Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2018 Páx. 35278

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2018 pola que se modifica a Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (procedemento IN500A).

O 27 de abril de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

O artigo 29 da dita resolución dispón que as axudas se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00009, con 5.446.125 euros para o ano 2018 e 2.723.063 euros para o ano 2019.

O artigo 28 establece dous prazos de xustificación: 15 de outubro de 2018 para a anualidade de 2018 e 15 de marzo de 2019 para a anualidade de 2019.

O artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que na convocatoria da subvención se deberá indicar a contía máxima da subvencións e a súa distribución por anualidades atendendo o momento en que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan.

O remate da fase inicial de tramitación das solicitudes de axuda determinou a necesidade de modificar a distribución inicialmente aprobada. Esta modificación non supón prexuízo para os beneficiarios e persegue unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos recursos dispoñibles.

En consecuencia, de acordo co mencionado no artigo 26, e para realizar o dito reaxuste de anualidades sen incremento do gasto total da convocatoria e respectando os límites que establece o artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (procedemento IN500A)

O artigo 29 da Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2018 as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 queda redactado como segue:

Artigo 29. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2018 00009, con 3.706.400,44 euros para o ano 2018 e 4.462.787,56 euros para o ano 2019.

2. Este orzamento pódese ver incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do 7,5 %, e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2018

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal