Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37225

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no mercado ordinario de traballo, mediante o Programa de emprego con apoio.

BDNS (Identif.): 411365.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.

Tamén as empresas de inserción laboral que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción laboral.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das ditas accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que se comprometan a incorporalos, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento adecuado dos programas de emprego con apoio.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Terceiro. Tipos de axudas

1. A subvención establecida neste programa destinarase a financiar custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, dentro do período subvencionable.

A dita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.

2. No suposto das entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 20, cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de distintos concellos, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 € por preparador ou preparadora laboral.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 20 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 axudas para fomentar o emprego das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no mercado ordinario de traballo, mediante o Programa de emprego con apoio.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse cincocentos mil euros (500.000 €).

Sexto. Contía

Entre 3.500 e 17.000 € anuais por cada persoa traballadora con discapacidade apoiada.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo II desta orde, é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria