Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2018 Páx. 35044

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2018, conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., pola que se aproba a convocatoria de consultas preliminares do mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICO Mindset).

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega), de conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, é unha axencia pública autonómica adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

A Amtega, segundo o artigo 6 do seu estatuto, aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, ten, entre as súas competencias, a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías, así como o fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia. Así mesmo, aglutina as competencias e os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás anteriores estruturas TIC dispersas no sector público autonómico. Polo tanto, ten, entre as súas competencias, o deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa, entre eles o referido na presente resolución.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (en diante, a Corporación RTVG) é unha sociedade mercantil pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, tal e como se recolle na Resolución do 29 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de decembro de 2015.

A Corporación RTVG está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia e conta con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, contando con autonomía na súa xestión con independencia funcional respecto do Goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón de patrimonio propio nos termos establecidos pola normativa vixente e ten como obxecto social a prestación do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia nos termos previstos na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, así como todas aquelas actividades necesarias para o exercicio das súas funcións de servizo público ou que estean relacionadas coa comunicación audiovisual. O servizo público de comunicación audiovisual é un servizo esencial de interese económico xeral que ten por obxecto a produción, edición e difusión dun conxunto posible de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, que cubrirán os distintos xéneros, destinadas a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade, a preservar o pluralismo nos medios de comunicación e a promover o emprego da lingua galega.

Segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) pódese observar que desde o ano 2011, o sector contidos vén diminuíndo o número de empresas que o forman de xeito continuo ata chegar a 843 empresas no ano 2016. Este complexo periplo pode atribuírse á coincidencia da crise económica e aos profundos cambios tecnolóxicos relacionados coa forte dixitalización do sector. Esta diminución no número de empresas do sector dos contidos dixitais está asociada, así mesmo, a unha falta de especialización, así como á dificultade para adaptarse nun sector completamente dixitalizado, cunha escasa diversificación de mercados e con empresas de pequena dimensión.

Pola súa banda, a aposta da Corporación RTVG nos medios dixitais ten como obxectivo achegar os contidos da televisión e da radio galegas axeitados aos diferentes soportes para facilitar ao usuario/a o seu consumo e participación onde e cando queira. Tamén son obxectivos fornecer novos contidos de valor engadido en diversas canles dixitais e favorecer a interacción co público, especialmente canles dixitais temáticas específicas con atención preferente ao público infantil e xuvenil. A actividade de comunicación da Corporación RTVG está inspirada en principios como o de procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da comunidade autónoma.

Ambas as entidades, segundo o establecido no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (en diante, DICO Mindset), participan, de xeito coordinado, en proxectos que fomenten a creación de contidos dixitais orientados a un mercado global e o desenvolvemento de novas tecnoloxías na industria dos contidos dixitais. Entre as actuacións previstas no marco do devandito plan está o desenvolvemento de accións en colaboración cos seguintes obxectivos:

• Conseguir mecanismos de estímulo axeitados para as empresas do sector.

• Potenciar o desenvolvemento do sector de contidos dixitais en colaboración cos axentes.

• Lograr o efecto de arrastre no sector, estimulando a comercialización fóra da comunidade autónoma.

• Fomentar un sector máis competitivo

No marco do indicado anteriormente, o día 12 de xullo de 2018 o Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. para o desenvolvemento dun proxecto de innovación tecnolóxica no marco do Plan de impulso aos contidos dixitais en Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Entre os compromisos adquiridos pola Amtega e a CRTVG no devandito convenio cómpre salientar o de participar de forma conxunta na elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e das prescricións técnicas das contratacións derivadas dun proxecto de innovación no ámbito das novas tendencias en contidos interactivos.

Neste contexto, para o desenvolvemento do DICO Mindset, en particular no relativo aos proxectos en colaboración entre a Amtega e a CRTVG no marco do eixe prioritario de actuación E2. Proxectos tractores, resulta de interese dirixir consultas aos operadores económicos coa finalidade de preparar correctamente a licitación e informar os citados operadores económicos acerca dos seus plans e dos requisitos que se exixirán para concorrer ao procedemento.

