Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2018 Páx. 37095

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xullo de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 12 de xuño de 2018, cuxa parte dispositiva é do seguinte teor literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial. Parque eólico Pena Forcada-Catasol II. Xuño 2018, promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Laxe queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Pena Forcada-Catasol II.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

A continuación, analízase a normativa urbanística vixente no termo municipal afectado, e propóñense as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecúe ao proxecto sectorial.

1.1. Adecuación ao plan vixente.

1.1.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan os usos do parque cos previstos no plan vixente.

O plan urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, delimitado no plano Planta xeral sobre o Plan municipal vixente do termo municipal de Laxe, é o seguinte:

• Plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente o día 30 de outubro de 2009 e Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta os solos non urbanizables, clasificados no plan anterior como Planta xeral sobre plan municipal vixente):

• Solo rústico de protección forestal e

• Solo rústico de protección paisaxística

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística do municipio de Laxe para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recollidos na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia. Con todo, modificarase o plan exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan. O ámbito no cal se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

1.1.2. Proposta da normativa.

Cando se revise o Plan municipal do Concello de Laxe e/ou se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano Planta xeral sobre plan modificado pola adecuación, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

A. Ámbito.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

O ámbito no cal se engadirá o novo réxime de solo rústico de protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

B. Uso do solo.

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e á aprobación dun proxecto sectorial en conformidade co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

• Prohibición de levantar edificacións, fóra dos edificios almacén de residuos e centro de seccionamento a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

• Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

C. Condicións de edificación.

As condicións de edificación que se propoñen para o edificio de control e subestación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II serán as seguintes:

• Parcela mínima: ao tratarse de instalacións para a produción e transformación de enerxía eléctrica previstas no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016 e no artigo 50.1.m) do RLSG non resulta de aplicación o parámetro de parcela mínima de conformidade co establecido no parágrafo segundo do artigo 39.d) da Lei 2/2016 e no artigo 61.2 do RLSG.

• Edificabilidade máxima:

– Edificio centro seccionamento (CSI): 18,72 m2.

– Edificio almacén de residuos: 10,00 m².

• Ocupación máxima: 66,09 m2 da superficie das parcelas nas cales se situén os edificios e contornos pechados (CSI e almacén de residuos) distribuída da seguinte maneira:

– Edificio centro seccionamento (CSI): 18,72 m².

– Almacén residuos: 10,00 m².

– Roza: 37,37 m².

– Total: 66,09 m².

• Recuamentos: en todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 m respecto dos lindeiros.

• Altura máxima:

– A altura máxima do CSI medida desde a rasante natural do terreo ata a cuberta será 2,6 m.

– A altura máxima do almacén de residuos medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta será de 3,25 m.

D. Condicións estéticas.

En conformidade co artigo 91.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a tipoloxía das construcións, materiais e cores empregadas dos edificios deberá favorecer a integración na contorna inmediata e na paisaxe. En efecto, os edificios almacén de residuos e centro de seccionamento (CSI) terán unha fachada e cuberta similar á das construcións da zona coa finalidade de integrarse na paisaxe. A fachada construirase con acabamento en granito e a cuberta será de tella curva cerámica envellecida. O devandito edificio construirase con estruturas de formigón, forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostadas e co dimensionamento adecuado para os esforzos a que será sometido. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As citadas augas non se recollen na rede horizontal de saneamento, senón que verten directamente sobre o terreo. Ademais, dotarase ao edificio da súa rede perimetral de drenaxe.

E. Condicións de servizos.

En conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 2/2016, o promotor da infraestrutura enerxética resolverá pola súa conta os servizos de: acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica, así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.2. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial por parte do Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecúen o plan, implica para o concello afectado a obriga de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.3. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación:

• Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

• Da revisión do plan urbanístico municipal vixente.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico obxecto deste proxecto sectorial cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia.