Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2018 Páx. 35403

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de xullo de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga de determinado persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desenvolverá a partir do día 1 de agosto de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante unha orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Xunta de Persoal de Santiago de Compostela da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicou a convocatoria dunha folga dirixida ao persoal estatutario que presta os seus servizos nos actuais centros de traballo da Fundación na dita localidade, que se levará a efecto con carácter indefinido das 12.00 ás 14.00 horas e das 19.00 ás 21.00 horas todos os mércores, domingos e festivos a partir do 1 de agosto de 2018, primeiro día dos paros.

Con base no anterior e logo de audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga dirixida ao persoal estatutario que presta os seus servizos nos actuais centros de traballo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Santiago de Compostela, que terá efecto con carácter indefinido das 12.00 ás 14.00 horas e das 19.00 ás 21.00 horas nas xornadas dos mércores, domingos e festivos desde o 1 de agosto de 2018, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue:

1. Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

2. Dirección e servizos administrativos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O servizo que presta a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten como misión atender calquera demanda que sexa percibida pola poboación como de resolución urxente. Para a consecución do seu fin, a central de coordinación funciona basicamente con dous chanzos básicos de atención ás demandas de atención sanitaria:

1º. O chanzo do persoal operador telefónico, encargado de recibir a chamada e realizar un interrogatorio básico no cal se toman datos de filiación, localización e motivación xeral da chamada.

2º. O chanzo sanitario, onde se toman as decisións que implican a resolución dos casos que se expoñen, ben mediante a mobilización dos recursos de atención e transporte, ben mediante o consello sanitario.

Nesta segunda fase, na central de coordinación traballa un conxunto de profesionais sanitarios constituído por persoal médico coordinador e de enfermaría. Dependendo da natureza do feito que se expón, a súa gravidade e urxencia, cada chamada é resolta por persoal dun ou doutro perfil.

Os/as enfermeiros/as de consulta, á parte das tarefas de asesoría sanitaria –o seu labor principal–, atenden os problemas que necesitan unha resolución urxente por parte de persoal desta profesión (curas, atención ás ostomías, sondas urinarias, etcétera). Ademais, desde finais do pasado ano 2017 preveuse o manexo dos accidentes de múltiples vítimas.

Por outro lado, o traballo do persoal sanitario, médico e enfermeiro consiste fundamentalmente en realizar un interrogatorio sanitario dirixido a precisar a información inicial e unha toma de decisións posterior para resolver os problemas detectados. Este é un labor de conxunto que se realiza dimensionando os efectivos de maneira adaptada aos ciclos de demanda horarios. A falla dalgún dos axentes implica unha mingua na capacidade da Sala de Coordinación para resolver a demanda entrante. Cómpre valorar que, nunha actividade desta natureza, a demora en atender un servizo repercute en toda a demanda, tanto na que entra nese momento como posteriormente: non realizar a tempo a clasificación dun proceso menos grave –porque a capacidade de atención estea saturada– pode deixar sen atender os intentos de chamadas por procesos moi graves que inmediatamente entran a continuación.

En resumo, a dimensión da Sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número de chamadas histórico do servizo, por días e tramos horarios, garantindo a atención do 100 % das chamadas. O índice de chamadas perdidas non supera o 2 % e procédese por protocolo a chamar a todos aqueles números que non conseguiron contactar, dado o carácter de urxencia do servizo prestado.

Unha minoración do persoal médico e enfermeiro implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que acontecen no territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortaldade e a supervivencia na poboación.

Polas características do servizo dispensado, a poboación non pode quedar desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia. Ademais, son tarefas específicas que non poden ser suplidas por outro persoal e cómpre ter en conta que a carga de traballo, ao longo do día, depende dun número de chamadas que non son programables, senón que se dimensionan de maneira periódica para dar cobertura ás necesidades estimadas dentro dun rango.

En relación directa co anterior, resulta ademais preciso dispor dun número mínimo de efectivos de persoal non sanitario nas áreas de dirección e administración da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, co fin de atender as necesidades administrativas máis perentorias durante o desenvolvemento da folga.

En conclusión, os servizos mínimos que se propoñen resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto á area de actividade afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía, dun xeito pola súa vez compatible co respecto ineludible do exercicio do dereito á folga.

Os criterios reitores para determinar o persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100 % dos efectivos sanitarios da atención urxente prestada a través do 061 pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

2. Unha cobertura de ata un máximo do 20 % dos efectivos non sanitarios dos servizos administrativos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 na localidade de Santiago de Compostela: atención ao usuario, persoal, subministracións, contabilidade, facturación e cobramentos. No que atinxe ao persoal das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), resulta necesario dispor, cando menos, na quenda da mañá dun efectivo de presenza física e, nas quendas da tarde e da noite, dun efectivo localizado.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, nos anexos desta orde recóllese o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da Fundación con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola Dirección da entidade e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061:

Número de efectivos de servizos mínimos

Categoría/servizo

Mañá

(8.00 a 15.00 h)

Tarde

(15.00 a 22.00 h)

Noite

(00.00 a 8.00 h)

(22.00 a 00.00 h)

Persoal facultativo

Médicos/as coordinadores/as

6+1 (¹)

6+1 (¹)

3

Persoal sanitario non facultativo

Enfermeiros/as de consulta sanitaria

1

1

1

Persoal localizado

24 horas

Médicos/as coordinadores/as

2

(¹) Aos seis profesionais en quenda de mañá hai que sumarlle un en horario das 10.00 ás 16.00 horas. Aos seis profesionais en quenda de tarde hai que sumarlle un en horario das 16.00 ás 23.00 horas.

ANEXO II

Dirección e servizos administrativos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061:

Número de efectivos de servizos mínimos

Categoría/servizo

Mañá

(8.00 a 15.00 h)

Tarde

(15.00 a 22.00 h)

Noite

(00.00 a 8.00 h)

(22.00 a 00.00 h)

Persoal non sanitario

Tecnoloxías da información

1

-

-

Recursos Humanos

1

-

-

Secretarías Dirección Coordinación, Dirección Asistencial, Dirección de Xestión e Servizos Xerais

3

-

-

Persoal localizado

24 horas

Tecnoloxías da información

1