Segundo o disposto no artigo 115 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, «Os órganos de contratación poderán realizar estudos de mercado e dirixir consultas aos operadores económicos que estivesen activos nel coa finalidade de preparar correctamente a licitación e informar aos citados operadores económicos acerca dos seus plans e dos requisitos que exixirán para concorrer ao procedemento».

En consecuencia co anteriormente exposto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

ACORDAN:

Primeiro. Convocatoria

Convócase a consulta preliminar do mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais no marco do DICO Mindset

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é promover a participación das persoas, físicas ou xurídicas, para a identificación de propostas que contribuirán ao proceso de desenvolvemento e execución de solucións e servizos no ámbito dos contidos dixitais interactivos, no marco do DICO Mindset, coas características que se relacionan no anexo á presente resolución. Concretamente, o obxectivo é que, a partir dos resultados da consulta preliminar do mercado, a Amtega e a CRTVG teñan coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para o lanzamento dun eventual procedemento de licitación posterior.

Terceiro. Participantes

A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración coa Amtega e coa CRTVG para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance coma no desenvolvemento posterior.

Admitirase a presentación de varias propostas por unha mesma persoa física ou xurídica, xa sexa individualmente ou en forma conxunta con outros. Cando unha proposta se presente de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades deberá identificarse aquela que as represente, para efectos de interlocución coa Administración.

A participación na convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados da participación na convocatoria serán a cargo dos interesados.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Cuarto. Aplicación dos principios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos non eventuais nos procedementos de contratación que se poidan ulteriormente convocar. A participación na consulta preliminar do mercado non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto da adxudicación dos contratos que poidan celebrarse con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para estes efectos, a Amtega e a CRTVG tomarán as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos indicados principios tanto no desenvolvemento desta convocatoria como en calquera procedemento ulterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicarase aos demais participantes, candidatos ou licitadores, calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas ou funcionais se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que, razoablemente, poida ser necesario para preparar aquelas, atendida a complexidade do contrato.

Quinto. Presentación das propostas

A presentación das propostas suxeitarase ás seguintes regras básicas:

1. A Amtega e a CRTVG establecerán os requisitos e especificacións funcionais relativas aos proxectos a través das fichas de proxectos que estarán dispoñibles e serán accesibles a través da páxina web https://amtega.xunta.gal/dicomindset

2. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas propostas en lingua galega ou en castelán segundo as fichas que se atopan dispoñibles na páxina web https://amtega.xunta.gal/dicomindset. Opcionalmente, poderanse acompañar as fichas da documentación complementaria que xulguen pertinente onde se desenvolva a proposta con maior detalle. No caso de que unha proposta a presente, de forma conxunta, un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

En todo caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

3. As propostas remitidas seguirán un modelo que estará dispoñible en formato electrónico na páxina web https://amtega.xunta.gal/dicomindset. Habilitarase unha ficha modelo para cada un dos proxectos, que se enviará a través do formulario dispoñible na páxina web https://amtega.xunta.gal/dicomindset ou por correo electrónico ao seguinte enderezo: cm.dicomindset@xunta.gal. As propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período comprendido entre a publicación deste anuncio e a data de finalización da consulta preliminar do mercado.

4. A Amtega e a CRTVG estudarán as propostas que se presenten e poderán utilizalas no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos, tanto na súa definición como no seu alcance, así como na definición dun eventual procedemento de licitación posterior. Se se considera de interese, a Amtega e a CRTVG poderán convocar individualmente participantes concretos para realizar unha presentación máis detallada ou ampliar a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación fose pública, serán informados disto os demais participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio de información derivado da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 126 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Sexto. Transparencia da consulta

Para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente o seu consentimento para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas. En caso de non dar consentimento, serán excluídas do proceso.

A Amtega e a CRTVG reservan para si a facultade de facer públicos os datos anuais das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no punto seguinte, así como aqueloutras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos. Co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicará a información relativa aos avances na definición de cada proxecto.

Así mesmo, a Amtega e a CRTVG reservan para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos e das achegas realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público recoñecemento.

