Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34898

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación de solo de núcleo rural da Cabana, do concello de Monfero (A Coruña).

O Concello de Monfero remite o expediente referido en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido na disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.2 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, subscrita polo arquitecto Antonio López Rodríguez; e vista a proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Monfero carece na actualidade de planeamento xeral municipal.

2. O expediente é promovido por Lucía Cortizas Suárez e Javier Regueiro Iglesias.

3. De acordo co expediente administrativo achegado polo Concello, observouse:

a) Constan informes do arquitecto técnico, do 10.6.2015; e do secretario municipal, do 16.9.2015, favorables á tramitación.

b) O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 19.9.2015. Foi sometida a información pública polo prazo de un mes (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 11 e decembro e DOG do 28 de outubro) sen que se presentasen alegacións.

c) En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén o seguinte:

• Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: informe do 28.9.2015, favorable condicionado.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informes do 7.4.2016, no que se indica a necesidade de correccións; e do 10.11.2016, favorable con condicións.

d) Constan informes do arquitecto técnico do 13.9.2016 e 13.12.2016, favorables.

e) O expediente foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 16.12.2016.

4. O expediente tivo entrada na Xunta de Galicia o 13.1.2017. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu mediante escrito do 6.3.2017 a emenda das deficiencias observadas no expediente.

5. O pleno municipal de 15.12.2017, aprobou provisionalmente de novo o expediente.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

O expediente ten por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural da Cabana, parroquia de Queixeiro. Delimítase como solo de núcleo rural tradicional un ámbito de 45.810 m2, que presenta un grao de consolidación da metade, conforme a xustificación contida no proxecto. A ordenanza proposta para o núcleo prevé unha parcela mínima de 1.000 m2, reducible nos casos de parcelas encravadas entre outras edificadas, ata un mínimo de 300 m2; unha fronte mínima de 15 m, cunha norma específica para as parcelas con edificacións tradicionais; e unha configuración de parcela que permita a inscrición dunha circunferencia de 12 m de diámetro. Inclúese a catalogación de 6 hórreos.

III. Informe.

1. A disposición transitoria 2ª.2 da LSG, sinala que os plans aprobados inicialmente á súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG. Disto resulta que é posible resolver nestes termos sobre a aprobación definitiva do expediente proposto, tramitado conforme a disposición adicional 2ª.2 da LOUG.

O artigo 78 da LSG preceptúa que os municipios sen planeamento xeral, caso do de Monfero, poderán delimitar o solo dos núcleos rurais existentes, logo da aprobación do correspondente expediente de delimitación, en que se acreditará o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 23 da LSG e se incluirán as determinacións previstas no artigo 55 dela.

2. O novo proxecto corrixe as deficiencias sinaladas no requirimento da SXOTU do 6.3.2017. En todo caso, o novo proxecto debe incorporar o catálogo que figuraba no proxecto aprobado provisionalmente en 2016.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural da Cabana, parroquia de Queixeiro, do concello de Monfero, incluíndo o catálogo que figuraba no proxecto aprobado provisionalmente en 2016.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da Delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file