ao período 2014-2020 réxese polo disposto nos artigos 32 ao 35 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre disposicións comúns referidas aos fondos Feader, Feder, Fondo de Cohesión, FSE e FEMP, e polo disposto nos artigos do 42 ao 44 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader). Os citados artigos regulan o desenvolvemento local participativo a través dos grupos Leader de desenvolvemento rural (en diante, GDR).

Neste contexto, a Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, Agader), mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, publica o Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de febreiro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección (DOG nº 42, do 2 de marzo).

Ao abeiro das bases reguladoras citadas no parágrafo anterior, mediante Acordo do Consello de Dirección de Agader, do 16 de novembro de 2016, seleccionáronse 24 estratexias de desenvolvemento local presentadas por outras tantas asociacións que obtiveron o recoñecemento de GDR como entidades colaboradoras da Agader na xestión da medida Leader.

A colaboración entre a Agader e os GDR na xestión da medida Leader regúlase, conforme o previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG, DOG nº 121, do 25 de xuño), mediante o convenio de colaboración que o Consello da Xunta autorizou o 4 de agosto de 2016 e as partes asinaron o 13 de decembro de 2016.

En cumprimento do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións a proxectos de cooperación a través da implantación de convocatorias públicas, promovidas pola Administración, na cal poderán participar os grupos de desenvolvemento rural de Galicia.

Por outra parte, o artigo 44 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 regula a cooperación no ámbito da medida Leader, distinguindo entre a cooperación dentro dun estado membro (cooperación interterritorial) e a cooperación entre territorios de distintos estados membros ou con territorios de terceiros países (cooperación transnacional). Neste sentido, o número 3 do citado artigo indica que, nos casos en que os proxectos de cooperación non sexan seleccionados directamente polos grupos de desenvolvemento rural, cómpre que a Administración implante un sistema de presentación de solicitudes de carácter permanente.

O marco normativo exposto fai necesario que, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, se convoquen as axudas, na modalidade de subvención, para a preparación e realización de proxectos de cooperación para o ano 2018.

As subvencións que se regulan nestas bases corresponden á submedida 19.3 do Programa de desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que ten o carácter de plan estratéxico de subvencións en materia de desenvolvemento rural.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva ordinaria, de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación. Así mesmo, as convocatorias que deriven destas bases reguladoras terán o carácter de abertas e preverán dous procedementos de selección.

O Consello de Dirección da Agader ten delegado na persoa titular da Dirección Xeral o exercicio das funcións vinculadas á execución do programa de desenvolvemento rural Leader, excepto a aprobación e modificación das bases reguladoras e a concesión e modificación de axudas para os programas de cada grupo de acción local (Resolución do 24 de decembro de 2013, DOG nº 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o anterior, o Consello de Dirección da Agader, logo da tramitación do expediente nos termos establecidos na lexislación vixente,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Estas bases reguladoras incorpóranse a este acordo como anexo I (bases reguladoras de cooperación).

Segundo. Aprobar os formularios para a xestión destas axudas. Xúntanse a este acordo como anexos II a XII.

Terceiro. Facultar a persoa titular da Dirección Xeral da Agader para ditar os actos necesarios para a correcta aplicación e cumprimento deste acordo.

Cuarto. Delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agader a competencia para a realización de convocatorias periódicas.

Quinto. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader http://agader.xunta.gal

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) No teléfono 981 54 73 62 (Agader).

d) De xeito presencial, en Agader (A Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 62.

e) Na sede e na páxina web dos GDR.

Sexto. Este acordo será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020

CAPÍTULO I

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases reguladoras é establecer as regras polas que se rexerán as subvencións para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (en diante, grupos), incluídas como submedida 19.3 no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (en diante, PDR), que se tramitarán en réxime de concorrencia competitiva e mediante un sistema de presentación de solicitudes de carácter permanente.

2. O código de procedemento asignado a esta norma é o MR710A.

Artigo 2. Finalidade

A finalidade das subvencións é fomentar a cooperación dos grupos de Galicia, tanto dentro da Comunidade Autónoma como no resto de España ou da Unión Europea ou nos territorios de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local Leader e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.

Artigo 3. Réxime normativo

A axuda rexerase por estas bases reguladoras e polas seguintes disposicións normativas:

a) Normativa comunitaria: o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello; o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello; o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da Política Agrícola Común, polo que se derrogan os regulamentos (CE)  nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello; o Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e introduce disposicións transitorias; o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); e o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade; o Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, do 11 de marzo, polo que completa o citado regulamento; o Regulamento (UE) nº 2017/2393 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2017, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), (UE) nº 1306/2013 sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, (UE) nº 1307/2013 polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común, (UE) nº 1308/2013 polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e (UE) nº 652/2014 polo que se establecen disposicións para a xestión dos gastos relativos á cadea alimentaria, a saúde animal e o benestar dos animais, e relativos á fitosanidade e aos materiais de reprodución vexetal; e o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011) e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, que prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións a través das actividades de cooperación (submedida 19.3).

b) Normativa nacional e autonómica ditada en desenvolvemento da anterior: o Acordo de Asociación de España 2014-2020 asinado o 30 de outubro de 2014 por España e a Comisión Europea; o Marco Nacional de Desenvolvemento Rural de España para o período 2014-2020 acordado na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do 24 e 25 de xullo de 2013; Resolución do 11 de febreiro de 2016, do director xeral da Agader, pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de febreiro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección (DOG nº 42, do 2 de marzo); Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 16 de novembro de 2016, polo que se seleccionaron 24 estratexias de desenvolvemento local presentadas por outras tantas asociacións que obtiveron o recoñecemento de GDR como entidades colaboradoras da Agader na xestión da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020; Resolución da Dirección Xeral do Fondo Galego de Garantía Agraria, do 6 de xullo de 2017, pola que se autoriza a delegación das funcións de autorización e control de determinados pagamentos financiados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

c) Normativa nacional e autonómica sobre subvencións: a Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, con carácter supletorio segundo o seu artigo 6; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Proxectos de cooperación obxecto de axuda: tipos, contido e requisitos

1. Os proxectos de cooperación poderán ser de tres tipos:

a) Proxectos de cooperación intraterritorial: proxectos en que participen exclusivamente grupos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Proxectos de cooperación interterritorial: proxectos en que participen un ou varios grupos doutras comunidades autónomas do Reino de España e, como mínimo, un grupo da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Proxectos de cooperación transnacional: proxectos en que participen un ou varios grupos doutros Estados membros da Unión Europea ou doutros países e, como mínimo, un grupo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do establecido nestas bases reguladoras, os proxectos de cooperación interterritorial e transnacional suxeitaranse á normativa e procedementos que, se for o caso, se estableza a nivel nacional e/ou comunitario.

2. As accións incluídas nos proxectos de cooperación poderán ser:

a) Accións individuais: aquelas en que só participe un grupo.

b) Accións comúns: aquelas en que polo menos participen dous grupos.