O uso do contido das propostas limítase exclusivamente á súa utilización na definición das especificacións dos eventuais procedementos de contratación que seguisen á consulta preliminar do mercado. Polo tanto, a Amtega, tendo en conta as propostas e con suxeición ás normas contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución dos proxectos.

Sétimo. Confidencialidade

Os datos persoais recadados neste procedemento de consulta preliminar do mercado serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Amtega coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento. Estes datos incluiranse, necesariamente, nas fichas de proposta, en que se fará constar, ademais, o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento no caso de ser relevante.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Por outra banda, para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que a Amtega manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade de divulgación das solucións e da definición das especificacións dos proxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, fose facilitada polos participantes e estes designasen como confidencial.

Oitavo. Patentes

As solucións e especificacións técnicas ou funcionais que se presenten para os proxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento concreto, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou a unha produción determinados.

Así mesmo, a participación na convocatoria comporta que, para os efectos de posibilitar a definición das especificacións técnicas ou funcionais, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, a súa difusión, publicación e o seu libre uso por parte da Amtega, da CRTVG ou de empresas colaboradoras no desenvolvemento dos futuros proxectos, as propostas e solucións presentadas non poden estar suxeitas a dereitos de explotación de propiedade intelectual, sen ningunha limitación territorial ou temporal.

Noveno. Contratación de proxectos

Unha vez realizada a definición das especificacións funcionais dos proxectos co grao de concreción necesario, a Amtega poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 ou normativa de aplicación. Este eventual procedemento de contratación pública estará aberto a todas as propostas posibles que cumpran as condicións do procedemento, teñan ou non estado ligadas á consulta preliminar do mercado anterior. En calquera dos casos, o procedemento determinará as súas fases así como os criterios de avaliación para superar cada unha delas.

Décimo. Prazo de presentación e peche da convocatoria

O prazo de presentación das propostas comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O peche da convocatoria para os correspondentes proxectos producirase unha vez que se acade o grao de definición necesario, por resolución conxunta da persoa titular da dirección da Amtega e da persoa titular da dirección xeral da CRTVG, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2018

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Alfonso Sánchez Izquierdo
Director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

ANEXO

Solucións e servizos para a Corporación RTVG no ámbito dos contidos dixitais interactivos no marco do DICO Mindset

O DICO Mindset establece, entre o seus eixes prioritarios de actuación, levar a cabo unha serie de proxectos innovadores que dinamicen o sector. Esta iniciativa ten por obxectivo a posta en marcha dunha plataforma integral a través da cal se ofrecerán distintos servizos baseados nos contidos dixitais interactivos. Entre os ditos servizos, podemos destacar os seguintes:

• Servizos relacionados cos novos formatos dixitais e modelos de visualización: realidade virtual, aumentada e/ou mixta, gamificación e serious games (simuladores), etc.

• Servizos relacionados cos novos modelos de creación de contidos: canles baseadas en contidos creados polos usuarios, novas tecnoloxías de captación de imaxe (vídeo 360º, 4K, holografía, escenas 3D), produción en tempo real, explotación dos datos dos consumidores (recomendadores), etc.

• Solucións relacionadas cos novos dispositivos e as novas canles de distribución: contidos multiplataforma (televisión, internet e aplicacións móbiles), tecnoloxías táctiles, recoñemento xestual.

• Solucións relacionadas coas novas tendencias no consumo: omnicanalidade, contidos baixo demanda, contidos interactivos e enriquecidos, etc.

• Servizos relacionados coa incorporación á TV de novas narrativas interactivas.

O seu desenvolvemento e extensión supón os seguintes retos:

• Como aplicar as novas capacidades tecnolóxicas para dar cabida á configuración do modelo de televisión pública interactiva.

• Cal debe ser o modelo de provisión de contidos innovadores con capacidades de persoalización de acordo coas novas tendencias de consumo.

• Establecer un modelo económico sustentable que permita a adaptación progresiva ás novas tendencias dixitais con impacto económico no sector dos contidos dixitais.

• Cal é o modelo tecnolóxico axeitado para a configuración deste servizo no ámbito da Corporación RTVG.

A información relativa ao proxecto indicado neste anexo estará ao dispor dos interesados na páxina web https://amtega.xunta.gal/dicomindset