Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2018 Páx. 35064

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Lugo

EDICTO (SSS 734/2015).

Eu, Rafael González Alió, letrado da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Lugo, fago saber que no procedemento con número SSS 734/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Manuel Rodríguez López contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e outros, sobre determinación de continxencia, se ditou sentenza cuxa decisión é a seguinte:

«Estimo a demanda de Manuel Rodríguez López, representado polo procurador Sr. Cabo Silva, contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ambos os dous representados polo letrado da Administración da Seguridade Social Sr. Villalobos Maldonado; o Servizo Galego de Saúde (Sergas), representado pola letrada da Xunta de Galicia Sra. Mouriz Fernández; Mutua Universal Mugenat, mutua colaboradora coa seguridade social número 10, representada polo letrado Sr. Espinosa Medina; e Grupo Miño Asistencia, S.L., que non compareceu malia constar a súa citación en legal forma. En consecuencia, determino que a incapacidade temporal iniciada polo demandante en data 2 de marzo de 2015 deriva da continxencia profesional de accidente de traballo, e condeno os demandados a estar e pasar por tal declaración e a mutua demandada a asumir a completa responsabilidade do subsidio económico e asistencia sanitaria do indicado proceso.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, facéndolles saber que esta non é firme e que contra ela cabe interpor, ante este xulgado, recurso de suplicación, que resolverá a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O recurso de suplicación deberase anunciar ante este xulgado por escrito ou comparecencia, dentro dos cinco días seguintes á notificación da sentenza.

Ao anunciar o recurso deberase xuntar o documento que acredite o ingreso de 300 euros como depósito para recorrer no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento número 2322-0000-65-0734-15, baixo apercibimento de non dar trámite ao recurso, salvo que o recorrente sexa traballador, habente causa seu, beneficiario do réxime público da Seguridade Social, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes destes, sindicato ou beneficiario do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Ademais, cando a sentenza condene ao pagamento de cantidade, o recorrente que non goce do beneficio de xustiza gratuíta deberá acreditar, no momento de anunciar o recurso, ter consignado no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento 2322-0000-60-0734-15, a cantidade obxecto da condena. Poderase substituír a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval solidario de duración indefinida e pagadoiro a primeiro requirimento emitido por entidade de crédito.

No caso de que algún dos anteriores ingresos se verifique mediante transferencia bancaria, esta deberase dirixir á conta ES 55 0049 3569 92 0005001274, e farase constar como beneficiario “Xulgado do Social número 1 de Lugo” e como “concepto” o número de conta correspondente ao presente procedemento que proceda dos dous mencionados nos dous parágrafos que anteceden.

Expídase testemuño desta resolución para a súa incorporación ás actuacións, con inserción do orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgado na instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que lle sirva de notificación en forma a Grupo Miño Asistencia, S.L., en ignorado paradoiro, expido e asino o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 25 de xuño de 2018

O letrado da Administración de xustiza