3. Os proxectos de cooperación deberán conter:

a) A identificación do grupo coordinador e do grupo coordinador específico para Galicia, se for o caso, así como dos demais grupos cooperantes e das entidades colaboradoras se as houber, de acordo cos artigos 10, 11 e 12 destas bases reguladoras.

b) Unha exposición clara das capacidades, deficiencias e potencialidades da zona, ámbito ou sector de aplicación.

c) Os obxectivos específicos perseguidos mediante a súa aplicación e como se articulan coas políticas de desenvolvemento rural, coas estratexias xestionadas polos grupos e cos obxectivos do resto de participantes.

d) A estratexia prevista para alcanzar os obxectivos.

e) As conclusións sobre a coherencia e plusvalía das actividades propostas e a repercusión que terán sobre o ambiente e sobre os grupos de mulleres, mozos ou outros colectivos que merezan unha especial consideración na zona.

4. Os proxectos de cooperación que se presenten deberán axustar a súa estrutura e contido ao anexo II.

5. Para ser obxecto de axuda, os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Implicarán a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, incluídos os financeiros, tendentes á consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.

b) Os seus obxectivos deberán ser coherentes cos obxectivos definidos nas respectivas estratexias de desenvolvemento local Leader (en diante, EDLL).

c) Deberán respectar os principios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de non discriminación.

d) Deberán implicar a execución dunha acción en común. Os gastos preparatorios de estudos ou intercambio de información poderán ter a consideración de fase previa pero non de proxecto de cooperación como tal. A cooperación non se poderá limitar a un intercambio de experiencias e deberá supoñer a realización dunha acción común integrada.

e) Promoverán a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, tanto públicos como privados, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.

Artigo 5. Subvencionabilidade dos gastos

1. Nos proxectos de cooperación dos grupos de Galicia que resulten seleccionados no marco do desenvolvemento local Leader do PDR, serán subvencionables os gastos de preparación, así como os gastos correspondentes á súa realización, tanto comúns como individuais, pero sempre que deriven da acción conxunta.

2. Serán subvencionables os gastos realizados desde a data de solicitude da axuda ata a data límite de execución que conste na resolución de concesión das axudas, agás que, en atención á natureza do gasto, se indique outra cousa.

3. Só serán imputables aos proxectos de cooperación subvencionados de acordo con esta resolución os gastos realizados no territorio dos grupos que formen parte do proxecto de cooperación.

Unicamente se poderán imputar aos proxectos de cooperación gastos relativos a un ámbito territorial máis amplo do correspondente aos grupos galegos seleccionados cando se trate de gastos moi concretos e descritos no proxecto presentado, e sempre que conten coa autorización previa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, Agader).

4. Imputaranse ao proxecto de cooperación, na proporción correspondente, os gastos de salario, axudas de custo, desprazamento do persoal con vínculo contractual ou de representación do grupo e os gastos xerais dos grupos que sexan imprescindibles para a adecuada preparación e execución do proxecto. Estes gastos serán acordados e cuantificados polos respectivos órganos de decisión dos citados grupos.

5. Poderán imputarse ao proxecto de cooperación os gastos que se identifiquen especificamente no proxecto, os cales serán aprobados pola Agader. En particular, serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos relacionados co apoio técnico preparatorio dos proxectos de cooperación: son os gastos efectuados para a preparación do proxecto de cooperación, desde a data de publicación das convocatorias de axudas ata a data de presentación da solicitude de axuda. Poderán incluírse os seguintes gastos relacionados co axuda preparatoria: gastos de planificación previa e busca de socios, incluíndo gastos de desprazamento, aloxamento e manutención necesarios; gastos de estudos de viabilidade e consultoría específicos para o deseño e preparación do proxecto; gastos relativos á organización e/ou participación en accións de sensibilización, xuntanzas, encontros, incluíndo, se for o caso, gastos de tradución e intérpretes.

Estes gastos de axuda preparatoria non poderán superar o 10 % do custo total do proxecto imputable ao grupo e consideraranse subvencionables con cargo ao orzamento destinado a cooperación Leader (submedida 19.3) unicamente no caso de que o proxecto sexa seleccionado e obteña a correspondente resolución de concesión de axuda.

b) Os gastos de execución do proxecto de cooperación e os gastos de coordinación deste. Estes gastos deberán referirse a accións do proxecto, co máximo detalle e especificando se se trata de gastos relativos a accións comúns dos grupos participantes no proxecto ou a accións individuais dun grupo ou entidade colaboradora. Os gastos de accións comúns deberán supoñer polo menos o 25 % do gasto elixible do proxecto e poderán consistir nos seguintes:

1º. Gastos do persoal dedicado á realización da actividade ou, se for o caso á coordinación, seguimento e avaliación dos resultados do proxecto, sempre que estea xustificado pola natureza do proxecto e sexa necesario para o bo fin do mesmo. O persoal deberá ser tecnicamente apto e xustificadamente elixido para a execución dos traballos realizados. Os postos de traballo que se dediquen aos proxectos de cooperación responderán ás seguintes características:

a. Técnico/a. Titulación mínima de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao. Salario bruto máximo imputable ao proxecto de cooperación para un contrato de traballo a tempo completo (37,5 horas semanais): 26.000 euros.

b. Administrativo/a. Titulación mínima de bacharel ou equivalente para efectos académicos. Salario bruto máximo imputable ao proxecto de cooperación para un contrato de traballo a tempo completo (37,5 horas semanais): 18.000 euros.

En caso de que a xornada sexa menor, as retribucións establecidas anteriormente reduciranse de maneira proporcional ao tempo dedicado ao proxecto de cooperación.

2º. As axudas de custo correspondentes aos gastos de desprazamento, manutención e aloxamento do persoal dedicado ao proxecto de cooperación. Para as axudas de custo en territorio nacional aplicarase o réxime e as contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º, tanto se a actividade ten lugar no territorio de Galicia como fóra. Para as axudas de custo que poidan ter lugar fóra do territorio nacional, serán de aplicación o réxime e as contías previstas para o grupo 2º no anexo III do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo ou, se é o caso, na normativa que o substitúa. Estes gastos por axudas de custo serán subvencionables para as persoas do equipo técnico con vínculo contractual co grupo e para bolseiros e/ou para persoal contratado ad hoc para o proxecto de cooperación. O uso do vehículo particular limitarase á contía máxima por quilómetro percorrido prevista na normativa da Administración autonómica galega para o persoal ao seu servizo. Os desprazamentos deberán estar xustificados e relacionados directamente co proxecto de cooperación e computaranse desde a sede do grupo ata o destino e viceversa.

3º. Investimentos, incluído o arrendamento financeiro con opción de compra que se leve a cabo no ámbito xeográfico do grupo ou dos grupos participantes no proxecto de cooperación que sexan da Comunidade Autónoma de Galicia e que se consideren necesarios para a adecuada consecución dos obxectivos do proxecto. Para os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra será subvencionable o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos nos casos en que se exerza o dereito á opción de compra dentro deste período. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

4º. Gastos relacionados coas xuntanzas e eventos relacionados co proxecto de cooperación e os seus socios.

5º. Gastos relacionados cos servizos de tradución e intérpretes en proxectos de cooperación transnacional.

6º. Gastos relacionados con estudos e consultorías relacionados directamente co proxecto de cooperación.

7º. Gastos en accións de información e comunicación do proxecto de cooperación (organización de eventos, elaboración de páxinas web, publicacións, dípticos e outro material publicitario).

8º. Gastos derivados da eventual constitución e xestión dunha estrutura común creada para a implementación do proxecto de cooperación.

9º. Material funxible necesario para a realización da actividade de cooperación.

10º. Aluguer de instalacións e equipamentos.

