Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34946

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 12 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 409156.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia (entre elas, cooperativas ou outras entidades asociativas agrarias), que teñan entre as súas finalidades a formación e/ou información ao sector e que teñan acreditada experiencia de dous anos na organización de actividades de información e/ou demostración en materias relacionadas cos sectores agrícolas, gandeiros, forestais ou agroalimentarios.

Disporán dos medios axeitados e do persoal cualificado para a execución das actividades obxecto da subvención, con titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias ou afíns.

Deberán acreditar experiencia concreta no ámbito da actividade que se vai desenvolver.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas a financiar actividades de demostración e accións de información orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e ás mulleres do medio rural, orientadas a persoas en idade laboral, en activo ou con expectativa de incorporación en sectores produtivos relacionados coa agricultura e a silvicultura, así como facilitar a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías e coñecementos aos ditos sectores, coa finalidade de procurar un aumento da produtividade e eficiencia das explotacións agrarias e forestais e das empresas agroalimentarias, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2018. O seu código de procedemento é o MR330B.

2. Para o apoio a estas actividades de demostración e accións de información dotaranse orzamentariamente por separado os seguintes grupos/colectivos de beneficiarios:

a) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a actividades cuxos asistentes sexan polo menos o 60 % mulleres.

b) Axudas para as actividades de demostración e accións de información baixo a submedida 1.2, destinada a grupos ou colectivos non comprendidos na letra a).

3. Non se financiará ningunha actividade de investigación nin campos de ensaio.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de actividades de demostración e accións de información para o sector agroforestal e agroalimentario, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

1. As axudas económicas para actividades de demostración e información faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0, código de proxecto 201600214, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2018. A contía total máxima para esta liña de axuda alcanza o total de 301.592,32 euros que se repartirán en dúas anualidades: no ano 2018 o crédito destinado á subvención é de cento sesenta e un mil cincocentos oitenta euros con corenta e dous céntimos (161.580,42 euros), e para o ano 2019 é de cento corenta mil once euros con noventa céntimos (140.011,90 euros).

2. A repartición estimada segundo o colectivo de destinatarios é:

a) Actividades con participación de polo menos o 60 % de mulleres, 80.790,21 euros para o ano 2018 e 70.005,95 euros para a anualidade 2019.

b) Actividades non incluídas na epígrafe anterior, 80.790,21 euros para o ano 2018 e 70.005,95 euros para a anualidade 2019.

3. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo as exixencias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Consellería do Medio Rural (www.xunta.gal/medio-rural).

4. As axudas están financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5 %.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nestas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2018

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural