Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 37005

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2018 pola que se publica o Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa).

Con data do 1 de xuño de 2018 asinouse o Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A.

De acordo co disposto no artigo 11.3.b) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, esta consellería dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A conselleira do Medio Rural delegou na secretaria xeral técnica esta competencia ao amparo da Orde do 17 de novembro de 2015 de delegación de competencias en diversos órganos desta consellería (DOG núm. 223, do luns, 23 de novembro).

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018

A conselleira do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural

ANEXO

Convenio de encomenda de xestión entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, para a realización dos controis do Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) pola Axencia de Información e Control Alimentarios O.A.

En Madrid, 1 de xuño de 2018

Reunidos:

Dunha parte, Isabel García Tejerina, Ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, en virtude do Real decreto 417/2016, do 3 de novembro, polo que se nomean ministros do Goberno, de acordo coas facultades que lle atribúe o artigo 61 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Doutra, Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do Medio Rural, actuando en nome e representación da Consellería do Medio Rural, a teor do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e en virtude do Decreto 148/2016, do 13 de novembro (DOG núm. 217, do 14 de novembro de 2016).

Os comparecentes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para a firma do presente documento, e para ese efecto,

Expoñen:

Primeiro

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten a competencia exclusiva en materia de agricultura, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural. Dentro das competencias en materia de agricultura e de industrias agroalimentarias correspóndelle a inspección e defensa contra as fraudes á calidade agroalimentaria de conformidade co Decreto 166/2015, do 13 de novembro, pola que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

A conselleira do Medio Rural asinará este convenio en aplicación do artigo 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Segundo

A Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria persegue, entre os seus fins, aumentar a eficacia e a competitividade do sector alimentario; mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria, garantindo unha distribución sustentable do valor engadido ao longo dos sectores que a integran; favorecer a introdución da innovación e as tecnoloxías da información e comunicación na cadea; conseguir un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores, mellorando o acceso á información e trazabilidade da cadea alimentaria; fortalecer o sector produtor e potenciar as actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias; contribuír a garantir os dereitos do consumidor no que respecta á mellora dunha información completa e eficaz sobre os alimentos e a súa calidade; garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria e, finalmente, favorecer a xeneralización da cultura da sustentabilidade na cadea alimentaria como factor de compromiso social empresarial, de incremento da competitividade e de contribución á mellora da calidade da produción agroalimentaria.

Terceiro

A Axencia de Información e Control Alimentarios O.A., en diante AICA, creada pola disposición adicional primeira da Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, ten entre os seus fins a xestión dos sistemas de información e control dos mercados oleícolas.

Para o cumprimento dos fins fixados, a Axencia desenvolve, entre outras, a función de xestionar e manter os sistemas de información, seguimento e análise dos mercados oleícolas (aceites de oliva e olivas de mesa) e a análise e difusión dos seus resultados.

Cuarto

É competencia das comunidades autónomas o establecemento e desenvolvemento do réxime de control necesario para comprobar o cumprimento das obrigacións por parte dos operadores dos sectores ou mercados oleícolas, para asegurar a veracidade e integridade dos datos que se incorporan aos sistemas de información de mercados e para determinar a orixe, destino e características das materias primas e os produtos.

Quinto

Mediante Orde APA/2677/2005, do 8 de agosto, sobre contabilidade e declaracións para o control no sector do aceite de oliva e das olivas de mesa, estableceuse o réxime de obrigacións contables e de información que han de cumprir, por cada unha das súas instalacións, as almazaras, as industrias de transformación de olivas de mesa, as envasadoras de aceite de oliva e de oliva de mesa, as refinarías, as extractoras de aceite de bagazo e os demais operadores do sector, para que AICA poida manter e xestionar o Sistema de información dos mercados do aceite de oliva e das olivas de mesa.

Sexto

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e AICA veñen colaborando desde a entrada en vigor da Orde APA/2677/2005, do 8 de agosto, na implantación das obrigacións establecidas na devandita orde, coa posta á disposición dos datos en poder de cada unha das administracións entre si, identificando as instalacións nas cales levan a cabo actividades suxeitas ao réxime de declaración obrigatoria e poñendo os medios necesarios para que as ditas declaracións se axusten á realidade.