6. Os gastos en publicidade só serán subvencionables se indican claramente na páxina de portada a participación da Unión Europea e da Agader. Incorporarán o logotipo Leader e os das entidades ou entes financiadores: Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e Feader; segundo o disposto no Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 no que atinxe á modificación e ao contido dos programas de desenvolvemento rural, a publicidade destes e os tipos de conversión a unidades de gando maior.

No caso de que a información se ofreza por medios electrónicos (sitios web), audiovisuais ou por radio, aplicarase por analoxía o parágrafo anterior deste punto. Os sitios web deberán mencionar a contribución do Feader e Agader polo menos na páxina de portada e incluír un vínculo ao lugar da Comisión Europea dedicado ao Feader e á páxina web oficial da Agader.

Artigo 6. Gastos non subvencionables

Considéranse gastos non subvencionables os seguintes:

a) A adquisición de terreos e a adquisición, construción, acondicionamento e/ou reforma de inmobles.

b) O IVE recuperable, e calquera gravame, interese, recarga, sanción, gasto de procedementos xudiciais, ou gasto de natureza similar.

c) As retribucións salariais do persoal que integran os equipos técnicos dos grupos, así como os gastos xerais e de funcionamento dos grupos participantes que non estean directamente relacionados co proxecto de cooperación.

d) A adquisición de vehículos.

e) Os gastos notariais e rexistrais e gastos periciais para a realización do proxecto

f) Gastos asociados a atencións protocolarias, indemnizacións por asistencia a xuntanzas dos órganos de decisión do grupo e retribucións dos seus cargos.

g) Calquera tipo de gasto pago en metálico cun importe superior a 300 euros.

h) Os gastos correspondentes a grupos e entidades colaboradoras doutras comunidades autónomas.

i) Os gastos de persoal que superen o 40 % dos gastos elixibles do proxecto.

j) Os gastos de amortización de bens inventariables.

k) Calquera outro gasto que, a xuízo da Agader, non estea relacionado coa posta en marcha ou a execución de proxecto de cooperación.

l) Os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 7. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os grupos da Comunidade Autónoma de Galicia seleccionados polo Consello de Dirección da Agader, do 16 de novembro de 2016, ao amparo do Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de febreiro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección, publicado mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, do director xeral da Agader (DOG nº 42, do 2 de marzo).

2. Para seren beneficiarios destas axudas, os grupos deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar ao días nas súas obrigacións tributarias, tanto coa Facenda do Estado como coa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Comprometerse a destinar as dotacións financeiras asignadas exclusivamente á preparación e realización das actividades de cooperación.

c) Dispoñer dos medios materiais e humanos necesarios para levar a cabo de forma adecuada, tanto técnica como economicamente, as tarefas correspondentes.

d) Participar a título de coordinador ou cooperante, de acordo cos artigos 10 e 11 deste anexo, nun proxecto de cooperación seleccionado de acordo con estas bases reguladoras no marco da submedida 19.3 do PDR de Galicia 2014-2020.

e) Non ter rescindido o convenio de colaboración asinado pola Agader, xa sexa de mutuo acordo ou por acordo da Agader debido a grave irregularidade no exercicio das funcións que como grupo lle son propias.

f) Cumprir o resto das condicións que prevén as bases reguladoras e as convocatorias.

Artigo 8. Circunstancias que impiden obter a condición de beneficiario

1. Os grupos a que se refire o artigo anterior non poderán obter a condición de beneficiario se incorren nalgunha das causas de prohibición que lles sexan de aplicación, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co resto da normativa aplicable en materia de subvencións.

2. Para os efectos do punto anterior, a solicitude incluirá unha declaración responsable por parte dos grupos de non estaren incursos en ningunha causa de prohibición.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da LGS. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Grupo coordinador

1. O grupo coordinador é o responsable final da execución do proxecto e o interlocutor coa Agader para proporcionar toda a información requirida.

Será designado por acordo dos grupos participantes no proxecto, que debe quedar reflectido no documento vinculante que deben asinar todos os grupos participantes.

2. O grupo coordinador será o líder da execución e coordinación do proxecto de cooperación e terá asignadas as seguintes funcións:

a) Dirixir e coordinar o deseño do proxecto, que incluirá a preparación do documento vinculante entre os grupos participantes a preparación dos datos de presentación do proxecto, a súa descrición e a definición dos compromisos de cada grupo participante.

b) Coordinar os aspectos financeiros do proxecto.

c) Informarse sobre as solicitudes de financiamento efectuadas por cada participante e poder facilitar esta información ao resto dos grupos e á Agader.

d) Comunicar a obtención, en relación con cada participante, doutras axudas, ingresos ou recursos para financiar as actividades subvencionadas.

e) Dirixir e coordinar todas as tarefas do proxecto que son responsabilidade de cada grupo, co fin de asegurar a correcta implementación do conxunto.

f) Promocionar e controlar o proxecto en todos os seus aspectos (técnicos, execución financeira, de participación, etc.).

g) Controlar o progreso da execución do gasto efectuado, organizar intercambios entre os grupos e preparar os documentos necesarios.

h) Revisar o cumprimento dos compromisos asumidos por cada participante ata a correcta realización do proxecto.

i) Dirixir e coordinar a fase posterior á execución, en particular, o peche dos aspectos financeiros e a promoción e divulgación á poboación.

j) Constituír a canle de comunicación entre os grupos e a Agader. En particular, enviar todas as informacións recibidas con respecto ao proxecto nas dúas direccións.

k) Elaborar e presentar o informe final do proxecto, que debe conter, como mínimo, un breve resumo del, a execución orzamentaria de cada grupo participante e a total do proxecto, as actuacións executadas, os obxectivos alcanzados e o impacto do proxecto no territorio.

3. En caso de proxectos de carácter interterritorial ou transnacional en que o grupo coordinador non sexa un grupo da Comunidade Autónoma de Galicia, designarase un grupo coordinador específico para Galicia que si o sexa e que asuma as funcións e responsabilidades de grupo coordinador na parte do proxecto financiado ao abeiro destas bases reguladoras.

4. Os gastos efectuados polo grupo coordinador no exercicio das funcións de coordinación forman parte do proxecto de cooperación dentro da submedida 19.3 e financiaranse mediante as axudas que regulan estas bases.

5. Os GAL coordinadores deberán buscar os socios participantes, de acordo co artigo 44.2 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, e elaborar unha solicitude en que conste, polo menos, a descrición do proxecto, obxectivos, actuacións previstas, prazo de execución, orzamento aproximado e financiamento do proxecto. A solicitude así completada remitirase á autoridade de xestión para a súa aprobación previa.

Os proxectos previamente aprobados pola autoridade de xestión do grupo coordinador remitiranse aos GAL participantes, que, pola súa vez, solicitarán a aprobación de súas autoridades de xestión respectivas.

A documentación final, coas conformidades de todas as autoridades de xestión, será remitida polo GAL coordinador á súa autoridade de xestión para a aprobación final.

Para a realización do proxecto de cooperación, cada GAL asume os seus propios gastos e os gastos comúns distribúense entre os socios participantes como determine o proxecto.

Os proxectos de cooperación lévanse a cabo baixo a coordinación e supervisión do GAL coordinador, o cal proporciona á autoridade competente a información requirida sobre o seu financiamento e obxectivos. Ademais, remite á autoridade competente un informe intermedio anual, no caso de proxectos plurianuais, e un informe final ao termo do proxecto. Ademais, o GAL coordinador dun proxecto de cooperación, centraliza toda a información financeira e xustificativa do proxecto, tanto das acciones comúns, como das accións individuais levadas a cabo por cada un dos participantes.

No caso de que o GAL coordinador conte para o exercicio de súas funcións de coordinación con entidades públicas ou privadas que pola súa especialización, dotación técnica, ámbito supracomarcal de actuación ou obxectivos poidan contribuír eficazmente á correcta execución do proxecto, estas colaboracións formalizáronse mediante un convenio entre o GAL coordinador e a entidade elixida, e que esta colaboración conta coa aprobación do resto dos GAL cooperantes.

Cada GAL disporá da documentación xustificativa suficiente das accións individuais e da súa contribución ás accións comúns levadas a cabo pola súa participación no proxecto, así como, no seu momento, dunha memoria final de actividades e unha certificación final.

En relación cos gastos subvencionables, comprobarase que só se subvencionaron os gastos correspondentes aos GAL seleccionados e que correspondan a gastos derivados da actuación conxunta e do funcionamento das estruturas comúns de cooperación.

Artigo 11. Grupos cooperantes

1. O grupo cooperante é o grupo participante activa e economicamente no proxecto de cooperación e que, para tal fin, subscribiu o documento vinculante que o regula.

Son obrigacións de cada grupo cooperante:

a) Tomar parte nas actividades do proxecto.

b) Facerse responsable dos seus compromisos fronte ao resto dos grupos cooperantes e fronte ao grupo coordinador, de acordo co documento vinculante que teñan asinado. Comunicar ao grupo coordinador as tarefas que son da súa responsabilidade con carácter previo á súa execución e facilitar o labor de coordinación do grupo cooperante, especialmente a promoción e control de todos os aspectos correspondentes á súa parte do proxecto (técnicos, de execución financeira, de participación, etc.) e á súa parte do informe final do proxecto.

c) Asumir a responsabilidade administrativa e financeira das operacións que leve a cabo.

d) Facilitar o seu plan de financiamento do proxecto e levar a cabo as negociacións para conseguir as achegas financeiras necesarias no seu ámbito territorial, así como informar o grupo coordinador das solicitudes de financiamento e da obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

e) Conservar todos os documentos contables xustificativos do gasto efectuado, así como a información sobre o financiamento do proxecto, e facilitalos ás autoridades competentes.

f) Dar publicidade á participación da Unión Europea e da Agader nos proxectos nos que participen e nas actuacións que deles deriven.

Artigo 12. Entidades colaboradoras no proxecto

1. Nos proxectos de cooperación a que se refire esta resolución tamén poderán colaborar as entidades locais, fundacións, asociacións, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís ou empresarios individuais, organizacións empresariais e, en xeral, calquera persoa física ou entidade con personalidade xurídica que efectúe unha achega económica ao proxecto ou manifeste o seu interese, estatutario ou adoptado, para contribuír ao seu desenvolvemento.

2. O acordo de participación e o compromiso de financiamento das entidades colaboradoras deberán quedar reflectidos no documento vinculante previsto no artigo seguinte.

3. As entidades colaboradoras do proxecto non teñen a consideración de beneficiarias das subvencións regulada por esta resolución.

Artigo 13. Documento vinculante

O grupo coordinador, os grupos cooperantes e, se for o caso, as entidades colaboradoras, subscribirán un convenio de colaboración ou documento vinculante, co contido mínimo que se detalla no anexo III.

Artigo 14. Réxime de concesión

1. A convocatoria das axudas previstas nestas bases reguladoras efectuarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Agader, en virtude de delegación do Consello de Dirección.

A convocatoria e o extracto publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

2. A concesión das axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva ordinaria previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

3. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente, de xeito que cada convocatoria concretará o número de procedementos de selección sucesivos, así como, para cada un deles, o importe máximo que se outorgará, o prazo máximo de resolución e o prazo en que poderán presentarse as solicitudes para cada procedemento de selección.

4. Dentro do mesmo ano orzamentario, cando á finalización dun período se tivesen concedido as subvencións correspondentes e non se tivese esgotado o importe máximo que se outorgará, poderase trasladar a cantidade non aplicada ao período seguinte.

Artigo 15. Tipo, características e contía da axuda

1. A axuda terá carácter de subvención de capital, cun límite máximo do 90 % de porcentaxe de axuda sobre o gasto elixible e finalmente xustificado.

2. A axuda non terá, en principio, a consideración de axuda de Estado, aínda que cando o destinatario último da subvención sexa unha empresa ou calquera outra entidade que realice unha actividade económica e/ou que poida influír na libre competencia, estará suxeita a os límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en cuxo artigo 3 se indica que o importe total das axudas de minimis concedidas por un mesmo Estado membro a un único beneficiario non poderá superar os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Os beneficiarios da subvención serán os responsables de levar o control do cumprimento do límite establecido e deben requirir a correspondente declaración responsable doutras axudas solicitadas e concedidas das empresas beneficiarias finais da axuda, acerca de calquera axuda concedida por calquera Administración para calquera actuación no exercicio actual e, en caso de seren axudas de minimis nos dous exercicios anteriores. O modelo de declaración doutras axudas incorpórase como anexo V .

3. As axudas previstas nesta resolución están cofinanciadas polo Feader nunha porcentaxe do 75 %. A Xunta de Galicia fornece o 22,5 % e a Administración xeral do Estado o 2,5 % restante.

4. O importe máximo elixible situarase en 100.000 euros por proxecto de cooperación.

Artigo 16. Réxime de compatibilidade

1. Segundo o establecido no artigo 59.8 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, os gastos cofinanciados ao abeiro destas bases reguladoras non poderán ser cofinanciados mediante a contribución dos fondos estruturais, do Fondo de Cohesión ou de calquera outro instrumento financeiro da Unión.

2. O importe das axudas non poderá superar, en concorrencia con outras axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades destinadas á mesma finalidade, o 100 % do custo das actuacións subvencionables.

3. A obtención de axudas vulnerando este réxime de compatibilidade poderá dará lugar á modificación da resolución de concesión, logo de audiencia do interesado, e será causa de reintegro das cantidades indebidamente percibidas, xunto cos xuros correspondentes, así como causa da apertura dun procedemento sancionador.

Artigo 17. Notificacións

1. De conformidade co previsto no artigo 41.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, as resolucións das solicitudes de axuda serán obxecto de publicación no DOG.

2. Sen prexuízo do sinalado no número 1 deste artigo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse tamén individualmente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas en momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Agader mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: A Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a
secretaria.xeral.agader@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda a través de correo electrónico dirixido a
dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

CAPÍTULO II

Solicitudes e documentación complementaria

Artigo 19. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para cada proxecto de cooperación presentarase unha soa solicitude de axuda, xunto co proxecto de cooperación e o documento vinculante. A solicitude será subscrita polo grupo coordinador, ou polo grupo coordinador específico para Galicia, se for o caso, no seu propio nome e en representación dos grupos cooperantes que reúnan os requisitos para seren beneficiarios. A solicitude de axuda dirixirase á Agader, segundo o modelo normalizado que se incorpora a estas bases reguladoras como anexo IV que, en todo caso, estará ao dispor dos interesados na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación será o que determine a convocatoria.

No caso de proxectos de cooperación interterritoriais ou transnacionais, a información presentada na solicitude de axuda corresponderá á parte do proxecto cuxa execución estea previsto que efectúen os grupos da Comunidade Autónoma de Galicia participantes.

3. O impreso de solicitude de axuda incluirá as declaracións responsables sobre os aspectos que se relacionan a continuación, que o grupo coordinador, a través do seu representante, ratificará mediante a sinatura da solicitude:

a) Que a conta bancaria que recolle o impreso de solicitude onde se debe ingresar o importe da axuda pertence ao beneficiario da axuda.

b) Que os grupos solicitantes non están sometidos ás causas que impidan adquirir esa condición, establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Que as copias achegadas durante calquera fase do procedemento reproducen de xeito fidedigno os documentos orixinais correspondentes.

d) Que cantos datos figuran na solicitude son certos e que se compromete coa Administración, no momento e forma en que esta indique, a achegar a documentación precisa para a resolución da súa solicitude.

4. Xunto coa solicitude de axuda, os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da entidade solicitante.

b) Descrición e resumo do proxecto co contido mínimo que se detalla no anexo II.

c) Un documento vinculante, co contido mínimo que se detalla no anexo III, que estea subscrito polo grupo coordinador, os grupos cooperantes e, se for o caso, as entidades colaboradoras.

d) Desagregación dos gastos por cada grupo participante e por concepto de gasto.

e) Se for o caso, convenios con terceiros.

f) Calquera outra documentación que se considere de interese para a descrición e valoración do proxecto.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requirirá á persoa interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo. Efectuarase igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web da Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) utilizando a aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, a Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III

Instrución do procedemento

Artigo 22. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección de Relacións cos GDR da Agader.

2. Conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano instrutor comprobará a corrección documental das solicitudes, cantos datos relativos á actuación subvencionable considere convenientes e o cumprimento das condicións do solicitante para ser beneficiario da subvención.

En particular, verificará:

a) A admisibilidade do beneficiario.

b) Os criterios de admisibilidade da acción proposta.

c) A localización do investimento en territorio elixible.

d) A xustificación da viabilidade técnica e financeira.

e) A elixibilidade dos investimentos propostos.

f) Os compromisos e as obrigas que debe cumprir a operación para a cal se solicita a axuda.

g) O cumprimento dos criterios de selección.

Artigo 23. Criterios de selección

1. Os proxectos para os cales se solicite a axuda serán avaliados en función dos seguintes criterios de selección:

a) Valor engadido que achegue o proxecto de cooperación ao desenvolvemento local dos territorios implicados: ata 20 puntos.

Este criterio refírese á valoración das características innovadoras e/ou singulares do proxecto en relación coa súa achega ao desenvolvemento local dos territorios implicados.

O mecanismo de puntuación será o seguinte:

En caso de inexistencia de iniciativas similares na zona de actuación: 20 puntos.

Se se trata dunha iniciativa singular en relación con outras xa desenvolvidas na zona de actuación: 10 puntos.

Para estes efectos enténdese por iniciativa singular a proposta que se distingue doutras en canto ao seu deseño ou contido ou cando formulen solucións que utilicen ideas orixinais ou novos conceptos.

Se o proxecto non ten carácter innovador nin singular: 0 puntos.

b) Resultados concretos a curto, medio e longo prazo que derivarán directamente do proxecto de cooperación: ata 15 puntos.

Valoraranse os resultados concretos e constatables que deriven directamente do proxecto de cooperación (exclúese a creación de emprego, que será obxecto de valoración a través dun criterio de selección específico):

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se produce unha implantación dun servizo inexistente para a economía e/ou para a poboación ou ben a comercialización dun produto inexistente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 15 puntos.

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se constata a mellora dun servizo existente para a economía e/ou para a poboación ou ben a mellora dun produto comercializable xa existente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 8 puntos.

No caso de que se constate calquera outro resultado positivo concreto, constatable e atribuíble directamente ao proxecto de cooperación: 5 puntos.

c) Creación de estruturas permanentes de cooperación como resultado do proxecto: ata 15 puntos.

Se como resultado do proxecto se crea unha estrutura nova, con vocación de estabilidade e permanencia en materia de cooperación e que, ademais, poida demostrar actuacións concretas e periódicas no tempo (incluso unha vez finalizado o proxecto de cooperación seleccionado): 15 puntos.

No caso que non se cree ningunha estrutura nova e permanente de cooperación con vocación de permanencia no tempo: 0 puntos.

d) Incidencia do proxecto de cooperación, de maneira directa ou indirecta, na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio implicado: ata 20 puntos.

Por cada emprego creado (equivalente a unha UTA) outorgaranse 4 puntos. Outorgaranse 5 puntos suplementarios se polo menos unha UTA beneficia algún ou algúns dos seguintes colectivos: mulleres, mozos menores de 35 anos, persoas desempregadas maiores de 55 anos ou persoas con discapacidade legalmente constatada (igual ou maior a un grao do 33 %).

e) Incidencia do proxecto de cooperación na conservación e valorización do ambiente, así como na conservación e valorización do patrimonio natural e cultural: ata 10 puntos.

Se se constata que o proxecto de cooperación incide directamente mediante calquera tipo de investimento físico na conservación e valorización do ambiente e/ou conservación e valorización do patrimonio natural e/ou cultural: 10 puntos.

Se o proxecto incide dunha maneira indirecta na conservación e valorización do ambiente e/ou patrimonio natural e/ou cultural (por exemplo un estudo, publicacións, informes): 5 puntos.

Se o proxecto non ten incidencia nin directa nin indirecta nos aspectos indicados neste criterio de selección: 0 puntos.

f) Implicación no proxecto de entidades privadas distintas dos GDR que contribúan ao financiamento do proxecto e á consecución dos obxectivos: ata 20 puntos.

Se existen entidades privadas que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 20 puntos.

Se existen entidades privadas que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 10 % e inferior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 10 puntos.

Se existen entidades privadas que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 5 % do custo dos gastos subvencionables del: 5 puntos.

En caso de inexistencia de financiamento privado para o proxecto: 0 puntos.

2. No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio a) do baremo (valor engadido que achegue o proxecto de cooperación ao desenvolvemento local dos territorios implicados) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio d) do baremo (incidencia do proxecto de cooperación, de maneira directa ou indirecta, na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio implicado). Se aínda así persiste o empate, primará o momento de presentación da solicitude.

3. Un proxecto deberá obter unha puntuación mínima de 30 puntos para ser seleccionado

Artigo 24. Avaliación das solicitudes

A avaliación das solicitudes de axudas será efectuada polo órgano intrutor, que analizará e avaliará as solicitudes tendo en conta os criterios de selección establecidos no artigo 23 destas bases reguladoras e emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Con esa finalidade poderá solicitar a información que considere necesaria para a elaboración do informe de avaliación.

Artigo 25. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo 23.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de se ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral da Agader.

3. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción. Neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de forma motivada, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reuniren os requisitos ou por non acadaren a puntuación mínima necesaria.

CAPÍTULO IV

Resolución do procedemento

Artigo 26. Resolución

1. Tendo en conta a proposta de resolución efectuada polo órgano instrutor, o titular da Dirección Xeral da Agader resolverá motivadamente sobre as solicitudes de axuda. A resolución deberá ser notificada no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o citado prazo máximo sen que se notificase resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

2. A resolución de concesión expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se concede a axuda.

b) O orzamento aceptado, desagregado por partidas de gasto.

c) A porcentaxe e o importe de axuda pública, desagregado por fontes financeiras, distribuído por anualidades.

d) Prazo máximo de execución e xustificación dos gastos e investimentos, que non excederá 18 meses.

e) A posibilidade de concesión de prórrogas.

f) As condicións específicas de execución e xustificación.

g) A compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

h) Regulamento comunitario en que se ampare, se é o caso, a concesión da axuda.

i) Prazos e modos de xustificación da subvención, posibilidade de pagamentos parciais, así como o réxime de garantías.

j) Compromisos asumidos polo beneficiario.

k) Réxime de recursos.

l) Que a subvención está encadrada na medida 19 (Leader) do PDR, que está cofinanciada polo fondo Feader e que se encadra na prioridade ou área focal 6B (promover o desenvolvemento local nas zonas rurais).

3. A resolución de denegación expresará:

a) A identificación do proxecto para o cal se denega a axuda.

b) Causas de denegación e motivación.

c) Réxime de recursos.

4. Publicaranse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, así como no taboleiro de anuncios da sede da Agader (A Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), nas webs dos GDR e na web da Agader http://agader.xunta.es

Artigo 27. Desistencia e renuncia

1. En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado (anexo VI). A desistencia dá lugar ao arquivamento do expediente, nos termos establecidos na resolución que para o efecto dite a persoa titular da Dirección Xeral da Agader.

2. Nos mesmos termos, dá lugar ao arquivamento do expediente, tras a resolución que para o efecto dite a persoa titular da Dirección Xeral da Agader:

a) A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar en documento normalizado (anexo VII).

En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida. A falta de renuncia constituirá nestas circunstancias causa para iniciar expediente sancionador, ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades xa percibidas en concepto de subvención.

Artigo 28. Modificación da resolución

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

En particular, a variación do orzamento aceptado pola Agader e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo final para xustificar o investimento, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo VIII).

3. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o cal poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

4. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As persoas beneficiarias terán a obriga de comunicar a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

a) Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

5. A conformidade expresa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coas mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

Artigo 29. Información e publicidade

1. Tendo en conta que as subvencións previstas nesta resolución están financiadas con fondos comunitarios, deberán cumprirse as obrigas de publicidade establecidas no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como as obrigas recollidas no anexo III do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013; así como no Regulamento de execución (UE) nº 669/2016 da Comisión, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 no que atinxe á modificación e ao contido dos programas de desenvolvemento rural, a publicidade destes e os tipos de conversión a unidades de gando maior.

2. No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, colocarase una placa explicativa con información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira da Unión Europea, que deberá permanecer durante todo o período de mantemento dos investimentos.

Por outra parte, o beneficiario incluirá na súa páxina web unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea, que deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

O 25 % do espazo, como mínimo, dos paneis e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o emblema da Unión e o lema: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural». Incorporará, ademais, o logotipo de Leader e os logotipos de todas as administracións financiadoras. A Agader, a través da súa páxina web, facilitará aos beneficiarios os modelos de paneis e placas.

Os gastos derivados da instalación de placas e paneis terán a consideración de custo elixible.

3. Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable. No caso de estudos, publicacións e outros materiais gráficos, a publicidade levarase a cabo mediante a inclusión dos logotipos e lema descritos na portada.

4. O incumprimento das medidas de información e publicidade por parte do beneficiario será causa de reintegro, segundo o establecido no artigo 33.1.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO V

Execución, xustificación e pagamento

Artigo 30. Execución

1. A execución do proxecto de cooperación subvencionado debe ser realizada polos beneficiarios del.

2. A execución poderá iniciarse a partir da data da presentación da solicitude de axuda e finalizará no prazo máximo que indique a resolución de concesión da axuda, o cal non excederá en ningún caso 18 meses, contados desde a data de notificación da resolución que conceda a axuda. No prazo dos 10 días seguintes á data de finalización das actuacións, o grupo coordinador deberá comunicar por escrito á Agader a finalización do proxecto, con información detallada das actuacións realizadas.

Artigo 31. Obrigacións dos beneficiarios

1. Son obrigacións dos beneficiarios as establecidas, con carácter xeral, no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, as previstas nos artigos 10, 11 e 29 destas bases reguladoras e mais na resolución de concesión das axudas. En particular, os beneficiarios da axuda terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto ou realizar a actuación que fundamentou a concesión da axuda, de conformidade coa documentación presentada na solicitude e coas condicións sinaladas na resolución de concesión.

b) Garantir a permanencia dos investimentos e o cumprimento da finalidade do proxecto durante polo menos 5 anos contados desde a data de notificación da resolución de pagamento final do proxecto.

c) Comunicar á Subdirección de Relacións cos GDR, a través do grupo coordinador ou, se for o caso, do grupo coordinador específico para Galicia, calquera eventualidade que poida alterar ou dificultar o desenvolvemento das actuacións subvencionadas, co fin de que poida modificarse o contido ou a contía da resolución, que, en todo caso, necesitará autorización da Dirección Xeral da Agader. A comunicación deberá realizarse, como máximo, no prazo dun mes desde que o beneficiario teña coñecemento da eventualidade.

d) Facilitar á Administración autonómica, estatal ou comunitaria a información que esta solicite sobre a actuación subvencionada, conforme o artigo 46 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicar de inmediato á Subdirección de Relacións cos GDR da Agader e, en todo caso, con anterioridade á xustificación, calquera subvención, axuda ou ingreso que para a mesma finalidade e de calquera procedencia solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

f) Someterse ás medidas de control e fiscalización que leve a cabo a Agader, así como ao control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou doutros órganos de control nacionais ou comunitarios.

g) Xustificar a realidade dos gastos ou investimentos realizados mediante os documentos correspondentes nos prazos e condicións que se determinen nestas bases e nas convocatorias, facilitando o acceso dos técnicos para a comprobación material dos investimentos realizados.

h) Conservar os documentos xustificativos en tanto poidan ser obxecto de comprobación e control.

i) Comprometerse a levar a contabilidade relacionada co proxecto de cooperación segundo a normativa vixente que lle sexa aplicable.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, xunto cos seus xuros de demora, nos supostos previstos na normativa aplicable.

k) Calquera outra obrigación imposta aos beneficiarios na normativa nacional ou autonómica aplicable, na convocatoria ou na resolución de concesión.

l) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

m) Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación completa do proxecto de cooperación.

2. Os bens subvencionados quedarán afectos á operación subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución do pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. No caso de que se subvencionen gastos dos cales resulten estudos, publicacións ou outros de natureza similar, garantirase o acceso de calquera interesado ao seu contido durante un período mínimo de tres anos contados desde a data da resolución do pagamento final do expediente. Neste senso, a Agader poderá en calquera momento requirir ao beneficiario que facilite a súa entrega coa finalidade da publicación na web da Agader.

Artigo 32. Forma de xustificación

1. O grupo coordinador, ou o grupo coordinador específico para Galicia se for o caso, centralizará toda a información financeira e xustificativa do proxecto e presentará a solicitude de pagamento (anexo IX) ante a Agader na forma descrita no artigo 19.1 destas bases e no prazo de execución e xustificación que establezan as convocatorias. Na dita solicitude indicaranse os gastos preparatorios do proxecto e especificaranse claramente as actuacións conxuntas e as individuais, coa nomenclatura, estrutura e orzamento do proxecto aprobado e, se for o caso, a distribución destes gastos que se imputan aos grupos cooperantes que participasen na execución do proxecto.

2. Deberá acreditarse o importe, procedencia e aplicación dos fondos que complementan as axudas reguladas nestas bases reguladoras.

3. A xustificación da axuda adoptará a forma de conta xustificativa, á cal se refire o artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para xustificar as actividades realizadas, presentaranse documentos orixinais das facturas correspondentes cun comprobante de pagamento. A data das facturas e xustificantes de pagamento deberá situarse dentro do prazo máximo para a xustificación do proxecto de cooperación. Os xustificantes deben indicar con toda claridade a que conceptos do orzamento previsto, presentado na solicitude e aceptados na resolución de concesión de axuda, se refiren.

4. A conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

a) Unha memoria técnica sintética, de carácter executivo, da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, incluíndo como anexos, se for o caso, copia dos estudos e informes subvencionados.

b) Unha memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

1º. Unha relación clasificada dos gastos do proxecto de cooperación, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se for o caso, data de pagamento (data de valor bancario).

2º. Os xustificantes dos gastos anteriores mediante a achega das facturas ou documentos acreditativos do gasto efectuado.

3º. Os xustificantes de pagamento dos gastos e demais documentos de valor probatorio equivalente, con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia anteriormente, debidamente indexados e ordenados. Os xustificantes de pagamento consistirán en documentos bancarios que inclúan ao titular da conta, o provedor a que se realiza o pagamento e a data de valor, con acreditación das cantidades xiradas. Dos cheques emitidos ou das obrigas de pagamento realizadas presentarase unha copia e a comprobación de que foron efectivamente compensados na conta do pagador. Os documentos de remesa deberán indicar claramente a factura pagada, o pagamento realizado e o perceptor e validaranse mediante selado da entidade bancaria.

4º. Tres ofertas de diferentes provedores, segundo o modelo normalizado do anexo X destas bases reguladoras, que deberán presentar data anterior á da contracción do compromiso para a adquisición do ben ou da prestación do servizo. No caso de que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, esta circunstancia deberá ser xustificada expresamente nunha memoria perfectamente detallada e a demostración fidedigna desta circunstancia será unha condición necesaria para que o gasto poida ser admitido.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria técnica similar á sinalada no parágrafo anterior a razón da escolla cando esta non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Deberá presentarse tamén unha declaración sobre a veracidade das ofertas solicitadas e da non vinculación entre os GDR e os provedores, segundo o modelo normalizado do anexo XI destas bases reguladoras.

Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, o nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, o modelo e as características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

5º. No caso de investimentos en estudos, proxectos técnicos, libros, folletos, etc.; deberá achegarse un exemplar en soporte informático que permita a súa difusión.

6º. Informe gráfico dos investimentos.

7º. Declaración doutras axudas (segundo o modelo do anexo V das bases reguladoras).

8º. Permisos, inscricións, autorizacións e/ou licenzas requiridas pola normativa (só para o pagamento final).

9º. Certificados do cumprimento das obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, no caso de que o promotor se opoña expresamente á súa consulta á Agader.

10º. E é o caso, xustificación do emprego creado, xunto coa seguinte documentación xustificativa:

i. Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados.

Acreditación da calidade e/ou tipoloxía do emprego creado, nos termos previstos nos criterios de selección aplicados ao expediente.

11º. A documentación específica que se sinale na resolución de concesión da axuda.

5. Ademais da conta xustificativa, deberá achegarse o resto da documentación que se especifique na resolución de concesión da axuda. Para a identificación dos equipamentos subvencionados, remitirase unha relación segundo o modelo normalizado (anexo XII).

6. Non se aceptarán facturas nin xustificantes acreditativos do pagamento con data posterior á data límite para xustificar os investimentos que determinase a resolución de concesión da axuda.

7. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao que resulta do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

As facturas selaranse indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención.

8. As facturas e os xustificantes acreditativos do pagamento, así como toda a documentación do expediente de xustificación, deben ir a nome do grupo beneficiario da axuda.

Artigo 33. Comprobación

1. A Agader comprobará a adecuada xustificación da axuda, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da axuda.

Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar a efectiva realización do gasto. A dita visita in situ será realizada polo persoal da Subdirección de Relacións cos GDR da Agader.

2. Cando o órgano instrutor aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, poñerao no seu coñecemento e abrirá un prazo de dez días para a súa emenda. A falta de corrección dos defectos neste prazo, se son substanciais, de xeito que imposibiliten acreditar o cumprimento das obrigas derivados do proxecto, levará consigo a perda do dereito ao cobramento.

Artigo 34. Réxime de pagamento

1. O pagamento da axuda efectuarase cando se teña acreditado o cumprimento da finalidade para a cal foi outorgada a subvención e se teña xustificado conforme as regras establecidas nestas bases e no resto do ordenamento xurídico aplicable á realización do proxecto.

2. O pagamento efectuarase na conta bancaria para tal efecto designada polo beneficiario.

3. Non se efectuarán pagamentos anticipados.

4. Poderán realizarse pagamentos á conta de conformidade co disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, sempre e cando o importe de axuda solicitado sexa superior a 25.000 euros.

O número de pagamentos á conta non poderá ser superior a tres por cada expediente.

5. Os grupos beneficiarios, para recibiren o importe das axudas, deberán estar ao día nas obrigacións coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma, coa Axencia Estatal de Administración Tributaría e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, así como non ter débedas de ningún tipo coa Administración autonómica de Galicia.

6. Cando o cumprimento polo grupo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total da actividade a que se comprometeu no documento vinculante e resulte acreditada por este unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a Agader determinará a contía que corresponda pagar, atendendo ao principio de proporcionalidade e aos seguintes criterios:

a) O grao de cumprimento da finalidade do proxecto.

b) O nivel de execución final sobre o total prevista para o proxecto.

c) Calquera outro criterio que deba ser apreciado segundo as circunstancias do caso concreto e a natureza da axuda.

CAPÍTULO VI

Réxime sancionador e reintegro

Artigo 35. Retirada total ou parcial da axuda e sancións administrativas

1. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 63 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, a Agader examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Deste xeito fixará:

a) O importe que correspondería pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e da decisión de concesión.

b) O importe que correspondería pagar ao beneficiario tras o exame de admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

2. Se o importe fixado conforme a letra a) do parágrafo primeiro deste artigo supera o importe fixado conforme a letra b) do mesmo parágrafo en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción administrativa ao importe fixado conforme a letra b). O importe será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá mais alá da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poida demostrar á satisfacción da Agader que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a Agader adquira doutro modo a convición de que o beneficiario non é responsable diso.

Artigo 36. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2012).

2. No caso de que na análise da solicitude de pagamento se detecte que un incumprimento atinxe calquera compromiso derivado da aplicación dos criterios de selección ao proxecto, estes incumprimentos suporán a tramitación dun expediente de perda do dereito ao cobramento da subvención e o reintegro da totalidade da axuda percibida en certificacións parciais, sempre e cando este/s compromiso/s fose/n determinantes para a selección do proxecto. No caso de que o compromiso ou compromisos incumpridos non fosen determinantes para a selección do proxecto, revisarase a puntuación asignada inicialmente e axustarase a axuda á puntuación que lle corresponda conforme os criterios de selección que lle sexan de aplicables.