Pola súa banda, AICA pon á disposición da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia os datos de todos os operadores con instalacións no seu territorio, facilitando o seu acceso telematicamente, a través dos códigos que se proporcionaron para este fin.

Sétimo

O artigo 11 da 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establece a posibilidade de que a realización de actividades de carácter material ou técnico da competencia dos órganos administrativos ou as entidades de dereito público poida ser encomendada a outros órganos ou entidades, da mesma ou de distinta Administración, sempre que entre as súas competencias estean esas actividades, por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

Cando a encomenda de xestión se realice entre órganos e entidades de dereito público de distintas administracións formalizarase mediante a firma do correspondente convenio entre elas.

Oitavo

AICA é un organismo autónomo dos previstos no artigo 98 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, adscrito, a través da Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación, ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Entre os seus fins atópase o relativo ao control do cumprimento do disposto na Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. As actuacións de control e inspección que leva a cabo a Axencia realízanse por funcionarios públicos que, no exercicio das súas funcións, teñen a condición de axentes da autoridade.

Noveno

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente consideran que é preciso implantar fórmulas coordinadas para o establecemento e desenvolvemento dun réxime de control que permita comprobar o cumprimento das obrigacións por parte dos operadores dos sectores ou mercados oleícolas, para asegurar a veracidade e integridade dos datos que se incorporan ao Sistema de información dos mercados oleícolas, así como que AICA pode levar a cabo estes controis.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as partes subscriben o presente convenio, no que se determinan os dereitos e obrigacións que recíprocamente asumen, en base ás seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto

O presente Convenio ten por obxecto a encomenda de xestión da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (encomendante) á Axencia de Información e Control Alimentarios O.A. (encomendada) para a realización dos controis que sexan necesarios co fin de verificar a certeza dos datos incluídos nas declaracións efectuadas ao Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) polos operadores cuxas instalacións se atopen no territorio da Comunidade Autónoma, así como determinar as condicións que rexerán esta encomenda de xestión, a cal ratifícase ao outorgar o presente instrumento convencional.

A encomenda non supón cambio da titularidade das competencias que sobre a materia corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Obrigacións de AICA

En virtude desta encomenda, AICA levará a cabo a realización material dos controis que sexan necesarios co fin de verificar a certeza dos datos incluídos nas declaracións efectuadas ao Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e olivas de mesa) polos operadores cuxas instalacións se atopen no territorio da Comunidade Autónoma, sobre a base do Programa de control que deberá ser aprobado polas partes, no seo da comisión de seguimento prevista na cláusula sexta deste convenio, antes do inicio da campaña obxecto de control.

O Programa de control detallará, para cada tipo de operador, o número e instalacións a controlar en cada campaña. Así mesmo deberanse ter en conta aquelas posibles modificacións do programa inicial, propostas por algunha das partes e que necesiten actuacións especiais de control.

En todo caso AICA, como entidade encomendada terá a condición de encargado dos datos de carácter persoal aos que puidese ter acceso en execución da encomenda de xestión, séndolle de aplicación o disposto na normativa de protección de datos de carácter persoal.

Terceira. Obrigacións da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia

Corresponderá á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou nos que se integre a concreta actividade material obxecto de encomenda.

En particular, corresponderá á Comunidade Autónoma a iniciación e instrución dos expedientes sancionadores que correspondan como consecuencia dos incumprimentos que se observen no curso das inspeccións realizadas por AICA. A Axencia trasladará á Comunidade Autónoma as denuncias correspondentes, debidamente documentadas.

Así mesmo, corresponderán á Comunidade Autónoma as seguintes obrigacións:

1. Antes do día 30 de setembro de cada ano, facilitar a AICA a relación das almazaras, industrias de transformación, envasadoras de aceite de oliva, refinarías, extractoras de aceite de bagazo e demais operadores de aceite de oliva e de oliva de mesa con actividade na campaña en curso, que estean radicados na Comunidade Autónoma.

2. Facilitar a AICA a identidade dos funcionarios que accederán, coas claves que proporcione a Axencia, á información referente ás inspeccións que realice no ámbito das comprobacións a que se refire esta encomenda de xestión.