3. En relación co período de permanencia dos compromisos derivados da resolución de concesión de axuda, tendo en conta o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o incumprimento atinxe o mantemento do ben, da operación subvencionada ou o compromiso de mantemento de emprego, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento, ata acadar os 3 anos, sempre e cando non se produza o incumprimento no primeiro caso de compromiso posto que neste caso procederá o reintegro total da axuda. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total da actividade e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a contía por reintegrar determinarase polo mesmo procedemento e cos mesmos criterios que establece o artigo 34.5 destas bases reguladoras.

4. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 37. Réxime sancionador

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, ao disposto no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, e no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, do 11 de marzo.

CAPÍTULO VII

Recursos e modificación do réxime xurídico

Artigo 38. Recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, da resolución expresa. Se o acto non é expreso, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución expresa.

Artigo 39. Cláusula de salvagarda

1. Estas bases reguladoras apróbanse conforme o establecido no PDR de Galicia e do Marco nacional de desenvolvemento rural 2014-2020.

2. No caso de que sexa aprobada unha modificación do PDR que afecte o contido destas bases reguladoras, estas entenderanse modificadas e procederase á apertura do prazo dun mes para que os solicitantes modifiquen ou ratifiquen as súas peticións.

ANEXO II

Proxecto de cooperación entre grupos de acción local: contido e estrutura

1

DESCRICIÓN DO PROXECTO DE COOPERACIÓN.

1.1

Denominación do proxecto:

1.2

Xustificación do proxecto:

1.3

Obxectivos xerais e específicos:

1.4

Relación das actividades que se propoñen realizar:

1.5

Descrición do valor engadido que supón realizar o proxecto e que se conseguirá coa execución das actividades de forma conxunta:

1.6

Resultados previstos para o proxecto de cooperación en todos os territorios participantes e a súa contribución á corrección de desequilibrios ambientais, socioeconómicos, culturais, laborais, etc.:

1.7

Ámbito xeográfico de aplicación do proxecto de cooperación. Relación de concellos:

1.8

Prazo de execución do proxecto: meses:

Cronograma mensual desagregado por actividades.

1.9

Orzamento do proxecto de cooperación, desagregado por anualidades en función do prazo previsto de execución:

1.10

Fases do proxecto:

Anualidade 1

Anualidade 2

Anualidade 3

Anualidade 4

Asistencia técnica preparatoria

Importe:

Importe:

Importe:

Execución do proxecto

Importe:

Importe:

Importe:

Importe:

2

INCIDENCIA E EFECTOS DOS PROXECTOS DE COOPERACIÓN.

2.1

Sectores cara aos cales van dirixidas as accións e actividades proxectadas, segmentos da poboación afectados ou sectores económicos sobre os cales o proxecto actúa de forma directa ou indirecta:

2.2

Incidencia do proxecto sobre sectores específicos da poboación tales como mulleres, mozos e outros grupos de especial consideración:

2.3

Contribución do proxecto aos obxectivos horizontais da política europea de desenvolvemento rural: ambiente, cambio climático e innovación.

3

COORDINACIÓN DO PROXECTO DE COOPERACIÓN.

3.1

Grupo coordinador do proxecto:

3.2

Xustificación da súa participación e do seu papel como coordinador do proxecto:

3.3

Descrición das funcións e compromisos asumidos polo grupo coordinador:

4

INFORMACIÓN DOS GRUPOS COOPERANTES NO PROXECTO:

(Cubrir unha ficha por cada un dos grupos participantes)

4.1

Denominación do grupo de acción local:

4.2

Xustificación da súa participación no proxecto:

4.3

Actividades en que vai participar:

Cronograma mensual das actividades nas que vai participar.

4.4

Compromiso económico por fonte de financiamento. Xustificación da achega do cofinanciamento necesario:

5

ENTIDADES COLABORADORAS

6

EQUIPO TÉCNICO PREVISTO PARA A REALIZACIÓN DO PROXECTO:

7

SISTEMAS DE RELACIÓN E COMUNICACIÓN ENTRE OS GRUPOS PARTICIPANTES NO PROXECTO E MECANISMOS PARA A POSTA EN COMÚN DAS ACCIÓNS PROGRAMADAS:

8

SISTEMA DE CONTROL DA EXECUCIÓN COORDINADA DO PROXECTO:

9

SISTEMA DE SEGUIMENTO E AVALIACIÓN DOS RESULTADOS DO PROXECTO (establecemento de indicadores):

10

ACCIÓNS PREVISTAS PARA A PROMOCIÓN DO PROXECTO E A SÚA DIVULGACIÓN Á POBOACIÓN:

11

PLAN DE TRABALLO POR ACCIÓNS*: INFORMACIÓN DETALLADA E PARTICULARIZADA E ORZAMENTO DAS ACCIÓNS CONCRETAS.

(Cubrir unha ficha por acción común ou individual)

ACCIÓN COMÚN Nº:

Denominación e descrición**

Grupos responsables***

Ámbito de execución

Período de execución

Orzamento de cada grupo

Grupo 1

………………

Grupo 2

………………

Grupo n

………………

ACCIÓN INDIVIDUAL Nº:

Denominación e descrición

Grupo responsable

Ámbito de execución

Período de execución

Orzamento

* En caso necesario definiranse as accións secundarias en que se subdivide unha acción principal, indicando o cronograma previsto para a súa execución.

** A descrición deberá ter o suficiente detalle para poder verificar a moderación de custos da actividade.

*** Definirase a participación de cada grupo na acción.

ANEXO III

Contido mínimo do documento vinculante

1. Datos identificativos dos participantes, incluíndo entidades colaboradoras.

2. Obxecto do acordo. O obxecto do documento vinculante será formalizar as relacións entre os grupos, incluíndo a designación do coordinador e os detalles da súa actuación interna. Deberá estar asinado por todos os grupos e, se for o caso, polas entidades colaboradoras.

3. Datos básicos do proxecto de cooperación, incluíndo polo menos título, finalidade, sector ou subsector en que se desenvolve e resultados esperados.

4. Grupo coordinador do proxecto. Os grupos acordarán a designación dun coordinador do proxecto, que será o interlocutor único coa Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. Nos proxectos en que participen grupos de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá haber un grupo coordinador específico dos grupos galegos. O documento regulará as funcións e responsabilidades do grupo coordinador.

5. Contribucións dos participantes para a execución do proxecto, as contribucións incluirán o compromiso financeiro.

6. Responsabilidades e obrigacións dos participantes.

7. Causas de forza maior. Ningún dos participantes será responsable por incumprimento ou cumprimento inapropiado de calquera das obrigacións previstas no acordo se demostra que o incumprimento se produciu por causas de forza maior.

8. Confidencialidade. Cada participante comprométese a protexer toda a información obtida do acordo vinculante ou relacionada con el e a non dala a coñecer a terceiros. Cada participante será responsable pola divulgación de información confidencial, fóra dos casos en que a divulgación se realice de acordo cos requisitos fixados no acordo. Un membro terá dereito de revelar información confidencial a unha terceira persoa só co consentimento previo por escrito do resto.

9. Duración, vixencia, modificación e terminación do acordo.

10. Publicidade e comunicación.

11. Litixios.

12. Compromisos.

13. Plan de financiamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file