3. Poñer á disposición de AICA canta información sexa de interese para os efectos de investigar calquera irregularidade que poida producirse no ámbito das declaracións obrigatorias recollidas no Sistema de información dos mercados oleícolas (aceite de oliva e oliva de mesa); e moi especialmente cando existan sospeitas que afecten a veracidade e/ou integridade destas.

Cuarta. Aplicacións e medios electrónicos para o seguimento do control

AICA poñerá á disposición da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e a través da súa páxina web, unha plataforma electrónica que prestará, polo menos, as seguintes utilidades relacionadas cos controis previstos neste convenio:

1. Información referente á programación que teña previsto realizar AICA ás industrias da Comunidade Autónoma, co detalle das industrias para inspeccionar no prazo de, polo menos, sete días.

2. Seguimento dos controis realizados por AICA ás industrias inspeccionadas, con información referente ás incidencias detectadas nas visitas efectuadas.

3. Copia electrónica da documentación de control que sexa necesaria para a realización das actuacións administrativas precisas en orde á regularización dos defectos que se puidesen observar no curso das inspeccións levadas a cabo por AICA.

Quinta. Financiamento

As actuacións para executar por AICA en orde ao establecemento e desenvolvemento do réxime de control necesario para comprobar o cumprimento das obrigacións por parte dos operadores dos sectores ou mercados oleícolas que teñan as súas instalacións no territorio da Comunidade Autónoma, co fin de asegurar a veracidade e integridade dos datos que se incorporan ao Sistema de información de mercados oleícolas que xestiona AICA, sobre a base do Programa de control que se aprobe, serán obxecto de financiamento con cargo aos recursos propios da Axencia sen que caiba repercutir gastos polo devandito concepto á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

O Convenio de encomenda de xestión non supón gasto algún para o MAPAMA, atendéndose ás obrigacións previstas no mesmo co orzamento ordinario de AICA.

Sexta. Comisión de seguimento

Establécese unha comisión de seguimento que estará composta por dous representantes de cada parte, que se reunirán cantas veces sexa necesario, por petición de calquera daquelas, para deliberar e acordar a coordinación das actuacións relacionadas coa finalidade perseguida neste convenio.

Corresponderá a esta comisión a aprobación do Programa de control a que se fai referencia na cláusula segunda deste convenio.

Esta comisión axustará o seu funcionamento no non especificamente previsto no Convenio, ás normas contidas no título preliminar do capítulo II sección 3ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Sétima. Duración, modificación e resolución do Convenio

1. O presente convenio resultará eficaz unha vez asinado e deberá ser publicado no Boletín Oficial del Estado, así como no Diario Oficial de Galicia.

2. A súa vixencia será de dous anos prorrogables por outros dous, logo de acordo das partes, que deberá ser adoptado antes da finalización do prazo de vixencia orixinal.

3. O convenio poderá extinguirse, polas causas previstas no artigo 51 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

4. As posibles modificacións deste convenio, acordadas de forma unánime polos asinantes, deberán formalizarse mediante a subscrición do correspondente instrumento modificativo, cos mesmos requisitos e condicións exixidos para a aprobación do inicial.

Oitava. Réxime do convenio e xurisdición competente

O presente convenio ten a natureza dos previstos no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e está excluído do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, conforme o disposto no seu artigo 6.3, regulándose polas súas normas especiais e aplicándose os principios da Lei indicada para resolver as dúbidas e lagoas que se puideran presentar.

As controversias xurdidas sobre a interpretación, modificación, resolución e efectos que puideran derivarse da aplicación do presente convenio, deberán liquidarse de mutuo acordo no seo da comisión de seguimento prevista neste convenio, aplicando os principios da Lei de contratos do sector público, conforme ao disposto no seu artigo 4 para resolver as dúbidas e lagoas que se puideran presentar durante a súa vixencia.

Así mesmo, as cuestións litixiosas serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional contenciosa-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da devandita xurisdición.

Novena. Publicidade

Este convenio de encomenda de xestión será obxecto de publicación de acordo co disposto na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 11.3.b) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Neste sentido, as partes prestan expresamente o seu consentimento para que se lle dea ao presente convenio a publicidade exixida.

E en proba de conformidade de canto antecede, os comparecentes asinan por triplicado exemplar e para un só efecto o presente convenio, no lugar e data indicados no encabezamento. A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto.